A planta baixa era a corte das vacas e o piso superior empregábase como palleira. O antigo alpendre da avoa en O Val de Vilaseco (San Cristovo de Cea, Ourense) era, desde hai dez anos, o obradoiro no que o neto, Roberto Carlos Pérez Álvarez -34-, foi desenvolvendo a súa destreza na fabricación artesá de gaitas e instrumentos de percusión.Ten vendido en Galicia pero tamén ao exterior, a Uruguai, Arxentina, Irlanda ou Estados Unidos. A madrugada do pasado día 12, un lume que segundo a Garda Civil puido ter como causa un curtocircuíto ou orixe nunha das máquinas, estragou por completo o lugar. Todo estaba perdido, ou case. Só resistiron á combustión algúns elementos coma o carimbo, unha peza de cobalto que remata no 'R' de O Reberete, a marca que este artesán imprime nas súas obras. Este é un dos símbolos máis salientables do novo comezo. Para restaurar o seu modo de vida e axudar tamén a seus curmáns a reparar os danos causados polas lapas na casa do lado, Roberto emprendeu unha campaña de micromecenado que ten como obxectivo acadar 40.000 euros en corenta días. Onte, con vintesete xornadas aínda por diante, a iniciativa en VerkamiVerkami sumaba 24.540, grazas ao apoio de 564 persoas, o que supón un 61% do obxectivo.

"Sería un mínimo imprescindible para poder mercar máquinas, ferramentas e materia prima para empezar de novo", di o artesán, sen contar os gastos da construcción, pois a antiga corte e palleira "ten a estrutura totalmente rota e tamén hai que arrancar a fachada da casa colindante, así como a caldeira".

Onte e hoxe, Roberto traballa entre os restos do que era o seu obradoiro, retirando o entullo coas súas propias mans de artesán. "Alí xogaba dende neno, gustábame ese sitio, crieime alí", lembra. Foi gaiteiro desde pequeno e esa afección pola música galega sumouse "a que me gustaba andar con ferramentas de meu pai, construír xoguetes, facer cabañas. Xuntouse o de traballas coas mans co gusto pola música".

Roberto estudou un ciclo de formación profesional en electricidade. Tras traballar na construcción dun tramo do AVE e quedar no paro, mudou a súa orientación profesional cara a transformación da madeira en instrumentos de vento en percusión,investigando na definición do son. Formouse na Universidade Popular de Vigo, entre 2011 e 2012, e do 2013 a 2015 continuou o proceso de aprendizaxe no obradoiro de instrumentos populares de Ourense, dirixido por Manuel Brañas. Ademais deses 5 anos de formación, Roberto pasara tempo observando e "enredando" no obradoiro dun veciño da zona, Clemente. "Empecei a facer algo para min, unha gaita, un tamboril, unha pandeireta, gustoume e varios amigos meu comezaron a facer encargos".

Comprendeu que esa paixón podía ser o seu modo de vida e instalou o seu lugar de traballo artesán na antiga palleira da avoa. Conectou pasado e presente, e agora busca asegurar o futuro. Nese espazo de seu, Roberto, integrante da Asociación de Gaiteiros Galegos (AGG), acadou un espazo para dar aos instrumentos tradicionais un son persoal, un selo de autor.

O mecenado servirá para que un novo capítulo agrome das cinzas. Entre outros colaboradores que axudan neste proxecto, persoas do mundo da cultura como Davide Salgado, Artur Pastoriza, Anaïs Barbier, Diego Iglesias, Xosé Maceda ou Roberto Muradás fan a súa achega, de forma desinteresada, mediante cursos de canto, baile ou construción de instrumentos.

Ademais, o luthier elaborará por encargo os instrumentos tradicionais que lle soliciten, nun período de entre seis e doce meses. Todos os mecenas serán nomeados na páxina web de O Reberete. A campaña permite facer achegas solidarias desde 10 euros ata 1.000, un bono para a compra de calquera instrumento coas características que desexe a persoa. O lume foi voraz pero non deu acabado con todo. Algunhas das posibles recompensas son un chaveiro, un colgante ou uns pendentes confeccionados coas ferreñas -partes móviles da pandeireta, que lle dan o son metálico característico- que resistiron a calor. Son outros símbolos desta iniciativa para o rexurdimento. Un novo comezo para que a tradición continúe.