A plataforma cidadá "Queremos Galego" fixo a súa presentación na mañá de onte no local social da federación Castelao, en Pontevedra. Kiko da Silva, o seu voceiro, anunciou que máis de 50 entidades locais e comarcais da cidade e do seu entorno xa están apoiando esta nova iniciativa. A intención dos seus impulsores é captar adeptos en tódolos sectores, independientemente da ideoloxía. Así o explicou Xosé Abilleira, un dos coordinadores na cidade do Lérez. "Vimos que había moita xente na última manifestación, e por iso pensamos nunha plataforma plural".

Xosé Rey, que estivo presente en representación da sección autonómica da plataforma, atacou o modus operandi de Galicia Bilingüe. "Galicia Bilingüe quere unha sociedade partida e diferenciada. O galego está a desaparecer e o castelán estase impoñendo. Non hai un problema co castelán, o problema é que non se está apoiando ó galego".

Da Silva, pola súa banda, explicou o "carácter social" da plataforma. "É unha tarefa común, defendelo como futuro, como vida, non como un fósil. O idioma está en perigo, devaluado. A situación preocúpanos moito dende a chegada de Alberto Núñez Feijóo, por que ata agora íamos tirando, con máis ou menos avances, pero agora se dan agresións no propio entramado xurídico".

Rey incideu en que "o máis urxente é frear a caída do galego, e despois meternos no Plan de Normalización Lingüística, que xa está aprobado".

Os responsables da idea aseguraron que máis de 50 entidades xa están detrás da delegación en Pontevedra (58, en concreto) e que outras moitas o farán nos próximos días.

"O caso de Castelao, que o someterá a votación, o teñen outros moitos, pero estamos seguros de que seremos máis", declararon.

O primeiro acto de grandes dimensións será a manifestación do 18 de outubro en Compostela, pero a delegación pontevedresa ten previsto algunha intervención nos días previos.

O carácter participativo pode ser tamén a título individual, no correo electrónico queremosgalegopontevedra@gmail.com.