09 de agosto de 2020
09.08.2020
Faro de Vigo

500 anos de asistencia sanitaria (IX)

Nesta penúltima achega analízase o periodo comprendido entre 1940 e 1977

09.08.2020 | 00:59
A antiga casa do médico do Forte ou centro sanitario rural.

Nesta nova entrega sobre a historia da sanidade na comarca o autor afonda na organización sanitaria a partir do ano 1943, coa plena implantación do réxime franquista. Unha xestión marcada polas loitas internas que había dentro do propio réxime e que tivo entre os seus fitos a aprobación da Ley de Bases de la Sanidad Nacional (1944) ou a creación do Seguro Obrigatorio de Enfermidade (SOE), co que se quería dar cobertura aos traballadores de rendas máis baixas e blanquear a represión previa sobre as organizacións sindicais.

Xa desde 1943 comezaría a reorganización sanitaria do país co nomeamento dun novo Consello de Sanidade e sobre todo coa promulgación en novembro de 1944 da Ley de Bases de la Sanidad Nacional. Esta Lei tiña como obxectivos primordiais coordinar as distintas actuacións sanitarias e desenvolver un labor de protección sanitaria con accións preventivas e interventoras ante o perigo das enfermidades infecciosas. Asimesmo, mantiña o modelo de atención médico-social ao campesiñado por medio dunha organización en tres niveis moi xerarquizados e o Estado asumía o exercicio público da Sanidade coa axuda das Corporacións públicas, de organismos paraestatais, do Movimiento e por entidades particulares. Xa que logo, os médicos titulares pasarían a ser funcionarios do Estado ao servizo dos Concellos, dependendo xerarquicamente do alcalde como xefes locais de Sanidade. Ao tempo, tamén dependían do Ministerio da Gobernación a través da Dirección Xeral e das Xefaturas provinciais de Sanidade, sen prexuízo da dependencia local.

A Escola Nacional de Sanidade, moi resentida nas suas funcións durante a década dos corenta, tamén continuaría co seu labor, absorbendo ao Instituto Nacional de Sanidade sendo que a Dirección Xeral de Sanidade tamén habería de padecer algunhas modificacións. Contodo, a Lei ía desenvolverse con lentitude debido ás mencionadas loitas de poder entre as diferentes faccións que conformaban o franquismo. Un dos fitos importantes da Lei de 1944 sería a implantación polo falanxista Girón de Velasco, do Seguro Obligatorio de Enfermedad (SOE) dependente do Instituto Nacional de Previsión (INP), primera institución oficial encargada da seguridade social e asistencia sanitaria creada en 1908 por Maura no reinado de Alfonso XIII. Este seguro, promovido pola Falange desde o ministerio de Traballo, nacía co obxectivo de darlle cobertura aos traballadores coas rendas máis baixas pero tamén como un medio de lexitimación do Réxime ante os traballadores cuxas organizacións foran reprimidas sen piedade nin tregua.

Neste contexto, crearíanse os ambulatorios e o de Cangas ocuparía o mesmo local do que fora o Instituto de Hixiene ou Centro de Atención Primaria, onde os médicos e practicantes da Asistencia Pública Domiciliaria atenderían polo menos duas horas e media e os avisos a domicilio. A maior aportación de pacentes proviría das xentes do mar que dependían do Instituto Social da Mariña e cuxa atención se facía anteriormente a través dos Pósitos. O persoal que atendía o ambulatorio de Cangas antes de facerse a Casa do Mar en 1976 eran o médico Antonio Cordeiro, a enfermeira Marina Ocaña e unha limpadora, Maruxa "A Roxa". Neste ano 1944 a Beneficencia Pública atendía a 450 familias dun censo de 16.043 habitantes sendo inspectores de Sanidade, José González Graña e José Castro Carpintero.

Os profesionais sanitarios acollidos ao Seguro Obligatorio de Enfermedad rexíanse a nivel retributivo polo método clásico das igualas, é dicir, os médicos cobraban por un cupo definido de familias segundo as "cartillas" que tivesen adscritas. Estas cartillas eran o documento no que constaban os beneficiarios, o traballador e a sua familia, atendendo o médico (de familia) aos pacentes no seu propio domicilio. Posteriormente, desenvolveríase unha rede de consultorios públicos nos que pasaron a ofrecer os seus servizos os médicos xeneralistas. Desde 1952 desaparecería a denominación de médicos A. P. D. (O.M. 26/1/48) pasando a denominárense todos como Médicos Titulares, atendendo os servizos de beneficencia (desde 1962), control sanitario local e urxencias. A tal fin, os concellos irían establecendo novas ubicacións como as chamadas "Casa do Médico" con vivenda incluída. A administración local, a través do Consello Municipal de Sanidade, sería ata agora a única encargada de dotar e manter esta infraestrutura e os facultativos, incluídos practicantes e matronas, serían financiados agora polo estado. Un problema persistente nestes anos é o da tuberculose e as dificultades dos pobres de acceder ao seu tratamento coa escasa e cara estreptomicina ou o Rimifón cuxas doses, racionadas, había que conseguir en Vigo acreditando a enfermidade. En Cangas son ainda bastantes, os afectados de todas as idades, e a necesaria prescripción facultativa viña case sempre dos médicos da Beneficencia, González Arís e Castro Carpintero ainda que os curas das parroquias tamén eran un bo aval, dado o carácter relixioso da institución "Por amor de Dios" que suministraba os fármacos, obtidos por donacións directas ou monetarias.

En decembro do ano 1.953 unificaríanse os estudos conducentes á obtención das titulacións de Practicante en Medicamento e Cirurxía, de Matronas e das "peculiares" enfermeiras da época cuxo núcleo estaba formado por monxas e militantes da Falanxe feminina. Así, tamén se unificarían nunha profesión, a de Ayudante Técnico Sanitario, masculino e feminino, a de practicante e as de matrona e enfermeira. Porén, a nova titulación de A.T.S., tardaría ainda bastante tempo en "desbancar" á de Practicante, polos servizos que estes viñan prestando en réxime extrahospitalario, dos que se carecía neste periodo. Tamén ata o establecemento destes profesionais, o "oficio" de matrona viña sendo exercido desde tempo inmemorial en cada parroquia por mulleres que asistían nos partos e de aí que tamén fosen coñecidas en Galicia como parteiras. Comadre, madrina e comadrona foron outras designacións históricas das exercentes desta particular práctica obstetríca, recibindo actualmente o nome de doulas, aquelas mulleres que, sen titulación oficial, se dedican a proporcionar asesoramento e apoio síquico ás embarazadas.

Outras iniciativas lexislativas, que continuaban a tendencia das décadas anteriores, foron a creación dun novo seguro de vellez e invalidez en 1947 e o de desemprego en 1961 pero o resultado da competencia entre as mencionadas faccións levaría ao enfraquecemento da estrutura dependente da Dirección Xeral de Sanidade xa no 1960. A promulgación en 1962 da Lei de Coordinación Hospitalaria e a lei de Bases da Seguridade Social de 1963 (non sería efectiva ata 1967) coadxuvarían a racionalizar as finanzas e a administración das entidades e prestacións existentes e xunto coa reforma da Función Pública ese mesmo ano, serían determinantes na perda definitiva de poder dos sanitaristas.

Contodo, a asistencia sanitaria seguía sen chegar a todos e sobre todo ás clases máis desfavorecidas que tiñan dificultades para acceder á atención médica. Por iso, moitos veciños que non podían afiliarse a unha mutua, optaban polo xa vello sistema da Iguala, implantado a comezos de século e chamado así porque igualaba a todos os cidadáns e evitaba que só os máis acaudalados pudesen ir ao médico cando enfermaban. Se o colectivo mariñeiro estaba atendido desde o Instituto Social da Mariña (ISM), o campesiñado contaba, en teoría, coa Obra Sindical de Previsión Social (OSPS) encauzada através das Hermandades Sindicales de Labradores y Ganaderos (HSLG). A OSPS foi constituida cara 1940 e tiña como misión levar a cabo los cometidos do Instituto Nacional de Previsión (INP) e impulsar a creación de Mutualidades de Sindicato ou Empresa, ainda que o seu ámbito de actuación predominante sería o rural.

En 1945 ordenaríase que se establecese en cada Hermandad Local de Labradores y Ganaderos, un Servizo de Xestión Asistencial que cara 1950 xa contaba cunha ampla rede estatal. Porén, a Hermandade de Cangas, constituida no 1947, nunca contou con este servizo asistencial, a pesar de que desde 1951, estas entidades contasen cun seguro médico. A Hermandade local de Cangas, que nacera como cooperativa de suministros agrícolas apenas lle daría cobertura a este servizo, limitándose neste aspecto, a temas burocráticos sobre pensións, axudas... desviando o tema sanitario cara o Seguro obrigatorio (S.O.E.) ou as socorridas igualas.

*Profesor e investigador

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
FaroEduca