O Concello moañés presentou onte o inicio da programación de ocio infantil e familiar Rechouchíos, con seis actividades para os meses de marzo e abril. Nesta ocasión, e co gallo do 8-M, a programación fará especial fincapé na igualdade e as cuestións de xénero. De feito o primeiro acto, deste venres 6 de marzo, suporá o inicio dos actos relacionados con propio Día da Muller. En concreto o centro cultural Daniel Castelao de Quintela acollerá, ás 18.00 horas, o espectáculo de maxia de Fani Triana titulado "Igualdade, onde estás?". A protagonista da historia nace un 8 de marzo de 1975 e a súa nai decide chamala Esperanza.

Esta actividade está financiada pola Secretaría de Estado de Igualdade a través do Pacto de Estado contra a violencia de xénero. Do mesmo xeito o Estado financia a actividade do venres 3 de abril no centro cultural de Tirán. A actriz Iria Pinheiro protagoniza un contacontos pola igualdade titulado "Carabranca". Finalmente, para a promoción da igualdade, o 24 de abril o auditorio de Quintela acollerá a obra "Iriña bailarina" de Teatro Ghazafelhos.

O resto de espectáculos no terán a temática de xénero como eixo central. O venres 13 de marzo, no centro cultural Ramón Cabanillas de O Real, terá lugar a narración oral "Bichocas", a cargo de Atenea García e recomendada para nenos de ata 6 anos. Os obxectos e a palabra fan viaxar aos pequenos a través do mundo animal.

O 27 de marzo, pola súa banda, o centro cultural Rosalía de Castro de Domaio acollerá o concerto infantil "Gatuzo musical", protagonizado polo recoñecido Magín Blanco.

Finalmente, o vindeiro 17 de abril, o centro multiusos de Meira acollerá o contacontos para pequenos de ata 6 anos titulado "Onde está o vento?", a cargo de Animar-T.

Ao longo de 2019 o Concello organizou 28 actividades de Rechouchíos cunha asistencia total de 2.337 espectadores e unha media de case 84 asistentes por función. O bipartito defende a "consolidación" deste programa de dinamización lectora e lingüística.