29 de febrero de 2020
29.02.2020

O colexio de Beluso e o tecido social da parroquia reivindican a Rosalía cun recitado de poemas

Alumnos, colectivos, comerciantes e representantes do Concello participan nunha lectura pública no parque Xosé Novas

29.02.2020 | 01:18

O luns celebrábase o Día de Rosalía, coincidindo co aniversario do seu nacemento, un 24 de febreiro de 1837. Este ano esa data coincidiu en plenas vacacións escolares do Entroido, pero o colexio de Montemogos non quixo deixar de celebrar esta efeméride e de reivindicar a unha figura esencial na recuperación e dignificación da lingua e cultura galego. A mellor forma de facelo é a través da súa obra e os seus poemas e por esa razón organizou un recital poético. Un acto no que participou toda a sociedade da parroquia grazas a presenza de representantes de colectivos sociais e culturais, comercios e incluso acudiron integrantes do goberno local de Bueu.

O meteoroloxía foi benévola e permitiu que esta actividade puidese celebrarse ao aire libre, no espazo do parque Xosé Novas. Ata alí desprazouse o alumnado do colexio de Montemogos, que foi o gran protagonista deste recoñecemento, para compartir algúns dos poemas máis senlleiros da poeta galega. Xunto a eles tomou a palabra unha ampla representación da sociedade da parroquia de Beluso. Integrantes da Comunidade de Montes en Man Común, Asociación San Marcos, Anpa Cabo Udra ou o responsable da Fundación Xosé Novas, Jesús Portela. Tamén acudiron comerciantes, como representantes da farmacia, da Ferretería Brión ou da Frutería Rúa Nova.

Desde o colexio tamén se convidou ao Concello de Bueu e o alcalde, Félix Juncal, e o concelleiro de Cultura, Xosé Leal, non deixaron pasar a oportunidade de compartir unha parte do seu tempo cos escolares. O rexedor leu "Quíxente tanto meniña", de "Cantares gallegos", e aproveitou para destacar á figura de Rosalía de Castro desde o feminismo. Pola súa banda, Xosé Leal escolleu "A xustiza pola man", un dos poemas máis coñecidos e reivindicativos de "Follas novas".

Esta homenaxe á poeta nada en Padrón culminou cunha actuación musical a cargo dalgúns dos membros da Banda de Gaitas Manxadoira de Bueu e coa entrega aos asistentes dun bosquexo que evoca o nome da estrela HD 149143, que é a estrela Rosalía de Castro.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
FaroEduca