Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Fabricantes de burbullas (II)

O historiador Xerardo Dasairas culmina nesta colaboración a historia das fábricas de gasosas na comarca

Cerramentos e envases. // Cedida pola familia

A chegada das grandes marcas de gasosa como La Revoltosa (1944) e logo La Casera (1950) suporía o principio do fin das pequenas fábricas que un censo de 1950 contabilizaba en máis de 3.000 fabricantes de bebidas gaseosas en España (hai quen fala de 5.000) que distribuían cadanseu produto principalmente nos arredores da sua poboación ou na sua provincia. Burros, carros, bicicletas, motocarros e camionetas distribuiron durante anos as gasosas de casa en casa, sendo o primeiro sector que usou vehículos a motor para o reparto. A apertura en Coia (1956) da fábrica de La Pitusa veu supor outro varapau para os pequenos fabricantes, sendo que a finais destes anos cincuenta, pecharía en Cangas a fábrica de dona Alicia, adqueríndoa Román Núñez Fontán cara a 1958, seguindo na rua do Hio co gran tesón e esforzo da sua muller Elvira, como único fabricante de refrescos de Cangas. Neste lugar seguiría durante uns anos ata o seu peche definitivo, pasándose á distribución de bebidas doutras marcas e clases desde un novo local no Espíritu Santo. Porén, a exclusividade de Fontán como fabricante de gasosas a penas duraría tamén un tempo ao abrir José Rodríguez en 1966 na Aldea de Arriba, unha nova fábrica de gasosas denominada "San Martín" que había estar en funcionamento ata o ano 1979 en que pecharía definitivamente.

Hai que aclarar que desde 1969 xa se iniciaría o declive desta industria sendo duas as cuestións importantes que lle ían afectar directamente á fabricación de gasosa e refrescos: Por unha banda, os controis sanitarios sobre a auga utilizada que en Cangas se mostrama xa deficiente e por outra, a utilización da sacarosa da que se difunde desde EE. UU. que era canceríxena. A finais deste ano, e ante os prexuizos causados, os grandes fabricantes comezan a difundir mensaxes tranquilizadoras, asegurando que os seus produtos se edulcoraban con azúcar de cana en lugar do ciclamato sódico, prohibido agora no seu uso alimentar. A partir desta data van comezar a pechar as fábricas de gasosa, dirixindo o seu negocio cara a distribución de bebidas de marca ás que se lle atribuiu logo a divulgación da noticia da sacarosa para eliminaren a competencia e abrir máis mercado a conta do peche das miles de fábricas locais existentes en España. Nestes anos finais do franquismo, a irrupción das grandes marcas daría pé a un dito moi divulgado que aseveraba que as mulleres eran como as gasosas pois unhas son caseras e outras revoltosas.

Herdeiros daquelas duas empresas de Marín das que xa falamos, foron desde a segunda década do século XX, a fábrica de José Pousada no Seixo que ainda fabrica hoxe as marcas de gasosa Pousada e A Nosa, auga Sanxinés e unha gama de más de 50 produtos refrescantes e moi perto, en Ardán tamén segue fabricándose a gasosa Xiada que anteriormente se chamaba Peneireiro. Outras marcas que ainda perviven tamén son Gaseosas El Primor en Cotobade, Santa Tecla na Guarda ou unha ainda recente, Cooperativa de Bebidas (COFAGA) ubicada en Xinzo-Ponteareas que fai a gasosa Fonte Roca e outras bebidas. Actualmente e para adaptarse á normativa europea, as bebidas refrescantes están obrigadas a baixar un 23% o seu contido de azúcar e Francia xa acaba de prohibir por lei, as bebidas azucaradas ou con adozantes sintéticos (gasosas, bebidas enerxéticas, concentrados de frutas...) en establecementos hostaleiros e centros de ensino. Tamén na actualidade, está a poñerse de moda o término sociedade gasosa, que antes Zygmunt Bauman chamou modernidade líquida, para definir o gosto polo superficial, o efémero e a pseudociencia que nos invade... Mais, como xa vimos, para sociedade gasosa, gasosa... a daqueles tempos.

(*) Historiador e mestre de Cangas

Compartir el artículo

stats