Entre o alumnado, Ignacio Gil está convencido: "Vouno intentar, xa hai tempo que tiña gana de facelo pero non me animaba". Fillo de nai leonesa e pai salmantino, coñece o galego porque o aprendeu na escola. "Meus pais xa viven aquí desde antes de nacer eu, e coñecemos o idioma pero non o falamos", engade Ignacio. Animado pola iniciativa "21 días", quere ir máis alá: "Vou ver se tamén se animan na casa".

A familia da súa compañeira, Martina Fernández, é galega pero non na fala: "Nunca fomos de falar galego pero agora, con este proxecto, vou intentar falalo durante 21 días e espero que máis". Martina está motivada e tamén quere animar aos seus amigos e parentes para normalizalo "e falalo todo o día". Porque a lingua tamén é contaxiosa. Basta con que empece un.