A Federación Ecoloxista Galega, que coordina o biólogo Tino Quintela, ven de presentar alegacións ao documento de inicio do Plan de Xestión de residuos urbanos 2010-2020 da Xunta de Galicia. Quintela falou en Pontevedra sobre os Resíduos Sólidos Urbanos, nun ciclo de conferencias organizado pola Asociación Pola Defensa da Ría.

– Cales son os problemas específicos da bisbarra de Pontevedra en relación á xestión dos resíduos sólidos urbanos?

– Todo o eixo Ferrol-Coruña Vigo, no que está a bisbarra de Pontevedra, é o principal foco xerador de resíduos de Galicia. Pontevedra é unha das sete cidades, nas que se xenera máis da metade do lixo de toda Galicia. Entón, o que ten de especial é a grande xeración de lixo e o incremento, cada vez máis, de produción de resíduos, a diferencia dos concellos rurais. A maior cantidade de lixo, máis problemas de xestión, como maior consumo de auga e consumo enerxético, e a esas cousas hailles que ir poñendo solución permanentemente.

– Que problemas teñen detectado no Plan de Xestión de Resíduos da Xunta 2010-2020?

– Presentouse un documento de inicio, porque o plan aínda está en fase incial, no que non se plantexan aínda as infraestructuras a facer. O que se plantexan son uns obxectivos de que é o que se quere conseguir no 2020, é dicir, que nivel de envases, de materia orgánica queren recuperar. Tamén se establecen os principios que van rexir o deseño dese plan de resíduos. Nós alegamos bastantes temas, principalmente o que se plantexa é recuperar un nivel moi pequeno de materia orgánica, establecen compostar un 25% de materia orgánica no ano 2020. A nós nos parece un obxectivo moi baixo, porque casi cos plans de compostaxe que temos hoxe xa se cumplen iso. Nós plantexamos un mínimo dun 40% da materia, ou máis.

– A administración aposta suficientemente pola compostaxe?

–Poidera estar apostando para certa fracción moi pequena de materia orgánica, como podas de parques públicos ou semellantes, pero para o que son os resíduos domésticos semella que siguen apostando pola incineración. Porque manter un sistema como Sogama é incompatible coa compostaxe. En Sogama quéimase sobre todo materia orgánica.

– O novo plan segue a apostar pola incineración?

– Neste caso non indican canto, pero falan dun incremento da utilidade enerxética, é dicir, que parece que apostan máis pola incineración. Algo do que nós estamos totamente en contra.

–Téñense posto en marcha alternativas a Sogama que non resultaron viables. Vostedes que propoñen?

– Imos levar adiante unha serie de actuacións con algúns concellos, para que empecen a promover, dentro das competencias que teñen, un cambio de cousas, para a medio ou longo prazo chegar a sair de Sogama. O que ocurre é que vai depender tamén de que a administración autonómica colabore e tamén de conseguir financiación do Estado ou de Europa, porque agora mesmo un concello por sí mesmo non ten capacidade económica para pode plantexarse algo por libre.

– Algún concello da área de Pontevedra?

–Agora mesmo estamos mantendo reunións cos alcaldes das sete cidades, xa houbo contactos coa cidade de Pontevedra, no que lles animamos a facer un pronunciamente público a favor dun modelo descentralizado, porque poden facelo, e que a Xunta apoie a redución e a compostaxe. Estamos pendentes tamén de recuperar o modelo que emprenderon no Morrazo, para o que xa teñen instalación construida pero está totalmente desaproveitada, e tratar de revitalizar aquel plan do Morrazo.

– Descentralizado, como?

–Nós plantexamos que se pase dunha unidade de xestión única como hai agora en Sogama a unha estructura descentralizada. Partimos inicialmente dunha división de Galicia en 30 ou 40 áreas de xestión e en cada unha desas unidades habería unha planta de compostaxe, puntos limpos de recollida, unha instalación de triaxe de materiais e un vertedoiro.