Xosé Miguélez (Ourense, 1972) coñeceu á súa tía avoa Amparo dunha maneira que nunca fixera, moitos anos despois dos seus únicos recordos, cando el era un neno e aquella muller grande o agasallaba con biscoitos as veces que a visitaba na casa. Morreu e aínda era un cativo. No 2017, investigando na biblioteca do conservatorio por outra razón, descubriu que a musicóloga suíza Dorothé Schubarth acudira en 1981 á aldea de súa nai, en Cerdedelo (Laza), durante unha estadía en Galicia por afán etnográfico. "Vin a lista de informantes e estaba o nome da tía avoa. Foi como se atopase unha especie de mensaxe no tempo. Aí se me ocorreu a idea de tentar compoñer algo a partires desa melodía". O resultado foi 'Ontology', un álbum editado pola discográfica estadounidense 'Origin records'. Un disco de jazz que exporta a outros mundos unha historia galega de antano. A obra dun saxofonista que comezou sendo gaiteiro.

"Meu pai era funcionario da Deputación de Ourense e, estando Vitorino Núñez de presidente, arrancou a Escola de Gaitas, con Manolo Brañas, antes de que chegara Foxo. Eu era moi pequeño na primeira clase", lembra Miguélez. "Debía ter 5 ou 6 anos e fun chorando porque non me apetecía moito, pero tras esa primeira experiencia volvín encantado coa música. Engancheime, e ata agora".

No conservatorio profesional de Vigo, imparte aulas de música tradicional galega así como iniciación ao jazz. "Esa clase inicial á que fun na escola de gaitas da Deputación, o primeiro momento no que fixen soar o instrumento, foi unha sensación máxica. É semellante a cando escoitei a Coltrane por primeira vez. Son sons que escoitas e que se quedan gravados na túa memoria". A emoción non entende nin de xéneros nin de categorías. "A Muiñeira de Ponte Sampaio, na gaita, é un deses temas fermosos que desfrutas tocando e a xente escoitando. En jazz, Body and Soul, ou Skylark, de Hoagy Carmichael. Podes tocalas un millón de veces pero sempre emocionan".

Pechou en 1990 a etapa na banda de gaitas da Deputación mais nunca deixou de lado o primeiro instrumento do que se namorou. "No 2002 empecei a dar clase de música tradicional no conservatorio. Toco a gaita moito e, como é probable que convoquen oposicións, estou nun momento de adicarlle bastante tempo a nivel de estudo. En todo caso, as clases obrigan a estar en forma. Teño alumnos que se atopan nos últimos anos de formación e tocan moi ben, de modo que se me deixara levar non sería capaz de seguilos".

Miguélez foi o primeiro galego que acadou a titulación no Ciclo Superior de Música Tradicional, en 2016. A súa primeira experiencia docente tívoa xa na mocidade. "Con 13 ou 14 anos había xente que me chamaba para dar clase. Foi algo máis profesional a partir dos 18 o 19, pero daquela tamén me centraba no deporte. Cando esa vía se esgotou, decidín adicarme profesionalmente ao ensino, e comecei a dar clase na escola de música tradicional de Ourense, e despois xa xurdiu o do conservatorio. A partires de aí, paralelamente, empecei a a estudar jazz co saxofón".

A música tradicional, explica, "ten unha compoñente de improvisación bastante grande. Na gaita, en toda a parte de ornamentación ou preludios, polo que era algo que xa tiña avanzado. O jazz sempre me gustou e escoitei desde pequeno. Cando Alberto Conde me chamou para o seu grupo, con el tocaba flautas e gaita e sorprendeume como eles entendían a música, aparte da improvisación. Resultoume chamativo e vin que se me podía dar ben".

Voz autorizada para comparar os dous instrumentos da súa vida, con experiencia como intérprete, compositor e docente de ámbolos dous, Miguélez di: "A gaita é máis doada no inicio e máis difícil despois, porque ao ser un instrumento máis antigo, cando o queres meter en estilos de música máis modernos os recursos non se adaptan ben. O saxo é máis difícil ao principio pola parte mecánica e de emisión do son. As dixitacións non coinciden. Na gaita non tes o control na emisión de son. Son instrumentos de vento pero parécense pouco ou case nada".

A súa irrupción no jazz non chegou tan cedo como na gaita, pero foi resolta e constante. Comezou da man de músicos galegos como Roberto Somoza, Alberto Conde ou Andrés Rivas, e licenciouse en jazz pola 'Esmae' de Oporto. Acadou un mestrado en jazz performance na "Guildhall School of Music" de Londres, grazas á formación que recibiu de Jean Toussaint, quen foi integrante dos lexendarios The Jazz Messengers. Complementou a súa formación xunto a músicos como Jean-Michel Pilc, Chris Cheek, ou Matt Otto. Este último, saxofonista tamén, produciu o álbum e deulle a idea de basear 'Ontology' a partir dun só motivo de catro notas. A musicóloga Dorothé Schubarth envioulle a grabación orixinal de súa tía avoa, recitando e cantando. Ela, case 40 anos despois, pecha o disco.

Esa trascendencia no tempo e no espazo queda resumida no título, tan metafísico. "Gústanme as conexións entre a música e a filosofía. Se intentas entendelas hai un vínculo máis profundo coa música. Dáse unha conexión tamén co que representamos como ser humanos e a importancia que ten a música na nosa evolución, así como que todas as composicións estean feitas a partires desa cantiga que deixou a miña tía avoa gravada, sen que eu o soubera".

O directo, "máis ca 100 ensaios"

Miguélez gañou con 'Ontology' o premio Martín Códax da Música, na categoría de jazz e músicas improvisadas."Creo que o talento está un poco sobrevalorado, isto é máis que nada traballo, motivación e ter a sorte de atopar músicos que me axudaron bastante". E a bagaxe que dan os concertos. "Tocar moito en público é fundamental. Un concerto vale máis que 100 ensaios". Para ter éxito no directo, "hai que crear unha conexión o máis forte posible co instrumento e entrenar o oído para ser capaz de recoñecer o que escoitas e responder en tempo real. Cando estás no escenario trátase de que sexa un proceso o máis subconsciente posible, e de pensar o menos posible no momento armónico ou rítmico, no que vas tocar, para deixar que sexa o subconsciente o que faga o traballo e que o ego interfira o menos posible. Deixar que a música te leve onde queira ir".

Con independencia dos coñecementos musicais entre artista e público, ás veces fórmase un vínculo, e ese instante é transcendental. "É cando realmente te sentes conectado coa música e supera o que es como individuo. Son conexións que non se producen a base de pensar, senón de deixarse levar. Se es capaz de entrar nesa especie de trance, a diferenza entre quen interpreta e escoita música é realmente inexistente. Son por eses momentos polos que pagan a pena todos os anos de esforzo e sacrificio".

O próximo verán nacerá o seu próximo álbum, unha gravación en estudio en Oporto. Pretende presentalo en novembro. O neno gaiteiro, o adulto do saxo, seguirá avanzando.