19 de junio de 2011
19.06.2011
Benito Montero Prego - Fiscal da Audiencia de Pontevedra

"Temos informes de que as pexas causan un enorme sufrimento aos cabalos"

O fiscal asegura que perseguindo esta práctica delictiva responden a "un sentir da cidadanía"

19.06.2011 | 08:30
Benito Montero naceu en Cambados, aínda que reside na parroquia de San Salvador (Poio) dende 1996, concello do que é fillo adoptivo. Dende 1990 exerce como fiscal na Audiencia de Pontevedra, profesión na que desenvolveu unha importante labor pola normalización do galego na Xustiza sendo cofundador da Irmandade Xurídica Galega.

A Fiscalía de Pontevedra acaba de lanzar unha ofensiva contra unha forma de maltrato animal que, amparada nunha mal entendida tradición, está moi extendida nos montes da provincia: O emprego de "pexas", "trancas" e outros trebellos similares nos cabalos que se crían en liberdade. Aqueles gandeiros que sexan identificados como donos dun cabalo con "pexas" serán denunciados por delitos que mesmo poderían acarrexar penas de cárcere. O impulsor desta medida é o fiscal pontevedrés Benito Montero Prego, quen xa puxo en marcha unha investigación similar en 2007. Montero Prego explica que a Fiscalía non está facendo outra cousa que responder a unha demanda da propia sociedade.

–Recibiron xa na Fiscalía algunha denuncia polo uso de "trancas" ou "pexas"?

–De momento aínda non temos ningunha porque o oficio remitido pola Fiscalía á Xunta e ao Seprona para que procedesen a identificar aos donos dos cabalos "pexados" saíu hai poucos días. O que sí parece que se producíu é una resposta con unha tremenda solidaridade por parte da cidadanía posto que nestes días xa tiven varias chamadas de xente anónima reportando casos de cabalos "pexados". Todas as informacións que nos vaian chegando se comunicarán ao Seprona para que faga a investigación oportuna e trate de identificar a eses cabalos e aos seus donos.

–Hai uns anos a Fiscalía xa puxo en marcha unha medida similar...

–Si, no ano 2007 abríronse unhas dilixencias informativas para perseguir este tipo de delitos.

–Daquela foise un pouco máis flexible cos donos destes cabalos.., esta vez parece que non vai ser así...

–Foise flexible e moi correcto dende o punto de vista xurídico porque constatouse que había un erro entre os propietarios dos cabalos que tiñan instaladas estas "pexas". Alegaban que era un costume tradicional, que dende pequeniños sempre se lle puxeran "trancas" aos cabalos e que non tiñan nin idea de que iso pudiera ser constitutivo de delito. O propio Código Penal contempla que cando hai un erro de prohibición, é dicir, cando se fai unha cousa considerando que está ben feita, non hai delito. Nestes casos atendeuse fundamentalmente a este criterio e xurídicamente había que archivar as actuacións. Agora estamos ante un escenario diferente. Os donos dos cabalos xa saben de sobra que a Fiscalía considerou como delito a utilización das "pexas" polo que hoxe esta exculpación non ten cabida. Xa non existe ese posible erro. Cando nos cheguen, se nos chegan, os informes da Xunta e do Seprona denunciando a presencia dun cabalo "pexado" e se identifique ao seu dono, inmediatamente se fará unha denuncia ante o xulgado e se seguirá o procedemento correspondente.

–No oficio remitido pola Fiscalía ao Seprona e á Xunta non só se fala dun posible delito de maltrato animal, senón que tamén se pode incurrir nun contra a seguridade viaria...

–Si, porque a Fiscalía considera que todo aquel cabalo "pexado" que esté nunha vía pública que sexa de circulación está sendo un obstáculo gravísimo para a circulación, xa que practicamente non se move, tarda moitísimo en reaccionar e salir da estrada. Para un conductor que o atope de noite ou ao saír dunha curva é como se de súpeto lle levantaran un muro diante. Un conductor que vai nunha conducción normal non agarda atoparse cun obstáculo insalvable na vía.Polo tanto a Fiscalía pedirá que se investiguen todos os casos, non só os que denuncie o Seprona, tamén os particulares.

–Volvendo ao maltrato animal, ¿Fanlle as pexas tanto dano ao animal?

–Se realmente estos casos se denuncian como un delito de maltrato animal é porque temos informes veterinarios de que estos cabalos sofren enormemente polas feridas que lle provocan nas patas. Isto é algo que se pode apreciar a simple vista sobre todo no verán cando se ve como as extremidades lesionadas están ateigadas de moscas. Estos artefactos provocan que os cabalos vaian tropezando polo monte unha e outra vez con mil cousas e vanlle deformando cada vez máis as patas cun enorme sufrimento para el, que chega a un momento que nin intenta moverse. Está comprobado que se produce unha deformación total no corpo do animal que leva consigo moito dolor. Como non falan non poden queixarse, pero os veterinarios téñeno moi claro e así o plasman nos seus informes. Ademáis, neste caso non só se trata de que a Fiscalía o vexa así, senón que é un sentimento xeralizado en toda a sociedade.

–Eso sin contar a gran limitación de movementos que teñen para afrontar diversos perigos...

–Efectivamente. Outro dos grandes problemas aos que se enfrontan os animais con "pexas" é que están á mercede de calquera depredador xa que a súa única defensa son as patas que quedan totalmente anuladas. Por outra parte, co tempo que estamos a ter en calquera momento pode producirse un incendio nos montes nos que están estos cabalos e, indudablemente, ao non poder escapar van sufrir queimaduras gravísimas, quedar cegos ou mesmo lle producen a morte. E iso é algo que non pode soportar a sociedade, que non quere que pase eso e polo tanto a Fiscalía ten que estar atenta a este sentir da cidadanía e botar man dese artigo contra o maltrato animal para intentar que esta situación remate.

– O ámbito desta investigación que acaba de abrir o Ministerio Público é toda a provincia de Pontevedra pero, hai algúns puntos nos que o uso das "pexas" sexa especialmente elevado?

–Bueno, é certo que no Castrove estanse vendo cabalos "pexados", pola banda do lago Castiñeiras, tamén en Domaio..., tamén en Vilagarcía e no Xiabre parece que hai algúns..., cousa que xa non aparece tanto hacia o interior da provincia onde os cabalos están totalmente libres e teñen os seus curros. Dispoñen incluso do chip para poder ser identificados. Eses criadores ou donos dos cabalos actúan como deben de actuar, con normalidade, respetando ao animal e impedindo que padezan estes danos que parece que están ocurrindo por aquí e que é o que vai a perseguir a Fiscalía.

–Vaticina vostede que moitos propietarios de cabalos vaian a acabar
ante o xuíz por poñerlle estos artefactos aos animais?

–Acabarán ante o xuíz todos aqueles que o Seprona e a Xunta nos denuncie como donos de cabalos "pexados". Todos esos irán ao xulgado que lles corresponda xa que a Fiscalía presentará denuncia contra eles.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

GALICIA EN VINOS

Galicia en Vinos

Todos los vinos de Galicia

Consulta aquí todos los vinos de las cinco denominaciones de origen de Galicia


FaroEduca