Por mor do mal tempo, la marcha polo galego Correlingua trasladouse onte ó recinto feiral, no que se celebrou a festa baixo o lema "Galego, a chave do mundo".

"As previsións indicaban que non habería chuvia, pero cando chegamos á Ferraría, onde ía empezar a marcha, xa orballaba", indica a organización, que optou pola suspensión da carreira, por mor especialmente dos máis pequenos.

O actor Pepe Penabade encargouse de conducir a festa, na que tamén se leu o manifesto gañador do Correlingua.

A lectura correu a cargo dos alumnos do IES de Ponte Caldelas e á mesma seguiu a actuación musical de Balbina, gañadora do concurso Cantalingua.

Máis de mil nenos, alumnos de centros educativos da comarca, participaron no encontro, que contou con animación musical, malabares o dragón de Art Monium.

Un ano máis, a festa foi unha proposta de carácter lúdico e tamén educativo para convidar ós nenos a reivindicar o seu dereito a medrar en galego e tamén a empregar o noso idioma.

Todos os centros escolares participantes (un total de 15 colexios e institutos) recibiron como agasallo un lote de libros doados polas librarías e editoras da cidade de Pontevedra. O remate final foi a solta de globos xigantes: cada centro encheu un dun metro de diámetro, nun símbolo de que o Correlingua continúa por outras comarcas galegas. A vindeira será Monforte.