Reizentolo e as Romaxes de Crentes Galegos son os galardoados co premio Xoán Manuel Pintos, que otorga a Concellaría de Normalización Lingüística. Obteñen o premio nos ámbitos local e galego respectivamente.

O galardón ten como fin facer un recoñecemento público ao labor de impulso do uso da lingua galega e ao mesmo tempo manter viva a memoria do xurista e escritor Xoán Manuel Pintos, figura central do Rexurdimento.

O xurado, formado polo edil Demetrio Gómez Xunqueira, concelleiro de Normalización Lingüística; Kiko da Silva Irago (premiado o ano pasado no ámbito local); Francisco Carballo Carballo; Engracia Vidal Estévez; Antón Prieto Méndez, representante do Colexio Profesional de Xornalistas; Dolores Valiño Ferrín, representante do ENDL do IES Torrente Ballester; Mercedes Vázquez Rodríguez, da asociación Máislibros; Xaquín Estévez Galiñanes, da asociación O Burgo; Ernesto Filgueira Touriño, da asociación Centro Comercial Urbano Zona Monumental; María Cuquejo Enríquez, representante da Administración autonómica, SXPL e Concepción Cochón Rodríguez, técnica de normalización lingüística no Concello de Pontevedra, acordou o premio.

Reizentolo é unha empresa local que, desde Pontevedra, conseguiu innovar o ámbito do téxtil con deseños e creacións na nosa lingua que teñen un forte vínculo coa cultura e a retranca galegas.

Crentes Galegos dende o ano 1978 veñen organizando no segundo sábado de setembro unha romaxe itinerante, fomentando desde a fe o compromiso coa lingua e coa cultura galega.