Estimados socios, deportistas e pais dos deportistas do Alondras C. F.,

Como sabedes, o venres 31 de xullo finalizou o segundo prazo para a presentación de candidaturas para presidir o Alondras C.F. Un ano máis, tras vinte e catro á fronte do noso club, ninguén presentou unha candidatura para substituírme como Presidente do Alondras C.F. a pesar dos numerosos chamamentos que realicei.

Consciente de que a situación actual non é a máis propicia para asumir a presidencia do club, decidín comprometerme a seguir á fronte da entidade durante a tempada 2020/2021. Sendo isto unha circunstancia excepcional como consecuencia da COVID-19, polo que unha vez finalizada a tempada 2020-2021 volverei a convocar eleccións.

Nos tempos actuais sabemos que é difícil atopar un socio que queira dirixir o noso club dunha forma filantrópica e altruísta, polo que unha solución ante a falta de candidatos para presidir o club sería a profesionalización da súa dirección co único fin de evitar a súa desaparición. Por razóns obvias, a súa desaparición sería o final máis tráxico para o Alondras C.F. . Pero sendo honesto coa entidade que represento, xa non me queda enerxía suficiente para seguir dirixindo o club nas actuais condicións. Polo que continúo facendo un chamamento para buscar axuda e solucións.

Foron vinte e catro anos de moito traballo, paixón e devoción cara á entidade deportiva máis antiga do noso pobo. Sempre dando o mellor para poder cumprir todos os obxectivos e intereses tanto do Alondras C.F. como dos seus afeccionados. Nesta vida todo ten un principio e un final, e o único que pretendo é buscar un substituto que poña punto e final a miña etapa como Presidente do Alondras C.F. e así evitar que unha entidade que aínda ten moitos máis capítulos por escribir chegue ao seu final.

Trátase dunha decisión meditada que decidín compartila con todos vós para que xuntos busquemos unha solución. Por iso, pídovos persoalmente que comprendades a importancia da mensaxe que quero transmitir polo ben do Alondras C. F. e do noso pobo.

Por último, e unha vez máis, anímovos a presentar propostas para atopar unha persoa que me substitúa no cargo de Presidente ao finalizar esta tempada. Confío en que entre vós se atope alguén coa mesma enerxía e ilusión coa que eu cheguei ao noso club fai vinte e catro anos. Pola miña parte, póñome á vosa disposición para aclarar todas aquelas dúbidas que vos puidesen xurdir, agora e no futuro.

Moitas grazas pola vosa atención.

*Presidente e socio Nº 68 do Alondras C.F.