Coronavirus ou gripe? A pregunta de moda. Sen entrar en disquisicións témoslle máis medo á primeira pola alerta sanitaria e pola preocupación de saber que aínda non dispoñemos de ningunha vacina para combatelo e sen embargo, da segunda que si temos vacinas de balde e a mortandade é moito máis alta e calada entre nós, moitos non nos vacinamos a pesares das reiteradas campañas do Servicio Galego de Saúde.

Aproveito a ocasión mediática para lembrar que hai cen anos o planeta, case por completo sufriu o virus da mal chamada gripe española establecéndose como zona cero os Estados Unidos de América: o 5 de marzo de 1918, cun cociñeiro dunha base militar en Kansas e exportada a Europa como consecuencia da Primeira Guerra Mundial a través de Francia de onde se estendeu tamén a España. Daquela España era país neutral e difundiu e espallou o seu coñecemento e efectos, dando así nome a unha pandemia que se cebou en persoas sans, novas e inicialmente máis fortes en cuestión de días cando non de horas sobre todo no primeiro andazo.

Galicia non foi allea e morreron mesmo varios catedráticos da facultade de medicina da Universidade de Santiago de Compostela e o mesmo Castelao tivo uns meses que incorporarse ó exercicio apartado ata entón da profesión médica no seu pobo natal, Rianxo a petición persoal do gobernador civil da Coruña, tal era a necesidade da poboación. Lembremos o conto titulado "O retrato", do seu libro "Retrincos". En Bueu, acentuouse a gripe no segundo andazo, a partires de agosto de 1918.

Traio ata aquí, motivo deste artigo, dende o esquecemento total e absoluto a figura dunha persoa que foi o noso Castelao bueués que lle custou a vida combater a gripe de 1918. Contaba con vintenove anos de idade. Trátase do médico don José García Santaclara, natural e veciño da parroquia de Cela. Era titular da praza asignada a esta freguesía e simultaneaba coa de xuíz municipal.

Había pouco que acabara de estudiar a carreira de medicina cando se tivo que enfrontar á enfermidade dos numerosos labradores que o requerían, pese ó rexeitamento da súa familia para que se resgardase e abstivese, facendo caso omiso e visitando as casas dos enfermos.

Constan as condolencias de pésame por tan sensible perda, no libro de actas plenarias municipais en sesión de 18 de novembro de 1918, como único testemuño na súa memoria, sendo Alcalde-Presidente José García Parada. O médico era fillo de Daniel García Lis e de Emilia Santaclara Amoedo, donos das casas da Torre de Cela, da nova e maila da Torrevella por compra ós herdeiros do Conde de Maceda en 1901.

Tamén é sobriño neto por parte de pai do que fóra cura párroco rector de Santa María de Cela, don Manuel de Lis Meijón, natural de Carballedo (Cotobade) falecido en 1900. Autor da venda das casas priorais, rectoral de Santiago de Hermelo.

José foi o segundo de tres irmáns, Claudiano e Consuelo García Santaclara. O primeiro boticario e farmacéutico municipal, así como estanqueiro na avenida de Eugenio Montero Ríos e a segunda, muller do que sería alcalde de Bueu e Presidente da Deputación de Pontevedra dous meses na Segunda República, Ramón Domínguez Ferradás, e nai de Aníbal Domínguez García, coñecido en Bueu como "el prohombre de la Hermandad de labradores y ganaderos de Bueu".

Na mesma sesión capitular dáse trámite de nomeamento ó seu substituto para Cela, o médico don Ignacio Lis Lombos, pai e avó dos tamén médicos don Ignacio Lis Alonso e don Ignacio Lis Cerqueiro, respectivamente, familia que acabará mercando a casa escola que fora de dona Matilde Bares Giráldez, na rúa deEduardo Vincenti, onde instalará o seu consultorio médico. Sexa este un recoñecemento expreso dun fillo de Bueu bo e xeneroso do que ninguén nos acordamos.

*Veciño de Cela e arquiveiro municipal do Concello de Bueu