Cando o pasado 3 de xullo o BNG de Pontevedra festexou os seus primeiros dez anos no goberno local, o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, atopábase de baixa laboral, sometido a unha operación cirúrxica. Para darlle a oportunidade de festexar cos seus compañeiros e simpatizantes esta década ao fronte do Concello, o partido organizou onte, tres meses despois, un acto político, que tentou ser un repaso a estes dez anos de goberno e a exposición das liñas básicas do que agardan que sexan outros tantos ao fronte do Concello.

"Mañá Máis" foi o lema da convocatoria, que reuníu no centro social Caixanova a 150 persoas (o aforo completo da sala pequena de conferencias).

Lores tivo que facerse forte ante un auditorio de compañeiros e amigos, para manter a serenidade dun emotivo discurso, no que agradeceu os "moitos apoios" recibidos durante a súa convalecencia de dous meses. Mesmo asegurou que ao tempo que se enfrentaba ao bisturí na mesa de operacións, unha persoa pedía unha oración pola súa recuperación, nunha misa da igrexa de San Xosé. "Seino de boa tinta", asegurou aos seus simpatizantes.

"Queda moito por facer"

Xa na area política e no que calificou como "reincorporación á política municipal", expuso que "queda moito por facer", e que "o mellor está por vir". Denunciou os últimos intentos da Xunta de Galicia por "atrancar e revisar" proxectos importantes da cidade, así como a "clara aposta" do goberno autonómico e do Partido Popular que o sustenta pola cidade de Vigo e a súa área de influencia, en detrimento da capital.

Lores afirmou que o proxecto que está a desenvolver o BNG é "o único válido para esta cidade". O alcalde apuntou por dúas veces que está "a disposición" do seu partido e da cidadanía para seguir ao fronte do Concello. "Non empecei onte e non o vou deixar mañán", advertíu o rexedor. E chegou a asegurar que, de conseguilo, Pontevedra será nos vindeiros dez anos "a cidade mellor comunicada, con menos problemas de tráfico, coa mellor calidade urbana e a mobilidade do país".

"Estamos en condicións de construir un concello pioneiro en calidade de vida, cunha base produtiva diversificada, en sintonía co medio ambiente, cada vez máis xusta, máis solidaria e de maior cohesión social", sostivo o alcalde.

Para Lores a crise económica terá consecuencias inevitables para todos, pero desexou que unha desas consecuencias non sexa unha volta atrás na política local. "Non pode ter efectos como favorecer aos que queren meter a Pontevedra nun túnel, e nunca mellor dito", ironizou. Por iso o alcalde pedía aos seus corrilixionarios que non perdan "a confianza nas nosas posibilidades. Pontevedra ten un futuro explendoroso e o noso é o único proxecto válido", insistíu.