-Desde hai algún tempo, a ourensanía ven resoando con forza na actividade cultural, e mesmo política e social, da nosa provincia. Moitos son os que lle atribúen a vostede o acuñamento do termo. ¿Que hai detrás da ourensanía?

-Ben, quixera aclarar que o único que fixen eu, por certo, a instancias do inesquecible Marcos Valcárcel, foi redactar un manifesto ao que lle chamei "Afirmación da Ourensanía" e ao que dei lectura en Celanova, na casa de Curros, en novembro de 2005, acto no que tamén homenaxeamos a Pura e Dora Vázquez. Crin que a cousa non ía ter continuidade, pero no 2011 Xosé Luís Baltar convocounos a un grupo de persoas, dos diversos eidos da sociedade ourensá, para instituir os premios Ourensanía, que se entregaron o 11-11-11 no Centro Cultural. Logo, o novo presidente, Manuel Baltar, decidiu continuar coa idea e el mesmo publicou un libro titulado Falemos de ourensanía. A ourensanía, concepto que trascende a provincia e a mera peculiaridade, será boa se engrandece, se xunta vontades.

-Dende o punto de vista literario, ¿qué está facendo na actualidade?

-Ando con varias cousas.Un epílogo para "Nímbos", libro fulcral de Díaz Castro e maila edición que el correxiu comigo en 1989. Tamén un mangado de relatos, onde Ourense está moi presente a través de personaxes que conforman a extraña e pándiga caste da Quixabara, un elo que avincalla quince ou vinte contos breves.