14 de enero de 2020
14.01.2020

Falar galego, unha cuestión de actitude

Alumnos dos IES As Lagoas e Blanco Amor aceptan o reto do programa '21 días co galego'

14.01.2020 | 01:49
O alumnado do IES As Lagoas iniciou o reto "21 días co galego" con música e poesía. // Iñaki Osorio

O alumnado de ESO dos IES As Lagoas e Blanco Amor de Ourense vestiu onte a camiseta do programa '21 días co galego' como primeiro atrevemento no que será un camiño de estudio e perfeccionamiento do idioma, pero tamén de reflexión persoal sobre a relación que cada un ten con esta lingua. Deste xeito, os adolescentes asumen o reto de vivir tres semanas en galego na casa e na escola e será na chegada a meta cando tomen unha decisión.

Quedarse no galego, afirma o profesor de Lingua e Literatura Galega e coordinador do programa no IES As Lagoas, Xosén Antón Calviño, "é unha cuestión de actitude porque a competencia eles xa a teñen, se lles pides ou esixes na clase que falen galego, fálano". O problema, engade o docente, "é que non se encontran en contextos de comunicación que lles faciliten desenvolverse nesa lingua: o seu medio familiar, social, etc. é en castelán, entón non teñen a oportunidade de falalo". Ese é obxectivo deste programa que se desenvolve de forma simultánea e conectada en dez centros de toda Galicia, introducir o galego en ámbitos que teñen que teñen máis que ver coas súas relacións persoais.

E cal é a actitude? A de compromiso, resposta Calviño. Por eso o programa que onte iniciaron estes institutos anima aos alumnos a analizar e reflexionar sobre a súa relación co galego e con outras linguas. "Hai que ser realmente consicientes de cal é a situación e poñelos nesa tesitura, e dicir, se eu decido falar gealego, en qué circunstancias estou? con quen me comunico? Eles sacarán as súas propias conclusións e froito dese estudio, asumirán ou non ese compromiso persoal", explica Calviño.

No IES As Lagoas, o proxecto arrancou onte con música no patio interpretada polo propio alumnado e un recital de poemas no salón de actos. Na presentación, o coordinador tratou de convencelos de que falar galego "non ten ningunha connotación", e animounos a comprobalo por si mesmos: "Despois de falalo facede a proba do espello ou un selfie, veredes que seguides sendo as mesmas persoas".

E reiterou un consello: "Levade con humor os erros, non pasa nada por decir este libro é miño". Neste senso, Calviño lamenta a "pouca sensibilidade" e falta de recoñecmento ante os falantes "que moitas veces sen ser galegos fan un esforzo enorme por falar a nosa lingua". Contra estes "prexuizos", o programa '21 días' busca normalizar tirando do traballo colectivo. "Para dar este paso, o grupo é determinante, igual que no sentido contrario; se agora mesmo non hai máis presenza do galego é pola presión do grupo", señala o coordinador. Para acadar o éxito na súa normalización, conclúe Calviño, "a lingua habería que desvinculala de calquera connotación política ou mesmo social, pero tristemente, aínda persisten certos prexuizos".

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

Noticias relacionadas

GALICIA EN VINOS

Galicia en Vinos

Todos los vinos de Galicia

Consulta aquí todos los vinos de las cinco denominaciones de origen de Galicia