X.M. del Caño / OURENSE

A faceta profesional, como enxeñeiro técnico de telecomunicacións, sempre quedou nun segundo plano, atenuada polo éxito que acadou como humorista gráfico e caricaturista. É o creador do Papalandrocas, un monicreque que deu a coñecer no Centro Cultural Auriense -precursor do Carrabouxo-, e da Lela, antecedente da Sabeliña, unha tira que publicaba en A Nosa Terra na década dos setenta, A Bolecha, na revista cultural Follas Secas, e O Carrabouxo, que está a punto de cumprir 26 anos.

- Vostede naceu o 3 de abril de 1948 nesta cidade.

- Nacín no hospital de Ourense por accidente, pero vivía en Osmo (Cenlle), no Ribeiro, coa miña nai, Cándida, o meu pai, Benito. Xa morreron.

- ¿Que oficio tiñan?

- O meu pai era empregado de Fenosa e a miña nai ama de casa.

- ¿Como foi a súa infancia no Ribeiro?

- A miña infancia foi totalmente labrega. A zona dedicábase ó monocultivo do viño, aínda que daquela había unha vaca por familia a maiores: a famosa vaca de Castelao, que era o banco da casa. Vivín no Ribeiro ata os dez anos. Despois trasladámonos a Chantada, porque o meu pai participou na construción do salto de Belesar.

- ¿Como foi a súa etapa formativa?

- Eu fun á escola co preescolar feito: fíxomo o meu pai na casa. Deulle por alí, a pesar de que era un labrego. A mestra quedou acontecida. E foi el, que entre sachada e sachada de aixada, poñíame unha conta, eu ía facela á casa, volvía, el baixaba a aixada, corrixíama e poñíame outra. Penso que lle deu por aí, porque o meu pai tivera que recorrer ó cura da parroquia para que lle dera clases. Íalle traballar, a cambio de clases de gramática e aritmética. Grazas a iso, resultáronme bastante fáciles os estudios. En Chantada estudei ata terceiro de bacharelato. Era un bo estudante. Un día ata saín en El Progreso polas boas notas que sacaba. Fixen a iniciación profesional industrial na Universidade Laboral de Zamora, que completei coa oficialía industrial, da que pasei a enxeñeiro técnico cun curso preparatorio.

- ¿Tivo que mudar de cidade?

- De Zamora pasei a Alcalá de Henares e rematei en Madrid en 1968. Eu vivín en Madrid o maio do 68, correndo diante dos grises.

- ¿Daquela xa tiña inquedanzas políticas?

- Xurdíronme alí. Eu cheguei a Alcalá de Henares sendo un rapaz tremendamente fervoroso. Pasara cinco anos interno na laboral de Zamora, que era de curas, comungando a diario. Eu era enormemente relixioso. Estaba alleado da realidade política. Para min aquilo foi unha explosión inmensa. Alí había unha efervescencia política enorme, en pleno franquismo, polo que o día 1 de maio, mil alumnos colgamos as camisetas do equipo de fútbol nos balcóns, que eran vermellas. Aquilo impresionaba. Fixemos varias sentadas e folgas. Baixo a tapadeira das actividades culturais, escoitabamos a Voces Ceibes. Manuel María foi dar unha charla alí. Aí foi onde eu empecei a tomar conciencia de país. Morriña xa tiña de sobra, pero faltábame conciencia política. Chamoume moito a atención, cando vin alí a Manuel María, un home tan guapo, tan forte e tan culto, con gravata, falando galego coma min. Faláronme da UPG, do nacionalismo e da esquerda que estaba funcionando por alí.

- ¿Deuse de alta nalgunha formación política, nese momento?

- Non, iso demorouse ata que cheguei a Ourense. Fun dar clases á Escola de Mestría da Carballeira, e Norberto Tabarés Feijóo fichoume para a directiva de Auriense e máis tarde tamén me fichou para AN-PG.

- ¿Desempeñou cargos políticos relevantes?

- Fun responsable da AN-PG na zona de Vilardevós. Ese foi o cargo político máis alto que tiven.

- Formou parte de listas.

- Encabecei algunha lista ó Senado. E estiveron un ano insistíndome en que fora candidato á alcaldía de Ourense. Eu non aceptei, porque era funcionario, xefe dos servizos técnicos de telégrafos e correos. Xa me deran algún toque, nese sentido, e resistíame a ser candidato. Ó final veume a salvar a vida Xosé Henrique Rodríguez Peña. Dese xeito deixaron de darme a lata.

- Vostede casou con Xoana Baltar.

- Casei con Xoana Catarina Baltar Romanos hai 35 anos.

- Unha muller que se fixo famosa, porque a tragou o desaugue da piscina de Oira.

- Chámanlle a rapaza da piscina. Saíu polo desaugue da piscina de Oira e foi parar ó Miño. Había alí un paisano pescando e pensou que era unha troita que saltaba. Aquilo foi impresionante.

- ¿Pasoulle o susto?

- Non, o susto quedoulle para toda a vida.

- Estaba dentro, distraída...

- Non se sabe se avisaron ou non, para abrir o desaugue, pero o caso é que ela non se decatou. E como a auga sae a unha velocidade enorme, quedoulle unha perna metida no burato e ela alí abaixo afogando. E por un instinto ou reflexos, meteu tamén a outra perna e foi coas pernas por diante para o río, porque era delgadiña. O tubo tiña 35 centímetros de diámetro, fíxate como era de delgada a Xoana.

- Tiveron dous fillos.

- Si, Xoán e Brais. Xoán é pintor e forma parte do cadro de persoal de Telemiño, como creativo, entre outras tarefas. Brais é diplomado en fotografía e traballa no Centro Cultural da Deputación.

- ¿Como nace en vostede a inquietude polo debuxo?

- A min sempre me gustou debuxar, porque me aburría nas clases. Nunha ocasión, ós doce ou trece anos, pegoume unha malleira o director do colexio de Chantada, porque me pillou debuxando debaixo do pupitre. Facía cómics cun compañeiro. El escribía os guións e eu facía os debuxos. Vendiamos as historietas a unha peseta. Quedabamos con dous reas cada un. E en Alcalá de Henares, debuxaba para a revista La Quijota. O nome estaba moi ben posto, porque Cervantes naceu en Alcalá de Henares. Ó retornar a Ourense, incorporeime ó boletín de Auriense. Alí formaba parte da directiva, con Ramón Otero Pedrayo, Xocas e Ferro Couselo. Tamén debuxaba para o voceiro da Asamblea Nacional Popular Galega Ceibe. Sempre fun o chistoso do nacionalismo. Impartín eu máis ideoloxía nacionalista nas viñetas, ca calquera dos grandes gurús do nacionalismo nos últimos trinta anos.

- ¿Iso tivo custes para vostede?

- Nunha ocasión quixéronme cesar no traballo, nos anos oitenta, pola miña actividade gráfica, pero acabáronme salvando os cargos intermedios.

- ¿Quen é a Sabeliña?

- A Sabeliña é unha nena moi retranqueira, sabichona e sobre todo moi política. Interpreta a vida dende unha perspectiva galega. Tivo como precursora á Lela, un monicreque.

- ¿A Bolecha?

- A Bolecha é unha tendeira retranqueira e tramposa, das que roubaban na balanza ou na romana, pero moi galega, do país.

- O Carrabouxo é un personaxe que naceu hai 26 anos.

- Naceu hai 26 anos e acumula moita da tradición popular do noso humor.

- O Carrabouxo é un dos ourensás que veu da aldea para a cidade hai un par de décadas.

- Veu do campo para a cidade, onde vive, pero segue sufrindo na súa propia pel o choque do mundo rural co urbano. Sorpréndenlle as novas tecnoloxías. Nunca se integrou de todo en Ourense.

- ¿A vostede amólalle que lle chamen O Carrabouxo?

- Non, gústame, porque ó fin e ó cabo é un alcume que me puxen eu. Chámamo todo o mundo.

- ¿Hai diferenzas entre vostedes?

- Claro que temos diferenzas.

- Vostede non leva gorra, nin vive co pito apegado ó labio.

- Nin teño a valentía do Carrabouxo.

- Tamén hai coincidencias.

- O Carrabouxo e eu somos dous galegocéntricos. Intentamos explicar o mundo dende Galicia. Para min Galicia é o centro do mundo, e procuro que iso se reflexe no personaxe.

- ¿Enfadouse con el moitas veces?

- Enfádome moitas veces, cando non sae o chiste. Dígolle: "¡Desgraciado, hoxe non dis nada!"

- ¿Que lle pareceu a vostede cando O Carrabouxo foi ó cine?

- Ver ó Carrabouxo en debuxos animados, pareceume algo fabuloso. Foi a primeira vez que se fixo animación en Galicia, con personaxes galegos e con medios galegos. A aventura foi fermosa. Doce persoas estiveron debuxando durante un ano enteiro. Todos eles son mellores debuxantes ca min. E cada un deixoume feito un Carrabouxo debuxado ó seu estilo.

- Como autor satírico, vostede foi un permanente animador dos mitins de Xosé Manuel Beiras.

- Participei nuns cen mitins por toda a provincia. Empecei ó principio facendo coplas, de tipo político, e rematei pasando ó monólogo, sen ningún tipo de papel. Este ano, algunha persoa veu onda min a dicirme que non fora ó mitin do BNG, porque non falaba eu. Tiven que aclararlle que o sentía moito, porque o que eu quería era que estivera cheo, independentemente de que me convidaran a min a participar ou non... Nese tipo de intervencións, eu parto dun guión, que teño estruturado, sobre o que fago improvisacións. E fixen moitos debuxos para festas e acontecementos de tipo cultural e social.

- ¿Ten algún proxecto, como autor satírico?

- Téñenme pedido algo, pero nunca me parei a facelo. Xubílome o ano que vén en telecomunicacións, previsiblemente, polo que terei oito ou nove horas máis dispoñibles ó día para o debuxo e para escribir.

- ¿Pode facer unha caricatura de Anxo Quintana?

- É un Menelao que cruzou o Arnoia e conquistou Allariz camuflado nun boi de madeira.

- ¿Como ve ó presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño?

- É un funcionario que entrou na historia de Galiza porque fixo sair a Fraga.

- ¿Cal é a imaxe que ten do ex portavoz do BNG, Xosé Manuel Beiras Torrado?

- É un Castelao sen lentes que toca o piano, e mentras o toca, espera.

- ¿Que lle suxire o alcalde de Ourense, Francisco Rodríguez?

- Non se sabe de onde saiu, pero aí está, como Zapatero.

- ¿Que imaxe ten vostede do tenente de alcalde, Alexandre Sáchez Vidal?

- É un capitán degradado a tenente polo efecto Zapatero.

- ¿Xosé Luís Baltar?

- A arte de saber dicir sí sempre!