24 de noviembre de 2012
24.11.2012
Ilustres

Retorno ó cine con Eloy Lozano

24.11.2012 | 01:00
Eloy Lozano (i.) na presentación da película "As belas durmintes".

Dende hai algo máis de dous anos, coordino a actividade do club de lectura en galego da biblioteca pública Miguel González Garcés da Coruña. A el asisten vinte lectores interesados e intelixentes (case poderiamos dicir lectoras, xa que a correspondencia é de 17 mulleres e 3 homes) que, cada quince días aceptan compartir a experiencia da lectura do libro proposto, compartir ou contrastar, que non sempre as opinións son coincidentes.

A última sesión estivo dedicada ao libro Amor de Artur, de Xosé Luis Méndez Ferrín. Xa antes léramos Arraianos, do mesmo autor, e a min sorprendérame o moito que gustaran dos relatos que compoñen ese libro extraordinario, por iso me animei a repetir escritor, proposta que foi recibida con entusiasmo.

Practicamente todos os relatos de Amor de Artur están relacionados con Tagen Ata, ese territorio ou literario creado por Ferrín e que vén sendo a correspondencia ou representación dunha Galicia ideal ou soñada, non exenta de conflitos, pero na que latexa forte a consciencia do ser colectivo.

Para nos internar nese universo complexo, habitado polos azerratas (naturais ou propios de Tagen Ata) falamos de como Méndez Ferrín fora construíndo ese universo dende o principio da súa obra. Había pouco tempo que eu lera nun xornal que o Centro Dramático Galego procedera a restaurar a curtametraxe Retorno a Tagen Ata, dirixida polo ourensán Eloy Lozano, baseándose na novela breve do mesmo título publicada por Ferrín en 1971. Tanto a novela como o relato Calidade e dureza de Amor de Artur, teñen de protagonista a una rapaza nova, comprometida cos movementos de liberación de Tagen Ata, chamada Els Bri.

A través da dirección da biblioteca e coa autorización de María, a viúva de Eloy, solicitei do CGAI unha copia para ver a película na sesión do club.

Cómpre lembrar que esta curtametraxe é a primeira feita en Galicia, producida no ano 1974 por un rapaz entusiasta do cine que tiña, naquela altura, 21 anos e que soñaba cun cine galego. A obra, vista agora, amosa as limitacións e carencias propias da falta de medios e de experiencia, pero mantén unha fonda vocación narrativa, tanto dende o punto de vista argumental, como visual. Lembro os días da rodaxe de Eloy porque, daquela, eu formaba parte do grupo Histrión 70, no que tamén estaba Delfina Meire, a actriz que dá vida a Els Bri. Alfredo Cortón, pai dos amigos David e Domingos, é quen encarna o personaxe de Ulm Roan, líder da resistencia interior de Tagen Ata. Emocionoume ver tamén na pantalla a Anxo Martínez, de quen xa teño falado nun artigo anterior para esta sección e a Manuel Gómez Vaiget, compañeiro por entón no colexio universitario, con quen moito falaba de filosofía.

Agora penso en Eloy e dáme a sensación de que as nosas vidas foron tecendo un fío de relación dende un tempo anterior á memoria. Non sei se estarei errado, pero paréceme lembrar que seu pai era o practicante que me pinchaba de adolescente. Tampouco podo precisar en que ano vin o documental O carro e o home, recuperado por el a partir daquel que en 1941 fixeran Xaquín Lorenzo e Antonio Román.

Cando eu marchei de Ourense, vivimos un tempo afastados, ata que, anos despois, nos atopamos de novo en Corcubión. María e Maribel, as nosas compañeiras, mantiñan unha relación independente e anterior a nós. Unha tarde de verán fun con Maribel dende Lira a Corcubión por ver a María, ignorando que alí me atoparía con Eloy. Agromou, entón, de novo a relación, baseada no cariño anterior. Daqueles días son as conversas sobre o proxecto cinematográfico As belas durmintes, translación á nosa xeografía da novela do mesmo título, de Yasubiro Kasawata, que Eloy rodou en 2001.

O contacto fíxose máis intenso no ano 2007, cando vivín en Compostela. Cada mañá, para ir ao traballo, dende San Lázaro onde vivía a San Caetano, pasaba por diante da urbanización na que el vivía. A esa hora el baixaba o can. Falamos bastante neses días e algunha vez acompañoume ao despacho. Reprochábame ter aceptado desempeñar a subdirección xeral de creación e difusión cultural e discutimos máis dunha vez por esa razón. Vínculo importante dese novo tempo de relación foi o retorno a Galicia do tamén director ourensán Xavier Bermúdez, amigo común. Eloy fóisenos no ano 2009.

Pensaba o outro día, vendo de novo aquel primeiro traballo seu, que Eloy Lozano debería ter entre nós unha presenza maior da que lle damos. Cismaba con que o esquecemento no que o temos non se corresponde co que el nos deu. Non é esta cousa que aconteza con el unicamente, tampouco é un trazo exclusivamente noso, deste país que non sei se algunha vez se achegara ao soño de Tagen Ata. Quizais para compensar de tanto esquecemento e de tanto silencio, temos esta sección.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
En estas fiestas, sobran los motivos para beber elaboraciones de vino gallego. En 2018, Galicia firmó la segunda mejor cosecha de su historiay nuestras bodegas despiden el año con un buen balance en todos los sectores