O próximo 11 de abril celebrarase un sinxelo e emotivo acto que ten como protagonista principal a familia do autor de Longa noite de pedra. O escenario será o mellor marco posíbel, as dependencias do instituto da bisbarra de Celanova.

O motivo aglutinante do evento é a doazón dunha curiosa e significativa obra, propiedade da familia, editada pola Fundación Celso Emilio Ferreiro. A edición facsímile dun volume que ten como principal marca de identidade unhas iniciais: LF. Estas corresponden a Leopolda Ferreiro, irmá de Celso Emilio, vinte anos máis vella ca o escritor e quen foi para el como unha segunda nai.

Esta muller, familiarmente coñecida por Polda, axudou, dende 1939, aos centos de presos amoreados nas dependencias do mosteiro de Celanova. Esta axuda, entre outras cuestións, traduciríase en comida, roupa, lavandaría ou na subministración de cartas e papel.

Froito disto os reclusos regaláronlle un libro feito por eles mesmos, composto, na citada data, polas súas propias sinaturas, cincocentas corenta e catro en total.

Entre eles figura un irmán do capitán superior que tivo CEF en Asturias, entre cuxas familias -Álvarez de Buylla e Ferreiro Míguez- se chegaría a establecer unha cordial relación. Estes e outros datos relacionados extráense da lectura do impagábel volume ensaístico Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro (Xerais, 2012), do que é autor o profesor Ramón Nicolás.

No evento intervirán diversos representantes do mundo cultural, entre eles o director da propia Fundación Celso Emilio Ferreiro. Ademais, como feito significativo de seu, participará nel alumnado da comarca, do propio instituto de Celanova e mais do de Bande. Quen lle porán música, voz e corazón ao fondo sentir das palabras dun dos principais escritores das letras galegas de todos os tempos.

Polo valor simbólico que acada, é obrigado singularizar un feito especial que terá lugar no desenvolvemento dos actos. Este é a presentación do novo logotipo do edificio que alberga as actividades. Unha das realizacións trascendentes acontecidas o pasado ano, no cal se conmemoraba o centenario do nacemento deste autor, foi a denominación deste centro de ensino como IES Celanova Celso Emilio Ferreiro.

O autor de tan significativo emblema é o extraordinario poeta e pintor celanovés Baldo Ramos, quen foi alumno das aulas desta casa do saber. - quen, salientabelmente, ten manifestado que descubriu nelas a súa vocación literaria cara a finais da pasada década dos oitenta.

O sentir das súas verbas estará presente no recitado do fermoso poema gráfico seu "Onde beben os cervos que amansou o calígrafo", composto, de propio intento, para esta ocasión de gala. A el corresponden, logo, os seguintes versos: "Hai un río lento de augas mornas/que te busca nestas letras iniciais/polas que corre a insubmisión e o compromiso/que aprendiches nos versos de Celso Emilio/e na bondade dos avós".

Esbozada tenta quedar, entón, a fonda emotividade e a intensa significación do que se vai celebrar, a partir das sete da tarde, na biblioteca do instituto de Celanova a vindeira quinta feira 11 de abril.

O legado que representa a obra intelectual de Celso Emilio defínese polo inquebrantábel compromiso coa xustiza social e cos nosos máximos sinais de identidade como pobo diferenciado que somos. Por prender cos seus textos un inmorredoiro "lume aceso" avivando coas achas dunha cultura milenaria a gran labarada da nosa lingua.

Os andeis da biblioteca deste vello edificio que atesoura tanta historia e ilustración enriqueceranse aínda máis coa entrega deste importante documento. Un testemuño vital dunhas biografías sometidas, nun tempo miserábel, entre as escuras paredes da máis absoluta adversidade.

Foi precisamente en tales circunstancias nas que o autor da Viaxe ao país dos ananos construíu un sólido firmamento de palabras, as cales se chegarían a converter en símbolo universal da loita pola liberdade.

A defensa e o cultivo do ensino público, coas aulas do instituto de Celanova como faro que alumea, como centro cultural de referencia aberto a toda a cidadanía, debe ser, sempre o mellor antídoto. Para desfacer a dura pedra de escuros intereses lucrativos privados e para esfarelar os grandes complexos agachados nos "corazóns dos homes que ao lonxe espreitan".