Elisa de la Peña González xa é a primeira muller en ser nomeada filla adoptiva de Moaña. Ademais, a rúa que conectará co futuro dentro de saúde de Sisalde levará o nome desta mestra e activista social e cultural que onte recibiu as honras a título póstumo. O salón de plenos estaba ateigado, tanto que o hall da primeira planta do consistorio encheuse de xente que non collía dentro, tal era o cariño que os moañeses lle tiñan a Elisa de la Peña, falecida no ano 2018. O nomeamento partiu da Asociación de Mulleres de Moaña e contou co apoio activo de moitas asociacións e de centos de persoas particulares.

No acto de onte, antes de oficializar o acordo plenario por aclamación dos edís de BNG, PP e PSOE -pois o concelleiro de XM non participou- interviron representantes de moitos destes colectivos. Pola Asociación de Mulleres Mª Carmen Moreira falou "da miña amiga Elisa. A coñecín cando cheguei nos anos 70 a dar clase no colexio de Seara e sempre me acolleu sen reservas. Sempre tivo abertas as portas da súa casa porque tiña por principio confiar na bondade do ser humano", apuntou. Pola Asociación de Veciños A Praia-A Seara, Rosario Silva indicou que o acto de onte servía para "amosarlle o amor que Moaña lle ten e que ela lle tiña a Moaña". Falaron varias exalumnas como Flor Currás, á que lle deu clase no grupo escolar de Quintela nos anos 70. "É un referente desa xente que dinamizou Moaña para chegar ata o que é hoxe. Anos máis tarde fixen prácticas en Quintela con ela e aínda conservo unha actividade que fixemos xuntas. Sempre tivo ganas de compartir os seus coñecementos".

Polas Anpas, José Manuel González lembrou como, na súa etapa no CEIP Abelendo, "Elisa achegou á comunidade educativa dun xeito tan intenso que todavía non se superou". Tamén interviu Anahí Pena, que foi precisamente exalumna de Abelendo. "Comecei nesa escola no ano 1983 e Elisa de la Peña foi unha das súas fundadoras. Lembro que me recordaba a Mafalda e os listening que nos facía en clase de inglés con cancións dos Beatles. Todos descubrimos nesas clases a fermosa letra de Imagine". Sara Arias, excompañeira en Abelendo lembra a súa faceta docente. "Adoptou un xeito case perfecto ao adaptar á aprendizaxe ás características de cada aumno. Para ela todos os estudantes eran queridos e importantes". Henrique Harguindey falou en nome dos amigos. "Sabía perfectamente que as linguas non poden ser fronteiras entre as persoas", dixo.

Tamén houbo representación do mundo do deporte, por conta de Moisés Currás, representante do Clube Atletismo Samertolaméu. Lembrou o apoio de Elisa de la Peña ás Olimpíadas Escolares que comezaron nos anos 80. "Tomaba a man as marcas de cada participante, cunha precisión idéntica á actual con tantos medios técnicos", apuntou con humor. Finalmente, a alumna das clases para adultos que ofrecía na Asociación de Mulleres, Sara Rodríguez, lembrou o apoio desinteresado pola educación dos seus conveciños. Dende a Agrupación Cultural Nós, Suso Franco, puxo en valor esta merecida homenaxe no canto das honras que se facían en épocas anteriores "a ministros, deputados e incluso ao propio Francisco Franco nas corporacións predemocráticas".

Sen embargo, o momento máis emotivo chegou coa intervención do seu marido, Manuel Méndez, que tamén fora nomeado fillo adoptivo da vila. Méndez emocionouse durante o seu discurso. Sinalou que todos os presentes e os que fixeron posible o acto "non son anónimos, senón moi importantes para a nosa familia". Fixo súas as palabras do cantante Xil Ríos "porque seguro que Elisa, se estivera entre nós, diría que hai moitas mulleres que merecen esta homenaxe máis ca ela. Mulleres que traballaron e sacaron adiante aos seus fillos e coidaron dos seus maiores, moitas veces soas, ao ter aos seus homes embarcados ou na emigración".

Concluiu, Manuel Méndez, sinalando que "todas as persoas que coñecemos a Elisa levamos algo dela, da sua esencia feminista, loitadora e ecoloxista. Quería deixar un mundo mellor e esa foi unha das aprendizaxes que deixou en nós", finalizou entre os aplusos dos presentes e ante os seus fillos: Iria, Martiño e Alba. Toda a familia, así como a Asociación de Mulleres, recibiron un recordo de mans da alcaldesa, Leticia Santos. A figura inclúe unha preciosa fotografía da homenaxeada que é obra de Diego Seixo.

Os políticos presentes tamén tiveron verbas fermosas. Polo PSOE, Marta Freire lembrou a loita ecoloxista contra os verquidos radiactivos no atlántico que emprendeu Elisa. "Foi unha muller incansable pero sobre todo solidaria. Nos enche de orgullo que elixira Moaña para vivir aquí e formar a súa familia". Victor Carballal, do PP, sinalou que "a cantidade de boa xente que acudiu a este pleno demostra o querida que era". María Ortega, do BNG, fixo fincapé no carácter "feminista" da homenaxeada, "unha das promotoras da Asociación de Mulleres". O poeta Daniel Costas recitou unha obra escrita para a ocasión e o Coro Chorima rematou o acto cunha emotiva peza.