Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O tráxico e o destino

Liberto consegue chegar ao público; pon en marcha un mecanismo escénico que explora a distancia entre actrices e personaxes

Escena da función "LIberto" no Auditorio cangués. // Santos Á.

Unha Antígona moderna, cuxa responsabilidade moral se impón á orde política dos homes e á teolóxica dos deuses. Unha Medea que se enfronta ás súas propias sombras por riba da vida do seu propio fillo. Os gregos tiñan a vantaxe de non moverse no marco da civilización da culpa, que talvez é a verdadeira protagonista de Liberto: trátase un tema difícil, mais dende ese lugar interior no que o principal escollo é o sentimento de culpabilidade, a dúbida sobre a moralidade dos nosos actos.

A loita dunha nai enfrontada ao nacemento dun fillo cunha parálise cerebral que lle provocará danos cerebrais irreparables ponnos ante unha serie de dilemas éticos que, inexorablemente, chama pola traxedia. Mais unha traxedia cotiá, que se repite a diario nas salas de urxencias das maternidades. Nada que non poida pasarnos a calquera de nós nun día laboral.

O importante é como contamos esas cousas, como facemos que lle chegue ao público o que hai detrás das palabras. Liberto conségueo poñendo en marcha un mecanismo escénico que explora a distancia entre actrices e personaxes. A historia cóntase case sempre a medias: salta no tempo, interroga ao público, multiplica as voces ou completa a través da música a atmosfera emocional na que as personaxes atopan os seus límites. Reclama atención a través dunhas interpretacións que chegan á verosimilitude por vías diferentes ás do naturalismo: coreografadas, impostadas, enfrontando a mirada do público coa conciencia de que o xogo teatral é -tamén- protagonista.

E, non obstante, todo desprende verdade: os estados de ánimo cambiantes, o aferrarse a unha esperanza na que ninguén cre, o combate coa deshumanización burocrática que non se despega das ordenanzas e os regulamentos. E a complicidade calada de médicos e enfermeiras, que resoa hoxe con máis forza que nunca. Todo está ao servizo das nosas contradicións, da exposición espida da nosa nobreza e da nosa miseria.

A directora, Tamara Canosa, dirixe a mirada cara a eses detalles que transforman o tráxico nunha parte da vida corrente: os pensamentos "inadecuados" ante a fatalidade, os relampos de humor negro que nos permiten superar as tensións, os problemas de convivencia conxugal provocados pola desgraza. Todos esas minucias que nos lembran que a vida é brutal e irónica.

En realidade, a peza non busca a piedade para a súa protagonista. Tampouco a redención. Expón unha loita na que a supervivencia duns esixe a desaparición doutros. Quizais por amor. Quizais por resistencia. Quizais por necesidade. Seguramente, por iso que os gregos chamaban destino e que talvez consiste en atopar o lugar que nos corresponde na traxedia.

Compartir el artículo

stats