Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

500 anos de asistencia sanitaria (III)

Nesta entrega o autor aborda as condicións da sanidade bacteriolóxica no século XIX

Una ilustración sobre atención hospitalaria en 1889.

No primeiro terzo do século XIX ainda seguía presente a figura do cirurxián sangrador que xa estaba sometido a un certo control na sua práctica por Real cédula dada polo rey Felipe V o 29 de xaneiro de 1747 e ratificada por R. O. en 1779 por Carlos III. E de novo sería a confraría da Misericordia de Cangas quen se propuxese contratar en 1805 a un médico (quizais un nomeado don Luis) e un cirurxán titulados, optando posteriormente por facer trato só co cirurxián sangrador Francisco Antonio Soliño y Avalle que saía máis barato. Neste sentido, tamén se acredita no 1807 o exercicio médico do buenense Pedro García de la Rua como cirurxán aprobado e supervisor de sangradores e practicantes nos distritos de Moaña e Meira.

Precisamente nestas datas serían sancionados os sangradores José García de Moaña e Manuel Soliño de Coiro por exerceren sen título, ainda que estes o desmentisen no seu alegato. Porén, os cirurxáns mencionados xa tiñan estudos universitarios (cirurxán aprobado) ainda que de menor categoría que os médicos e na sua carreira profesional pasaban polos graos de mancebo, romancista e mestre. Nestas datas, nas vilas e pobos, segundo a poboación e categoría, podían sacar prazas de médico ou cirurxián, sendo a dotación económica do primeiro bastante maior. Contodo, o máis habitual era contratar un médico-cirurxián que se ben cobraba algo máis que o médico, facía por dous facultativos. Os seus emolumentos podían ser en diñeiro, produtos do campo, avinzas, exención de cargas municipales, vivenda gratis... Iso si, os partos, os afeitados a domicilio ou os "golpes de man airada" (feridas de arma branca) cobrábanos sempre aparte.

Nun breve periodo, entre 1830 e 1836, os sangradores denominaríanse cirurxáns menores ou ministrantes, pasando logo xa a chamarse practicantes, sendo que en 1875 se lles retira a "arte de dentista". Como efecto daquela disposición real, en 1750 tamén se aprobaría a Real Cédula de Parteros y Parteras con título expedido polo Protomedicato,aparecendo o papel masculino nesta profesión pero sempre que fose cirurxán. Ademáis de adquerir coñecementos sobre o oficio, outros requisitos para ser comadroa eran ter limpeza de sangue, fe de bautismo e certificación da sua vida e bos costumes emitida polo párroco.

A partir de 1812 vaise propiciar o concepto de saúde pública facendo fincapé basicamente nas áreas de hixiene e de loita contra as epidemias, centradas nas Xuntas de Sanidade Local. Nestas datas pensábase que o paludismo se producía por miasmas emanados das augas estancadas como as usadas para o mollado do liño. Pero onde se detectaba un problema maior era nas plantacións arroceiras do Levante español e por iso propúxose a plantación do arroz de secano (traído das Filipinas) cuxa experimentación en Galicia se fixo en 1831 na parroquia de Beluso, resultando fallido o proxecto, non pola calidade do arroz senón pola falta de hábito no consumo deste produto.

En 1830 decretaríase que a contratación de médicos se fixese por oposición, nacendo así a figura do Médico Titular e en xaneiro de 1831, publicaríase un Regulamento que perseguía o intrusismo na función médica e ditaba a asistencia dos enfermos pobres a través da Beneficencia Municipal e Asistencia Pública Domiciliaria. Incluía ademáis, o cumprimento doutros servizos sanitarios na localidade respectiva como Policía Sanitaria e Hixiene e Sanidade Públicas, atendidos por médicos expertos e que contasen con título.

A mediados de xaneiro de 1833 detectaríase nun veciño do barrio do Areal en Vigo, o primeiro caso de cólera morbo (vibrio cholerae) que en pouco tempo se ía estender pola contorna e pola península. Ainda que este caso está contrastado polo médico Nicolás Taboada Leal que foi quen o atendeu, sobre a sua chegada xa hai máis dúbidas pois uns apóñeno á que se introduciu coa escuadra do exemperador do Brasil don Pedro a través duns mariñeiros que se saltaran a corentena e outra a que foi no buque "Isabel La Católica" que nesas datas arribara a Vigo con tres tripulantes enfermos de fortes diarreas. Como fose, a epidemia foise estendendo e os médicos - cirurxáns da época, descoñecedores do bacilo causante, adicáronse a aplicar sangrados e lavativas con quinina, alcanfor e benceno que non facían máis que incrementar a deshidratación, principal efecto da epidemia. Unha das medidas político-sanitarias foi a de mandar calear todas as vivendas pois, inxenuos, crian que este produto tiña efectos profilácticos contra a extensión do mal e que explica que as vivendas, mesmo as de pedra, tivesen esta cor na fachada durante anos. Outra das medidas sanitarias, desprendidas desta peste e executadas polos concellos, foi a creación de novos cemiterios, primeiro en Cangas e máis tarde en Darbo ao prohibírense as inhumacións nos adros.

Tamén arredor do ano 1833, faríase efectivo que "las plazas de médicos-cirujanos, de médicos sólo, o de cirujanos titulares de los pueblos donde haya alcaide mayor, corregidor o gobernador político, y que perciban el todo o parte de su dotación de fondos de mi Real Erario, cualquiera que fuesen, se proveerán ahora por las autoridades respectivas". Nestas datas exercían no concello de Cangas (formado por esta parroquia, Coiro e Darbo) sete facultativos entre médicos e cirurxáns sendo que dous destes, Francisco Gil Romay, oriundo de Tui, e Francisco García atendían aos afiliados no gremio do mar das tres parroquias a través dun contrato con estas entidades. En relación coas epidemias desta época, destacaríase o labor realizado en Bueu polo médico-cirurxán Manuel Rioboo Guimeráns de Cela ao combater en Ons (era copropietario da illa) con éxito, a expansión do tifo que asolaba nestas datas a poboación illán. Outros médicos exercentes na vila buenense eran José María Puyol e Antonio Meira a quen o primeiro acusaría de exercer sen a debida titulación e que derivaría nun pequeno pero sonado pleito.

O curandeirismo aparece como un mal que aflixía a case todas as poboacións rurais de Galicia e mesmo desde Redondela se denuncia que se lle poña couto a sete destes, que asasinan con desfachatez nas inmediacións da vila e que desacreditan aos hábiles profesores en exercicio. No 1842 e con motivo de se abrir o lazareto de San Simón, tamén se decretaría que en cada concello da ria de Vigo se formasen Xuntas de Sanidade dependentes de Vigo. En cumprimento deste decreto, crearíanse en 1844 as prazas de Médicos Municipais (Beneficencia) e no ano seguinte xa se establece con este cargo en Bueu, o médico Manuel Pérez Lapido, primeiro desta titulación no Morrazo e cunha área de atención que incluía tamén parroquias limítrofes de Marín e as de Hío e Aldán, daquela pertencentes ao concello de Bueu. Este facultativo, despois de exercer a sua profesión durante moitos anos como médico da Beneficencia, pasaría en 1903 a ostentar de novo, ata o seu falecemento en 1912, o título de Médico Municipal da vila.

Tamén no mesmo ano 1845 e para cubrir a demanda municipal, chegaría a Cangas desde Vigo, o médico Leonardo Arnaud, natural de Marsella (Francia) que recén licenciado en Madrid, exercía no lazareto de San Simón desde a sua apertura en 1842. Ao crearse tamén en Cangas a praza de médico municipal (1844), sendo alcalde José Ramón Sequeiros, Arnaud obtería a mesma, mediante concurso entre seis aspirantes, converténdose ao ano seguinte no primeiro médico titular da vila. Nestas datas de mediados do XIX, exercen en Cangas sete facultativos entre médicos e cirurxáns e un boticario constando como a principal enfermidade en Cangas as chamadas febres gástricas (gastroenterite vírica) atribuidas ás variacións atmosféricas e abuso de alimentos pero que en realidade estaban producidas pola inxesta de alimentos e auga en mal estado e o conseguinte contaxio.

A xubilación oficial de L. Arnaud produciríase en 1876, exercendo a sua profesión durante case trinta anos, constando que o Concello lle viña renovando o seu contrato "por su buena profesionalidad" sendo que ainda o atopamos designado como médico do Concello para o bienio 1881 - 1883 e ainda exercendo a profesión no 1890. Este Arnaud viñera cun seu irmán, de nome César, dedicado a negocios financieiros, que casaría en Aldán coa señora do pazo de Vista Alegre e que chegaría a ser alcalde de Cangas entre 1863 e 1865 e entre 1881 e 1883.

Outro facultativo de praza que axudaba a este médico titular, sería o citado cirurxán romanista Francisco Gil Romay que destacara en Vigo durante a invasión napoleónica polo que foi nomeado oficial das milicias. Logo veu exercer como cirurxán a Cangas como auxiliar de Arnaud pero tivo un enfrentamento coa corporación municipal da vila pois non concordaba con que el cobrase 200 ducados e que o novo médico titular percibise 300. Por este motivo deixaría a praza cara a 1859, ocupándoa Francisco García, o outro cirurxán xa citado, instalado en Cangas como os anteriores. Cabe engadir ademáis que nas cláusulas de contratación municipal constaba a obrigatoriedade de residir na localidade e Gil Romay estaba domiciliado no Hio, parroquia que nestas datas era de Bueu.

*Profesor e investigador

Compartir el artículo

stats