"Escoite, señor da pandeireta/ toque unha canción para min./ Non teño sono/ e non teño un sitio ao que ir./ Escoite, señor da pandeireta/ toque unha canción para min/ na mañá tintineante/ e eu seguireino". Os versos forman parte dunha das cancións senlleiras dun tal Bob Dylan e ben valen para ilustrar ata onde pode chegar unha pandeireta. A pandeireta é precisamente, xunto ás súas voces, o principal instrumento de Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro, que as tres xuntas son Tanxugueiras. Tres mozas que teñen percorrido boa parte do mundo dando a coñecer a tradición musical galega, pero que tamén fan un esforzo en dala a coñecer moito máis preto: nos institutos e colexios de Galicia, como estes días no Morrazo. "Queremos explicarlles aos rapaces o que é a nosa tradición, máis alá desde concepto de que é de vellos ou antiga. Queremos que sepan a proxección e as saídas que ten fóra", explican as integrantes deste trío.

No seu caso a música tradicional levounas a tocar en festivais e lugares por toda Galicia e por todo o mundo: India, Cuba ou Escocia, entre outros moitos sitios. "A algúns resúltalles un tanto indiferente, pero tamén hai moita sorpresa. Ninguén podería esperar que tocando unha pandeireta se podería viaxar tanto", contan Tanxugueiras. Onte estiveron nos institutos Johan Carballeira e Illa de Ons de Bueu e volverán á comarca o venres. Estarán no colexio da Pedra, no centro Juan XXIII e completarán cun concerto no Auditorio de Cangas dentro dos actos do Día da Muller.

O alumnado do IES Johan Carballeira durante a actividade con Tanxugueiras. Gonzalo Núñez

A elas parecíalles importante contar esta experiencia e que os máis novos sexan conscientes da proxección e trascendencia que poder ter a tradición. "É unha pena que ao mellor non fagan nada relacionado coa nosa tradición porque non saben a proxección e saídas que pode ter. O que lles soemos dicir é que tocar unha guitarra ou interpretar rock ou pop pode facerse todo o mundo. Pero o que temos aquí o temos só en Galicia e iso fai que teñamos un nicho moito máis grande", argumentan.

Moitos quedan sorprendidos de que a música tradicional teña tanta percorrido ou que os seus temas ofrezan a posibilidade incluso de gravar videoclips como "Perfidia", no que Tanxugueiras prenden lume a un coche. "Os máis pequenos quedan flipando e preguntan se de verdade queimamos o coche", contan entre risos.

As charlas inclúen explicacións sobre os instrumentos que empregan, os arranxos ou a labor de recollida que fan moitas persoas para manter viva a tradición. "Segue habendo prexuízos sobre o galego e sobre o noso, sempre se valora máis o de fóra que o de dentro. Por iso é importante que eles mesmos se den conta de que non coñecen a súa cultura e, aínda por enriba, moitos deles teñan que recoñecer que lles gusta a pesar de que xa tiñan un criterio propio de 'a min non me gusta a música tradicional'. Quedan un pouco abraiados e creas certa expectación que fai que se interesen polo que facemos nós e outros grupos", suliñan.

Tanxugueiras foron un dos grupos que formou parte do cartel da última edición do Festival Intercéltico do Morrazo, en Moaña, e o pasado mes de novembro publicaron so seu novo disco, "Contrapunto". O recibemento non puido ser mellor nun momento no que o consumo musical parece concentrarse a través de Internet e as grandes plataformas. Levan vendidos máis de 3.000 copias e houbo que facer unha nova tirada. Quenes aínda non as coñezan ou queiran escoitalas en directo terán unha oportunidade o venres no Auditorio de Cangas, a partir das 21.30 horas dentro da programación municipal con motivo do Día Internacional da Muller.