Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

HISTORIA

Herrero foi un dos mestres máis perseguidos dende a proclamación da República

José Sueiro con sus escolares de Pereiro de Aguiar.

Os piquetes funcionaron con bastante eficacia durante as primeiras xornadas e conseguiron evitar que moitos obreiros que, de motu propio ou coaccionados polos seus patróns, pretendían acudir aos seus postos de traballo puidesen facelo con normalidade. O gobernador civil ordenou a estes últimos que enviasen listaxes cos obreiros que se declararan en folga e dispuxo que aqueles que non a querían secundar acudisen a diario aos seus postos a diferentes horas para tratar de eludir a súa actuación. A prensa local mantivo o silencio: o día nove saíu o Galicia despois que a Dirección acordase substituír aos obreiros en folga por outros traídos de fora da capital, unha vez que os tipógrafos ratificaran en asemblea continuar a protesta; La Zarpa e La Región non o farán ata pasados dous e tres días respectivamente.

Porén, o día dez principiaron as desafeccións, o que obrigará aos dirixentes a negociar co gobernador civil o cesamento da folga a cambio da garantía gobernativa de que non se tomarían represalias por parte da patronal. Un día máis tarde unha gran maioría das sociedades pronunciouse abertamente polo acordo, malia que os obreiros da construción continuaron as medidas de protesta outras catro xornadas. Ademais, a conflitividade manterase aínda varios días e, de feito, o xoves once foi clausurada por orde gobernativa a Tinturería Alemá polas sospeitas de que nela se celebraban xuntanzas clandestinas ás que acudían elementos extremistas.

Os acontecementos de outubro de 1934 vivíronse con moi diferente intensidade no resto da provincia. En xeral, a meirande conflitividade produciuse ao longo dunha liña que, tomando como centro a capital provincial, estendíase cara o oeste polas comarcas de Carballiño e O Ribeiro e cara o leste arredor da vía férrea en construción ata o límite de Zamora. A isto habería que engadir a existencia doutra serie de focos conflitivos máis ou menos illados nos restantes partidos xudiciais, destacando especialmente os de Trives -moi relacionado cos concellos lucenses de San Clodio e Quiroga-, Valdeorras e Verín. En boa parte destes focos producíronse numerosas sabotaxes nas comunicacións en forma de cortes de estradas e de liñas telefónicas e telegráficas, respondidas con abundantes detencións gobernativas dos elementos máis activos, tivesen ou non relación coas mesmas.

Xa fixemos referencia ás esperanzas que nos docentes espertou o cambio de réxime e a reforma educativa impulsada durante o primeiro bienio. Convén, con todo, non caer no simplismo de asociar mecanicamente a totalidade do Maxisterio español coa defensa dos valores republicanos, o laicismo, a democratización do ensino, a coeducación ou os novos métodos pedagóxicos. Estamos ante un corpo moi numeroso integrado por profesionais de variada orixe social e xeográfica que, ademais, obtiveron a súa praza en contextos políticos ben diferentes. Sen dúbida que é máis fácil atopar tales valores nas promocións máis mozas, naquelas que pisaron por primeira vez unha escola ao amparo da reforma ou foron formadas no novo plano, pero a diversidade ideolóxica era a nota dominante no conxunto do profesorado español e, naturalmente, ourensán durante o quinquenio republicano.

Boa parte dos máis inquedos e politizados destes últimos integráranse na Asociación de Trabajadores de la Enseñanza de Orense (ATEO). As orixes desta asociación profesional están relacionadas coas protestas que seguiron ás comentadas oposicións de 1928 para o ingreso na carreira docente, que confluíron co rebulir político derivado da percepción dun inminente cambio de réxime. Eses mozos opositores tomaron contacto cun activo e variado núcleo de intelectuais e republicanos de vello e novo cuño vinculados ás páxinas de La Zarpa e La República. Nestes faladoiros, aos que tamén asistían ocasionalmente algúns galeguistas e mesmo sindicalistas, confluíron homes como Luis Fábrega, Anselmo López, Roberto Blanco Torres, Alfonso Pazos, Jacinto Santiago, Manuel Sueiro, Luís Soto, Albino Núñez, Rafael Alonso, Amadeo López Bello..., varios deles mestres que militaban no Partido Republicano Radical Socialista (PRRS) de Marcelino Domínguez.

Ao pouco de se proclamar a República, estes profesionais do ensino constituirán o primeiro núcleo da ATEO: nos actos do Primeiro de Maio xa figuraba como sector profesional, máis aínda non legalizara os seus estatutos. Pouco despois integrouse na Casa do Pobo e Albino Núñez foi elixido presidente e director da revista pedagóxica e de reflexión docente Escuela del Trabajo. Nunha xuntanza celebrada o 16 de xullo de 1933, os afiliados optaron por integrarse na socialista FETE, acordo que tamén secundou o numeroso grupo de mestres de filiación republicano-socialista. Despois da dimisión e posterior marcha para A Coruña de Núñez, foi nomeado no seu lugar Luís Soto; daquela a dirección da publicación recaeu en Baltasar Vázquez, co que principia a etapa de predominio comunista na organización. Con todo, nas diferentes fases polas que pasou, conviviron as tendencias políticas máis dispares, dende a esquerda republicana ao comunismo, o anarquismo e o galeguismo, e xa dende os seus primeiros pasos provocou unha alporizada reacción dos elementos católicos e reaccionarios da cidade.

Nada que sorprenda se temos en conta que entre os obxectivos que figuraban nos seus estatutos estaban os de "potenciar la solidaridad entre todos los trabajadores, luchar contra la ideología burguesa..., contra la glorificación nacionalista e imperialista de la guerra y contra la influencia del clericalismo en la escuela y en la sociedad" . Engadamos a isto a actitude amosada por algúns dos seus afiliados cando chegou o momento de aplicar nas escolas as medidas laicistas decretadas pola República. Mentres uns mestres, temerosos de Deus e da Igrexa antes de abril de 1931, deixaron de cumprir cos seus deberes relixiosos porque viron que o párroco perdía o privilexio de fiscalizar o seu labor e deixaba de ser ese informante privilexiado co que conviña estar a ben, outros fixérono pola presión das circunstancias e o ambiente de laicismo, cando non de aberta hostilidade cara todo o relixioso. O ambiente, as propias convicións persoais e a forte politización dalgúns dos afiliados á ATEO explican a súa actuación e por que axiña estiveron no punto de mira dos sectores máis conservadores.

A ATEO non estivo entre as organizacións sindicais asinantes da Fronte Única e tampouco nos consta que, como tal asociación, secundase o movemento revolucionario. Con todo, dende que o mestre comunista Baltasar Vázquez Fernández incorporouse de novo ao Consello de Redacción de Escuela del Trabajo foron frecuentes na revista as chamadas á creación da Fronte Única de Traballadores. Non debe sorprender, por tanto, que fosen varios os mestres -"analfabetos pedantuelos", segundo os cualificaba La Región- afiliados á mesma que visitaron os calabozos dos cárceres ourensáns acusados de propagar ideas disolventes entre os rapaces, de cometer todo tipo de aldraxes co crucifixo nas escolas, de participar en xuntanzas clandestinas, de estar en conivencia ou mesmo inspirar aos revolucionarios e demais bulos aos que de seguida pasaremos revista.

O mestre Ignacio Herrero Fuentes, procedente do PRRS, próximo ao anarquismo e de simpatías galeguistas, secretario da ATEO, redactor de Escuela de Trabajo e gran experto en cuestións filolóxicas e didácticas, foi, por exemplo, acusado de difundir ideas comunistas e de ensinar aos nenos que todos os homes eran iguais e que por iso non sempre estaban obrigados a obedecer aos seus pais en todo o que lles dixesen. Porén, segundo o docente, estas acusacións eran "un bulo del cura Antonio Grande Montero que confunde todo lo que sea republicano con su temido comunismo, y donde se enseña Historia Natural a la luz de la Ciencia, él ve motivos de degradación moral"; Engadía, así mesmo, que xa fora denunciado con anterioridade á Inspección de Ensino Primario por un grupo de monárquicos conservadores que vían na súa práctica docente a antesala dun labor disolvente. Na súa defensa, o daquela inspector xefe, Antonio Couceiro Freijomil, aseguraba que era un funcionario culto e celoso no cumprimento do seu labor docente, que nunca se formulara reclamación algunha contra as ensinanzas que impartía e que nunha inspección cursada na súa escola, "ni por el examen de los libros y demás material de enseñanza, ni por los ejercicios que existían archivados de los escolares, ni tampoco por las preguntas que hizo a éstos, ni por los trabajos que a su presencia realizaron, nada pudo observar, ni aún conjeturar, que justificase la sospecha de que en esta escuela se diesen enseñanzas indebidas (?)".

Herrero foi un dos mestres máis perseguidos dende a proclamación da República. En varias ocasións acusárono de prestar a súa escola para a celebración de misteriosas reunións cando o que se debatía frecuentemente nelas eran cuestións relacionadas coa práctica docente dos mestres de Vilamarín, Coles e Amoeiro. Tal aconteceu neste caso, cando foi detido e acusado de celebrar unha destas reunións clandestinas no seu domicilio ao día seguinte de ser declarado o estado de guerra; en realidade, só se xuntaran varios amigos para ler a prensa e comentar a marcha dos acontecementos como non tivo más remedio que certificar o propio instrutor da causa, o comandante de Infantería Adolfo Gracia y Ruiz de Alejos.

Porén, o comandante militar da provincia, Luis Soto Rodríguez, suspendeuno de emprego e soldo co pretexto do atestado instruído pola Garda Civil. Comunicados os cargos á Inspección, esta instruíu un expediente no que prestaron declaración numerosos veciños da parroquia, un concelleiro, o secretario do concello, o mestre nomeado para substituílo e o Consello Local de Ensino Primario, que ratificaron a boa conduta do mestre. Cando a Inspección propuxo o sobresemento do caso, Soto remitiu o expediente ao Avogado do Estado, o cal acordou a práctica de novas dilixencias e a súa elevación ao ministro competente sen que se puidesen probar ningunha das acusacións dirixidas contra Herrero.

No caso dos mestres de Amoeiro e Bóveda, Rafael Alonso Rodríguez e Adolfo Rodríguez Ansias, respectivamente, utilizouse como pretexto para ordenar a súa detención unhas supostas inxurias contra as Altas Institucións do Estado. O primeiro, afiliado ao PRRS e á ATEO, era coñecido polas súas posicións maximalistas. No n1 44 de La República correspondente ao 30-V-1931 escribira un artigo titulado "La Revolución" no que viña a dicir que esta era un dereito dos pobos que as Constitucións non recoñecían para non fomentar o seu exercicio, pero como daquela o país se atopaba nun intre revolucionario si era lícito o recurso a tales procedementos.

Compartir el artículo

stats