Os escritores Inma López Silva e Xosé Ramón Pena recibiron esta mañá os Premios Antón Losada Diéguez, nos ámbitos da creación e da investigación literaria, respectivamente. O acto de entrega desta XXXII edición tivo lugar, como cada ano, na casa natal do intelectual no Pazo de Moldes (Boborás).

A autora Inma López foi recoñecida no ámbito da creación pola súa novela carcelaria "Aqueles días en que eramos malas". Na súa intervención reclamou máis apoios institucionais para a industria literaria en galego. Pena, asesor literario do suplemento "Faro da Cultura", de FARO DE VIGO, recibiu o premio na categoría de ensaio e investigación, polo seu terceiro volume da "Historia da Literatura Galega", que se centra na xeira das Irmandades da Fala, entre 1916 e 1936.

Veciños e autoridades asistiron ao acto de Pazo de Moldes. O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, felicitou aos gañadores da trixésimo segunda edición do certame e recordou que esta decisión do xurado, ademais de recoñecer o traballo dos dous autores, "contribúe tamén a engrandecer e a consolidar o prestixio deste Premio Antón Losada Diéguez, que ten xa na súa nómina de premiados toda unha relación de

nomes e voces fundamentais para a construción da literatura galega dos nosos días".

O acto foi conducido polo xornalista Xosé Manoel Rodríguez e contou coas actuacións da Coral Polífónica Casino do Carballiño e a Banda de Gaitas Vila do Orcellón. O premio Antón Losada Diéguez está promovido polos concellos de Boborás e do Carballiño, co apoio da Xunta de Galicia e a Deputación de Ourense.