O Centro de Interpretación das Torres Arcebispais (CITA) abrirá as súas portas o próximo día 29 deste mes de outubro. Así o anticipou hoxe a tenente de alcalde, Teresa Casal García, quen, non obstante, deixou claro que a data non é absolutamente definitiva, e depende dos trámites administrativos aínda pendentes.

O Concello está ultimando a aprobación do prezo público para o acceso ao novo espazo museográfico. Haberá un prezo de 2 euros para o público en xeral e outro reducido, de un euro, que se aplicará aos maiores de 65 anos, estudantes, menores de entre 8 e 16 anos, grupos familiares a partir de catro membros e desempregados. Finalmente, o acceso será gratuíto para os menores de oito anos.

Teresa Casal tamén anticipou que o CITA pechará os martes, xornada que foi elixida para que non coincidira co descanso no Museo Provincial. O horario será de 10 a 14 horas e de 16 a 19. Os domingos e festivos só haberá xornada de mañá.

A tenente de alcalde recalcou que o aforo do espazo é de 20 persoas, polo que entre as distintas opcións para adquirir as entradas figurará a venta anticipada.

O centro ocupa 715 metros cadrados comprendidos entre o muro interior, que era a base da fachada da fortaleza (a escarpa) e o muro exterior, de peor factura (a contraescarpa). A estrutura inclúe tamén os alicerces dunha ponte levadiza para o acceso á fortaleza. O achado arqueolóxico resultou sorprendente porque o foso defensivo está situado cara o interior da vila, dado que o pazo-fortaleza protexíase do exterior pola muralla defensiva de Pontevedra, da que formaba parte. Durante as obras atopáronse tamén 24 bolas toscas de pedra que foron utilizadas no seu día como proxectís de catapulta.

As obras foron executadas pola empresa "Varela Villamor" cun orzamento de 1.465.024,33 euros. O deseño arquitectónico busca a posta en valor do oco aberto polas escavacións e conta como único elemento en superficie un acceso, a modo de boca de metro acristalada, na rúa do Mestre Mateu.

O centro museográfico ofrece información contextual da Pontevedra medieval e moderna e sobre o propio edificio do pazo-fortaleza; propón a observación da escarpa, a contraescarpa e das características defensivas deste inmoble. Tamén a ponte levadiza e as balas pétreas de catapulta, das que se exporán unhas 15 das 24 atopadas son outros dos elementos a estudar, así como as marcas de canteiro e algunhas pezas cerámicas.