20 de julio de 2008
20.07.2008

Antón Fidalgo Santamariña, antropólogo: "O polbo sérvese con picante porque se comía medio putrefacto"

20.07.2008 | 02:00
Antón Fidalgo Santamariña. / R. JEsús Regal

"As mozas non querían casar coa xente de Arcos porque cheiraba moito", lembra o profesor

X.M. del Caño / OURENSE
Naceu na aldea de Costoia, en San Xiao de Grixalba, no Concello de Sobrado dos Monxes, provincia da Coruña. A súa localidade de procedencia -era a aldea industrial da parroquia: tiña oito obradoiros-, determinou a orientación que tería anos máis tarde a súa formación, como antropólogo. Estudou no Seminario de Lugo e na Universidade Pontificia de Salamanca. Fixo a convalidación na Universidade Complutense de Madrid.
- ¿Cal foi o primeiro destino profesional que tivo?
- Profesor de Psicoloxía Social na Escola de Azafatas da Coruña, onde pasei tres meses en 1974. No curso 1975-76 xa me incorporei ó Colexio Universitario de Ourense.
- Publicou a tese doutoral.
- Foi un dos traballos que máis satisfacción me deu. Constituíu unha das primeiras teses de carácter empírico social que se defenderon na Universidade Pontificia de Salamanca. Foi moi ben acollida. Déronlle a máxima cualificación. Ese texto resumino, para facer un libro. Pero antes mandeino ó premio Otero Pedrayo de Investigación, que me concederon. Finalmente, publicouse baixo o título Antropoloxía dunha parroquia rural.
- Segue o sistema de investigación establecido na época.
- É unha visión funcional estruturalista dun sistema de cultura local que se xemera nunha unidade social galega, como son as parroquias rurais. Son paraxurídicas. A primeira unidade política é o concello. A parroquia galega agora vai perdendo, pola desintegración do sistema da cultura do país. Vanse diluíndo, porque as estradas e os coches chegan ata as casas e o marco de interacción cada vez é máis amplío. O estudio demostraba que as parroquias galegas tiñan unha identidade propia e tiñan unha estrutura económica, social, política e ideolóxica moi particular e distinta. Iso foi o que eu intentei demostrar, predicindo un pouco o futuro das parroquias rurais.
- Os labores colectivos no mundo rural saíu publicado nun anexo do Boletín Auriense.
- O Boletín Auriense recolleu tres traballos que concorreron ó Premio Vicente Risco, convocado polo Museo do Pobo Galego, un deles da miña autoría. Os labores colectivos no mundo rural é un traballo empírico, pero non de estadística, senón de comportamento humano, onde se afonda nun capítulo, para ver como o campesiño maximiza, dentro dun sistema capitalista, as súas axudas ós demais. Analicei o sistema nos traballos colectivos da malla e da construción dunha pista. As chamadas solidariedade e colaboración veciñal hai que interpretalas dun xeito adecuado. O mundo rural presta axuda de xeito solidario e voluntario nunhas circunstancias, mentres que noutras computa como calquera empresario o tempo que lle dá ós demais para desenrolar unha tarefa. Polo tanto, nese traballo pode comprobarse que para a creación da pista, ata un lugar determinado colaboraba toda a parroquia; a partir de aí só o facía a metade; despois unha aldea... A parroquia tiña poder para obrigar ós veciños a que colaboraran nuns traballos, mediante asemblea veciñal, pero en cambio non pode facelo noutro tipo de tarefas.
- Os saberes tradicionais dos galegos é un libro apegado ás súas raíces.
- Reproduce a experiencia vital da miña infancia, medrando no medio dos obradoiros artesáns. A partir de aí, sempre me gustou este mundo das artesanías, da pluriactividade campesiña. Céntrase en determinados colectivos de artesáns, para mostrar como se debe traballar. Pero a técnica do artesán debe verse en colectividade, porque hai áreas que corresponden a unha actividade especializada, mentres que outras corresponden a unha actividade socializada. Polo tanto, dentro do referente ás profesións ambulantes, do Concello de Sober (Lugo) saen a maior parte dos alambiqueiros; de Forcarei a Pontevedra é zona de canteiros; Esgos é un concello típico de saída de quincalleiros; a franxa que comprende os concellos de Pereiro de Aguiar, Nogueira de Ramuín, San Xoán de Río, A Teixeira, Castro Caldelas e parte de Trives é de afiadores; Parada do Sil é un concello emisor de barquilleiros e de solateiros. Os primeiros venden barquillos nas festas en Madrid e os solateiros arranxan calzado.
- Fixo un libro sobre os zapateiros de Vilanova dos Infantes.
- Os zapateiros de Vilanova eran sedentarios. Ían ás feiras algunhas mulleres da casa. Eles contaban cos seus talleres e os seus empregados, polo que tiñan moito que traballar.
- Na pasada edición, concedéronlle o premio Raigame de investigación etnográfica.
- Trátase da presentación de media ducia de colectivos profesionais. Entre eles están os afiadores, os alambiqueiros, os oleiros e os canteiros. Remata coas xergas dos oficios.
- Vostede fixo un amplo traballo sobre o polbo.
- Esa é a historia dun fracaso. É un ensaio sociohistórico ou socioantropolóxico da Festa do Polbo do Carballiño. Digo que é a historia dun fracaso, porque tentaba eu facer unha monografía sobre o polbo e as polbeiras. Presentei varios capítulos en congresos. E propúxenlle a determinadas entidades a posibilidade de facer unha publicación, pero non houbo resposta positiva. Polo tanto, collín o capítulo que máis me gustaba, o máis atraínte, e publicouno Ronsel. O Concello do Carballiño mercou algúns libros, por miña intercesión, pero non conseguín o meu obxectivo, que era facer un longo tratado sobre os polbeiros.
- ¿Que partes quedan inéditas?
- Queda inédita a biografía do polbo, enquisas cos 33 polbeiros que exercían o oficio hai oito anos -agora habería que actualizalo- e o estudio da festa dos polbeiros da Nosa Señora de Arcos. Este é o único evento no que interrompe a celebración para ir a traballar á feira do Carballiño, e recuperan o programa o día seguinte.
- ¿Cantos polbeiros quedan en Arcos?
- Familias polbeiras de tradición hai poucas, e cada vez son menos; poden quedar media ducia. Teñen unha importante economía. O polbo xera economía. O que hai son moitos domingueiros. Case toda a poboación de Arcos dedícase ó polbo.
- A tradición do polbo comezou en Oseira.
- Esa é unha teoría que puxen eu encima da mesa e de momento ninguén a rebate. Os frades de Oseira tiñan unha explotación en Marín, con xente traballando, que mandaba unha serie de produtos ó longo do ano. Entre eles, chegaban fardos de polbo, que había que secar ó ar. Esa técnica quedou obsoleta, ó aparecer os conxelados. Hai que darse conta de que Arcos é un pobo estigmatizado.
- ¿Por que motivo?
- Mentres secaban o polbo, as mozas non querían casar coa xente de Arcos porque cheiraba moito. Cheiraba moito, porque había que mazar o polbo e tiñan que colgalo medio podre. E o polbo sérvese con pemento picante, porque noutros tempos comíase medio putrefacto. Todo o que fai agora o xeo, antes había que facelo de forma artesanal. Os polbeiros rebrandecían o polbo antes de ir á feira, mazándoo no río. Antes o polbo curábase. Había polbo curado, polbo medio curado e polbo fresco. O curado traíase en cabalos, e agardaba o tempo que fora. O medio curado levábase á feira de inmediato, e o sobrante seguíse curando. O polbo fresco había que mazalo e que curalo, colgado en tendais que daban moito cheiro. Tamén cheiraba moito, cando tiraban cos caldeiros de auga, cos restos sobrantes. Por iso a xente de Arcos tiña aquela cousa: eran os de Arcos.
- ¿O polbo curado ten o mesmo sabor co conxelado, que se come na actualidade?
- O mesmo, porque ó metelo na auga hidrátase. O polbo compórtase dun xeito semellante ó bacallau.
- Os oficios tradicionais van desaparecendo da provincia.
- Non quedan os oficios como antes, porque non dan, pero hai o seguinte nivel: do ferreiro pasou ó das ventás de aluminio; o carpinteiro é semicarpinteiro e semiindustrial, combina a artesanía coas últimas tendencias; hai determinados obradoiros que están mecanizados, pero non todo sae da máquina. Na zona de Niñodaguia, especialmente ó lado da estrada Nacional, quedan oleiros.
- ¿A artesanía reducirase ós museos no futuro ou aínda hai marxe na sociedade moderna para manter os obradoiros?
- Si se soubera planificar debidamente a actividade turística podía sobrevivir a artesanía, pero aquí hai moita palabrería. En Ourense predomina a planificación de "bla, bla, bla". Na vida real o "bla, bla, bla" non vale. Os artesáns están dispostos a continuar traballando nos seus obradoiros e a ensinar ás novas xeracións, pero para manterse necesitan apoio. Os artesáns non poden sobrevivir, porque teñen que dedicarse a producir ou a vender. E o diñeiro que recadan non lles alcanza para manter persoal contratado.
- Tamén fixo estudios sobre a medicina popular.
- Sobre a integración dos tres sistemas médicos que teñen os galegos e que deben manterse. Contan co sistema de medicina oficial, a medicina científica, o sistema de medicina natural, que ten moitos partidarios, e o de medicina popular, de tipo relixioso. Cando unha persoa está enferma, dependendo onde se atope e do ano no que viva, acude ó primeiro sistema, ó segundo ou ó terceiro. Na actualidade o galego acude á biomedicina, ó paradigma científico, pero ten os outros aí detrás. O paradigma biomédico tampouco o di todo, tamén se engana, porque é moi estrito, pese á grande especialización existente. E cando unha persoa experimenta que o diagnóstico biomédico non ten os resultados que espera, vai pasando a outras alternativas, ata chegar á Igrexa.
- O fenómeno de masas máis importante da provincia de Ourense concéntrase en torno ó santuario dos Milagres, en Monte Medo, Baños de Molgas.
- Todos os pobos e concellos de Galicia teñen os seus santos protectores.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

Calendario laboral y escolar 2017/2018

Calendario laboral 2018 en Galicia

Calendario Laboral 2018 en Galicia

Aquí tienes a tú disposición todos los días festivos en  Vigo y en Galicia , así como el Calendario escolar 2017/2018 .

 

 

GALICIA EN VINOS

Galicia en Vinos

Todos los vinos de Galicia

Consulta aquí todos los vinos de las cinco denominaciones de origen de Galicia


Enlaces recomendados: Premios Cine