Corenta e sete anos despois de que o mestre Carlos Casares fora expulsado do instituto de Viana do Bolo, da vila e mesmo do exercicio da docencia en Galicia, a corporación municipal aprobou onte por unanimidade repudiar as actuacións que conduciron a aquel agravio "inxusto". Xa en 2004, ao cumprirse o 35 aniversario da forzosamente efímera actividade docente do escritor en Viana, o claustro e o consello escolar do IES acordaron poñerlle o seu nome ao centro. Onte, foi o Concello, a través da súa corporación, o que retrocedeu no tempo para restituir a súa memoria e agradecer a contribución de Casares á educación da mocidade.

O alcalde e autor da proposta, Secundino Fernández, asume que esta homenaxe chega tarde e que o idóneo sería tela feito en vida do escritor, pero aproveitando o recoñecemento que as Letras Galegas lle brindan este ano ó que fora mestre de Viana, "que menos que restaurar a súa honra e limpar esa mancha", sinala o rexedor.

Carlos Casares chegara a Viana no ano 1969, era o seu primeiro destino como mestre pero non rematou o curso. Secundino Fernández relata que "debido a súa personalidade e militancia social e política", a "desconfianza" cara o docente comezou "no mesmo momento de chegar a vila". Todo canto facía no centro, que daquela dependía da xestión municipal, "se miraba con lupa". O entón alcalde, Neftalí Prieto, "non deixou escapar a ocasión de expulsalo de Viana na primeira que se lle presentou".

A chegada de Casares a Viana coincidiu nun momento no que a equipa directiva do instituto tentaba estender a educación a todas as familias vianesas "en contra da opinión do alcalde, que, engade Fernández, "comprometeuse desde o primeiro día coa ensinanza e coas inxustizas que sufrían os mais desfavorecidos", posicionándose a favor do ensino público e gratuito.

A "escusa" que precisaba Neftalí Prieto chegou coa ocasión da festividade de Santo Tomás de Aquino e a representación dunha obra de teatro na que se facía referencia a caciques e señores feudais do século XX. A montaxe, dirixida por Casares pero escrita polo tamén docente Manuel Ramos Castromil, foi tachada de "subversiva", e tivo como consecuencia o cese e expulsión de Carlos Casares que, lembra Secundino Fernández, "nunha acción cun marcado carácter de represalia política, foi inxustamente castigado".

A sesión plenaria celebrada onte con carácter extraordinario contou coa asistencia do irmán do escritor e presidente da Fundación Carlos Casares, Xavier Casares, e escolares do instituto no que sucederon aqueles feitos, contextualizados polo historiador local, Carlos Ares. O alcalde, do BNG, defendeu a súa proposta, que foi respaldada por PP e PSOE restituindo así a memoria de Casares e o sentir xeral da cidadanía de Viana do momento, contraria a aquel "lamentable" suceso.