A escritora, feminista e catedrática de Literatura, Pilar García Negro, recibiu onte en Allariz catro sobres coa dotación económica do XV Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais que lle entregaron as catro insitucións convocantes: Concello de Castro Caldelas, Concello de Allariz, Fundación Vicente Risco e Fundación Sotelo Blanco, polo ensaio sobre Rosalía de Castro recollido baixo o título "O clamor da Rebeldía".

García Negro amosouse moi agradecida tanto por que o seu traballo fose escollido por unanimidade, como polo feito de que por primeira vez na traxectoria deste certame adicado ás ciencias sociais se considere a literatura como ciencia e se premie, ademáis, un ensaio sobre a escritora "con maiúsculas" da literatura galega. García Negro dixo que "cando Rosalía sexa considerada neste país como Shakespeare en Inglaterra seremos a nación plena pola que ela loitou". Neste senso, a escritora premiada declarase entusiasta de Rosalía e investigadora da súa obra destacando a faceta ensaista da autora de Padrón, "a primeira da nosa literatura".

García Negro fixo unha emotiva intervención antes de recibir os seis mil euros do premio e animou a todas as mulleres a ser "tan valentes e arriscadas" como Rosalía e a todos os galegos a tomar a decisión de "se imos ser galegos a tempo parcial ou a tempo completo con toda a dignidade que espertou Rosalía no seu tempo". As palabras de Pilar García desataron un longo aplauso que puxo ó público en pé para despois escoitar as "Campanas de Bastabales" de "Cantares Gallegos" da man do cuarteto que amenizou o acto.

Acompañaron á premiada a edil de Cultura de Allariz, Teresa Devesa Graña; o editor Olegario Sotelo Blanco; a concelleira de Cultura de Castro Caldelas, Sara Inés Vega; o alcalde de Allariz, Francisco Rodríguez; e o presidente da Fundación Vicente Risco, Luis Martínez-Risco. Todos loubaron o compromiso de Pilar García Negro na defensa da cultura galega e consideraron que o certame "gaña en prestixio" tendo a esta escritora como galardoada.