O fiscal da Audiencia Provincial, Benito Montero Prego, atópousese esta semán no medio dun xuizo con xulgado popular. Móvese pola Audiencia como pola súa casa, non obstante leva 30 anos exercendo en Pontevedra a súa profesión.

Condúcenos cara o seu despacho. Unha vez alí prefire sacar a toga para deixar por uns minutos de ser fiscal e falar das súas vivencias como veciño de Poio e o seu próximo nomeamento como fillo adoptivo deste Concello. Claro que todo está moi vinculado á súa traxetoria profesional e sobre todo a unha das súas grandes paixóns, a loita en prol do galego que vén desenvolvendo no eido xudicial.

–Como recibiu a nova de que ía ser nomeado Fillo Adoptivo do Concello de Poio?

–Con enorme sorpresa porque descoñecía a existencia deste expediente. No momento en que me dixeron en que me ían propoñer no pleno como Fillo Adoptivo, non me imaxinaba as razóns porque como veciño e cidadán non había méritos ningúns para que me fixeran esa distinción. Logo, cando coñecín os motivos, sentín un enorme agradecemento porque se recoñeza algo que fago de todo corazón que é defender o galego na Administración da Xustiza.

–Cal é o seu vínculo co municipio de Poio?

–Trasladeime de Pontevedra ó municipio de Poio, onde resido dende hai quince anos. É un lugar tranquilo e agradable que nos satisfacía a min e a miña familia vivir neste concello.

–O motivo do recoñecemento é a loita que vén desenvolvendo a prolo do galego no exercicio da súa profesión. Supoño que será para vostede unha gran satisfacción.

–Sen buscar recoñecemento de ningún tipo, é certo que veño desenvolvendo a miña actividade dende hai 30 anos no ministerio fiscal íntegramente en galego e con ningún tipo de ansia máis que a normalización do que considero que debe ser fundamental na identidade do pobo galego que é a utilización do seu idioma en todos os niveis.

–Como xurde esta vocación por traballar en prol do galego?

–Xurde en contacto coa xente. Cando vin destinado a Pontevedra deime conta de que había moitas persoas que se expresaban en galego e estaban moito máis cómodas expresándose no seu idioma. Polo tanto, quería achegarme a ese pobo falando na misma lingua ca eles. Esto mudou un pouco co paso do tempo. Hoxe probablemente ninguén teña problemas para expresarse en castelán como hai 30 anos tiña moita xente das aldeas. Penso que hoxe hai que defender o noso idioma por riba de todo para defender a identidade do noso pobo, que se basa fundamentalmente na utilización do noso idioma.

–Como valora o momento que está a vivir a lingua na actualidade?

–Penso que hai luces e sombras. Penso que hai xente moi activa na defensa do galego como se pode percibir en todas as manifestacións contra o proxeto do Decreto da Ensinanza deste goberno e as enormes protestas que houbo en Santiago con todo un pobo defendendo o seu idioma. Isto é unha parte moi optimista. Menos optimista resulta o feito de que entre a xuventude se estea perdendo pouco a pouco pero inexorablemente a utilización do noso idioma. Tamén é certo que a nivel de rúa vese xente moza que fala só en galego cando os seus pais non o fixeron nunca. Trátase dunha reivindicación polo idioma, polo propio e a identidade porque teñen claro que teñen que defender unha obra de arte tan inmensa e inigualable como é un idioma, a maior obra de arte que puido producir o pobo galego por encima de calquer construcción ou monumento.

–O eido xurídico era ata hai pouco un dos máis alleos ó uso do galego. Como está agora a situación?

–Cando eu comecei a carreira o galego nunca se utilizaba. Pouco a pouco foise introducindo porque algúns dos que chegamos á Xustiza traiamos da casa a condición do galego como algo normal. Hoxe estase a dar un avance que nunca se sospeitou que consiste na existencia da Irmandade Xurídica Galega, da que son socio fundador e a que pertencen maxistrados, xuíces, fiscais, secretarios, abogados, procuradores... que formamos un grupo de 40 persoas que prometemos solemnemente empregar sempre o galego nas nosas profesións. Por outra banda, para o próximo congreso xa temos 20 peticións máis de profesionais que queren ingresar nesta asociación para normalizar o uso do galego na Xustiza. O galego está nunhas condicións de inferioridade tremendas, por moito que o goberno queira dicir o contrario.

–Vostede sempre fala en galego durante os xuizos. Supoño que esto lle terá reportado máis dalgunha anécdota.

–Unha anécdota importante é que cando eu empecei a falar en galego nos xuizos había moitos galegos que pedían perdón por non empregar o castelán. Hoxe curiosamente desde que os fiscais e algúns xuices interrogan en galego o que se produce é todo contrario, hai castelán falantes que piden perdón por non expresarse en galego. Considéroo un avance extraordinario na percepción de que o noso idioma ten absoluta lexitimidade para empregarse na Administración da Xustiza.

–A súa adicación profesional ó Dereito tamén lle veu por vocación.

–Foi unha vocación que me xurdiu desde rapaz. Nacín en Cambados donde tiven contacto con extraordinarios abogados e xuices. Meu pai era o taxista destes profesionais o que me propiciou un contacto moi directo con eles. Dende moi pequeno a miña vocación medrou para estudiar Dereito.

–Leva 40 anos exercendo como fiscal. Hai algún xuizo que recorde dunha maneira especial?

–Lémbrome de moitos. Nos últimos anos participei nuns 25 xuizos con xurado, que na maioría dos casos son de asasinatos ou homicidios. Todos eles teñen o seu interese, tendo en conta que temos que dirixirnos a persoas e cidadáns normais que nunca tiveron contacto co Dereito nin coa Xustiza e que, sen embargo, responden admirablemente como auténticos xuices. Tamén recordo xuizos de mínima importancia, pero que non deixaban de ser problemas humanos para quen tiña que vir o xuízo. O fiscal ten que estar moi atento ós problemas humanos, tanto os grandes como os pequenos.

–Durante os últimos 30 anos a súa traxetoria profesional vense desenvolvendo na Audiencia Provincial de Pontevedra. Que valoración lle merece o seu funcionamento.

–Daríalle prácticamente un dez. Aquí traballan grandes maxistrados con capacidade xurídica, con independencia, con vocación e un esforzo e traballo dignos de ter en conta. É unha das Audiencias que máis está ó día no que se refire ó traballo diario.

–A introdución do galego na Xustiza non foi o único ámbito no que vostede foi un precursor. Iniciou un proceso na loita contra o suo de "trancas" nos cabalos salvaxes. En que fase se atopa este proceso?

–A defensa do benestar dos animais foi algo que me obsesionou sempre porque penso que poden sufrir e penso que no ámbito educativo todos temos que ver no respecto ós animais un principio de respecto pola humanidade, pola terra e por todo o que nos rodea. Abrín unhas informativas na fiscalía ante a miña observación directa dos cabalos que levaban unhas trancas infames que seguro que lle producían unha enorme dor. Recibín tamén denuncias de particulares, falei con veterinarios e unha vez que tiven estes datos chamei a declarar a moitos donos de cabalos para dicirlles que ou eliminaban as trancas ou os denunciaría nos xulgados polo delito de maltrato a estes animais.

–Conseguíu a súa actuación mellorar esta situación nos montes da comarca?

–En Pontevedra este problema está practicamente solucionado salvo algún caso particular. Se un vai ó Castrove hoxe case ningún equino leva trancas, cando antes era algo moi habitual.