A publicación por parte de Domingo Villar da novela "O último barco" desatou unha aposta polo turismo cultural en Moaña. O libro, ambientado na parroquia de Tirán, fixo que moitos visitantes comezasen a preguntar polos escenarios na oficina de Turismo. O Concello recolleu a luva e comezou a programar roteiros literarios guiados polos lugares que se mencionan na novela. Nos sete xa completados participaron 177 veciños e visitantes. Agora outro centenar de persoas participarán nas outras catro programadas para este outono.

O Concello quixo vencellar aínda máis o nome da vila ao desta novela e xunto coa Editorial Galaxia publicaron 500 exemplares dunha edición especial, co escudo de Moaña na contraportada e unha faixa na que, ademais do mesmo escudo, pódese ler a frase "Moaña é unha aventura!". Onte a alcaldesa, xunto cos edís de Cultura e Turismo, e o director xeral de Galaxia, Francisco Castro, presentaron a edición máis moañesa desta novela.

O Concello repartirá exemplares entre a biblioteca municipal de Quintela e as axencias de lectura das parroquias. Ademais, entregará outros aos dous institutos da vila e o resto convertiranse en agasallos institucionais para os distintos eventos municipais.

Dende Galaxia entenden que coa novela "Domingo Villar situou a Moaña no mapa planetario. Despois de traducirse a moitas linguas o libro está a piques de comezar a venderse nos Estados Unidos", sinala Castro, quen pon en valor "o traballo e adicación do Concello moañés a prol da cultura".

Dende o goberno local a alcaldesa, Leticia Santos, entende que cun deseño personalizado da novela "seguimos apostando porque a cultura do país siga viva, como facemos coa campaña contra a cancelación de eventos". Insiste en "atraer cada vez a máis turistas que busquen cultura no Morrazo, máis alá de praias", e defende que "todos recurrimos á cultura para evadirnos da difícil situación sanitaria e económica que estamos a atravesar".