02 de agosto de 2020
02.08.2020
Faro de Vigo

500 anos de asistencia sanitaria (VIII)

Nesta entrega o autor analiza a situación da sanidade e dos médicos durante o franquismo

02.08.2020 | 00:47

Durante a República, a medicina social tiña alcanzado gran desenvolvemento cos Centros Primarios de Saúde. A guerra suporía a mobilización dos médicos e sanitarios e moitos foron "depurados". A medicina franquista tardaría en refacerse bastantes anos pola loita polo seu control entre os católicos-militares e os falanxistas. Médicos da guerra, monxas e a Sección Feminina eran os peares da medicina deste tempo que tivo que combater a tuberculose e os tifos, abríndose unha nova epidemia coa difteria, varicela e tosferina infantís.

Cando se produce o levantamento militar de 1936, a sanidade republicana tíñalle dado un impulso importante ás políticas de previsión social e estaba nun proceso de expansión de Centros Primarios de Hixiene. En 1931 xa se implantara o Seguro Obrigatorio de Maternidade e en 1932 reformaríase o Seguro de Accidentes no Traballo, non sen grandes discusións entre as diferentes forzas políti¬cas e axentes sociais. A Ley de Coordinación Sanitaria de xullo de 1934 executaba medidas centralizadoras e entre as principais directrices que contemplaba figuraban a conversión do Corpo de Médicos Titulares Inspectores Municipales de Sanidade en Corpo de Médicos de Asistencia Pública Domiciliaria (APD) e a creación do Servizo de Hixiene no Traballo. A provisión de prazas centralizaríase por decreto na Subsecretaría de Sanidade e Asistencia Pública, dependente do Ministerio de Traballo, Sanidade e Previsión. Os teóricos sanitarios da República entendían basicamente a enfermidade como consecuencia da estrutura social e que sería evitable con mellor organización sociosanitaria. Tamén consideraban que a práctica e exercicio médicos estaban mediatizados pola estrutura capitalista existente, convertendo á medicina nun obxecto de comercio. A Guerra Civil e a instauración da ditadura franquista suporían un corte radical na vida do país que tamén lle afectaría ao campo da saúde pública ainda que habería unha certa continuidade nalgúns aspectos (Lei sanitaria de 1934) pero xa nun contexto político, económico e social totalmente diferente. Xa en agosto, de 1936, o Colexio de Médicos pontevedrés apuraríase a mostrar a sua total adhesión ao golpe militar e a Serrano Súñer, cuñado de Franco, encargado da Sanidade no seu ministerio.

En Cangas, durante os primeiros días do golpe militar contra a República, paradoxalmente ou quizais non tanto, a escola e o Centro Primario de Saúde ou Instituto de Hixiene, situados perto do cuartel da Garda Civil, haberían de se converter en improvisados cárceres e centros de tortura nos que internaron a veciños, mestres e médicos. Entre os desta profesión destacarían Agustín Jorge Echeverri, alcalde de Cangas por Izquierda Republicana que foi executado en Pontevedra o 24 de setembro de 1936, acusado de rebelión militar. Manuel Martínez Piñó, médico da Sociedade "La Unión" do Hio e fundador e presidente de I.R., puido fuxir pero foi finalmente detido no Grove. Sería xulgado na Coruña por rebelión, sentenciado a cadea perpetua, abríndolle en 1941 un expedente por responsabilidades políticas con sanción de 250 ptas. Crese que morreu enfermo no cárcere. Rafael González Rodal, fillo do empresario Rafael González Vidal (Mau mau) foi outro médico cangués que exercía fóra da localidade e que tivo que fuxir a Portugal de onde se desprazaría a Santo Domingo onde falecería. En Moaña, o médico Luis Caamaño Pato sufriría o acoso e a saña do fascista e asasino alemán, Bruno Sweiger Damboech pois era fillo de Amancio Caamaño, expresidente da Deputación, a quen tentou defender e que foi fusilado xunto con Alexandre Bóveda. A protección dun falanxista de Domaio evitaría que Luis Camaño fose detido pero foille requisado o coche e incluso chamado para atender ás vítimas das torturas dos falanxistas.

Xa que logo, as consecuencias da guerra non só traerían a perda de numerosos intelectuais e científicos, principais protagonistas dos avances sanitarios e culturais, senón tamén a interrupción e abandono das concepcións e logros anteriores. A sanidade estaría baixo o control dos gobernadores provinciais a través de Falanxe, retrotraéndose a conceptos sanitarios dos anos vinte e centraríase máis en paliar os desastrosos efectos físicos que a guerra causara en civís e militares. En 1938 dous novos médicos, Enrique Cuenca García de Castro e Luis Pimentel Gil, incrementarían a sete os facultativos de Bueu mentres que en Cangas, aos catro xa existentes, sumaríanse Manuel Romero Romero e Francisco Rivas Nogueira. No que respecta aos médicos de Asistencia pública domiciliaria (A.P.D.), convocaríanse duas prazas para Bueu e Cangas respectivamente, ocupando esta última no 1940, Heriberto Fuertes Gómez.

A Lei de responsabilidades políticas de febreiro de 1939 sería executada por tribunais constituidos por militares, maxistrados e falanxistas e tiña como un dos principais obxectivos a depuración dos funcionarios públicos. Ainda que de menor efecto que a sufrida polo corpo de mestres, nunha segunda fase desde comezos de 1940, serían os Colexios de Médicos os instados a iniciar a depuración da conduta político-social dos seus membros en relación co Movemento Nacional, abrindo así unha nova colexiación. Para proceder de xeito uniforme, o Ministerio de Sanidade ditaría unhas normas sustantivas e procesuais que guiasen aos Comités de Depuración de Médicos no exercicio de tan delicada función. O Comité de Depuración de Médicos de Pontevedra iniciaría a sua actividade solicitando declaracións xuradas e sometendo a control aos facultativos de Cangas, Ramón Espiña Arceo, José Piñeiro Graña, José González Graña, Francisco Rivas Nogueira, Heriberto Fuertes Gómez e Manuel Romero Romero, estes tres últimos de recente asentamento na localidade. En Moaña cubrirían o expedente de depuración José Abal Rua, José Martínez Rivas e José Benito Soage Camiña e en Bueu Enrique Cuenca García de Castro, Ignacio Lis Alonso, Ignacio Lis Lombos, Salvador Massó García, Luis Prieto García e Luis E. Santos Sequeiros. Nin que dicir tén, que os facultativos mencionados concluirían o expedente sen problema ningún, continuando co exercicio da sua profesión para a que, aparte do título, se lles esixía agora o certificado de penais.

En medio dunha crise epidemiolóxica, os esforzos da sanidade da posguerra van centrarse en combater a variola, o tifo exantemático (máis coñecido como o piollo verde) e as febres tifoideas, sendo tamén de especial preocupación a tuberculose e o paludismo. A mortalidade infantil derivada da difteria, varicela e tosferina tamén alcanzaría niveis semellantes aos de comezos da década de 1920. Entre os obxectivos do Réxime era prioritario recuperar a demografía e de aí a atención á mortalidade infantil por un lado e á tuberculose por outro, enfermidades que se relacionaban coa miseria na que vivía o proletariado, acuciado por unha mala e insuficiente alimentación, amoreamento en vivendas insalubres e longas xornadas de traballo en situacións extremas. A alta mortandade levaría a que en febreiro de 1937, o Concello de Cangas teña que solicitarlle a Antonio Solla o suministro de ataúdes para o enterramento dos máis pobres. As enfermidades máis atendidas nestes anos eran a tuberculose, a bronquite, a neumonía, a tosferina, os problemas hepáticos e as úlceras gástricas, por esta orde. Para facerlle frente esta lacra, crearíase en 1941 o Patronato Nacional Antituberculoso que sería inoperante ao non contar con especialistas nin aproveitar as instalacións existentes, frustrándose tamén os plans de Falanxe para crear un seguro obrigatorio antituberculoso que sería sustituido a finais de 1942 polo Seguro Obligatorio de Enfermidade (SOE). Entanto, as actuacións neste sentido a penas contarían co labor das instrutoras sanitarias ou enfermeiras visitadoras sociais do Patronato así como das que dependían do Corpo de Puericultores do Estado que estaban apoiadas polas enfermeiras da Sección Femenina de Falange a través do Corpo de Divulgadoras Sanitario-Rurales. En 1941 terían un destacado papel na campaña de vacinación antidiftérica dos nenos de ata catro anos ao amparo da Lei da Sanidade Infantil e Maternal. Contodo, a poliomelite, que paralizaba os músculos,basicamente nos nenos de entre tres e dez anos, foi ignorada polo sistema sanitario da época cando se comezou a expandir nos anos sesenta, causando miles de vítimas.

As loitas internas de poder entre as diferentes faccións que conformaban o franquismo serían determinantes no atraso á hora de reorganizar a sanidade do país. Esta pugna foi particularmente virulenta entre os falanxistas e o grupo católico-militar que levou unha repartición interna de áreas de poder. Estes últimos dominarían o Ministerio de Gobernación e a Dirección Xeral de Sanidade dependente daquel, facéndose cargo dos aspectos preventivistas. Pola súa banda, os falanxistas controlarían o Ministerio de Traballo e o Instituto Nacional de Previsión e polo tanto, os aspectos asistenciais. As tensións entre ambas correntes non desaparecerían con esa marcada repartición do poder e chegarían como mínimo ata comezos da década de 1960, saldándose co trunfo dos Seguros Sociais sobre os aspectos salubristas. Este repartimento da sanidade na España franquista e as suas consecuencias sería un dos puntos máis destacables do informe (ver recadro) que o doutor Colin Fraser Brockington faría en 1967 enviado pola Organización Mundial da Saúde a España. A pesar disto, as xerarquías franquistas farían caso omiso do mesmo e o documento ainda apareceu hai uns anos agachado nunha gaveta dun despacho.

*Profesor e investigador

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
FaroEduca