-Ás veces un ten a impresión de que a maioría da poboación pensa que a pandemia acabou .

-Eu creo que a maioría da poboación é consciente da situación e cumpre coas súas obrigas, pero tamén é certo que unha minoría significativa tomou e segue a tomar a situación á lixeira, sen concienciarse da gravidade real da mesma. Logo está tamén a confusión xerada polas distintas fases, horarios, distancias, falta de claridade nas disposicións etc. Hai que superar todo isto se queremos chegar a bo porto.

-Como un alcalde cun problema de pulmón, cualificado como unha persoa de risco, se mergulla na loita contra a pandemia? Tivo ou ten medo?

-Medo non teño, pero precaución a máxima. Probablemente ese problema de saúde que teño faime ser máis precavido que outras persoas nas medidas de seguridade e no cumprimento das normas pola miña parte. E tamén máis insistente nas medidas xerais para a poboación. Non son nada hipocondríaco, pero si moi disciplinado no que afecta á saúde. Pero, con enfermidade ou sen ela, eu non lle podía virar as costas a esta gravísima situación que lle afecta á miña xente e quedar tranquilo na casa descargando as responsabilidades noutras persoas. Traballo cun equipo de políticos e de profesionais entregado e teño que estar á altura, algúns días desde a casa teletraballando e outros moitos con presenza física no Concello de Cangas . Eu sigo a ser moi analóxico e presencial .