Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A miticultura: o ouro das rías (II)

Nesta segunda achega, o autor céntrase na investigación e no desenvolvemento da actividade

Traballo feminino nunha batea de Moaña, ano 1963.

Mareas vermellas, sementes e controis de calidade

Son episodios naturais cíclicos denominados Floracións algais (blooms) que se dan nas augas pola acción de microalgas e xeralmente forman parte do ciclo da vida mariña. Estas floracións, cando derivan nun incremento das algas, poden ser nocivas e soen afectar ao contido de osíxeno da auga provocando a mortandade de peixes e outros organismos. Mais, cando as floracións xeran sustancias moi tóxicas, os moluscos filtradores como os mexillóns, croques, ameixas, longueiróns... que se alimentan delas, concéntranas nos seus tecidos (toxinas paralizantes) e poden provocar serias enfermidades e incluso a morte de quen os consume. Nestes episodios, prexudiciais para o cultivo e comercialización dos mexillóns, xogan un papel moi importante os laboratorios que mediante estudos e analíticas permanentes, realizan un labor de prevención coa responsabilidade de permitir ou prohibir a extracción dos moluscos para o consumo.

Como o único campo no que pode actuar a ciencia mariña é no da prevención, esta, ademáis das analíticas tradicionais, tén previsto o uso dos satélites Sentinel para monitorizar a aparición das mareas vermellas e actuar en consecuencia. Unha mostra do control e mellora do produto procede do último estudo científico da UVigo que procede da análise do posible impacto que puidesen ter no mesmo, a habitual utilización do alcatrán e do gasóleo usados para tratar a madeira das bateas.

Un paso máis nesta loita contra o impacto económico que produce o cesamento da actividade extractiva pola presenza da toxina paralizante (PSP) chega agora da man das investigacións dos laboratorios de Anfaco que xa conseguiron erradicala, tanto nos moluscos vivos como procesados. Isto vai supor que o mexillón poida ser recollido sen interrupción, baixo calquera situación contaminante do mar, evitando a destrución do produto afectado non so pola PSP senón tamén en caso da afección por listeria noutros produtos alimentares.

Aínda así e non sendo alarmante pola sua mínima cantidade, asimilable polo estómago humano, un novo perigo está a afectarlle tamén aos mexillóns en forma de microplásticos dos que os máis pequenos, os nanoplásticos, insírense sen dificultade nas células dos bivalvos. Outro dos últimos avances no cultivo dun mexillón máis ecolóxico vén dado pola utilización no encordado de mallas biodegradables, evitando a proliferación destes restos e da sua posible influencia no produto. Contodo e a pesar destas melloras na produción, o grande eiva actual neste cultivo provén da falta de mexilla (embrión, semente) que se está a detectar e que os bateeiros lle atribúen á normativa de poder extraela entre o primeiro de decembro e os finais de abril ou maio, demandando poder collela escalonadamente todo o ano cando se precise. Ademáis deste problema para cuxa solución xa se propuxo tamén o cultivo da mexilla en viveiro, aparece agora un novo perigo, atribuido ao cambio climático, que xa lle está a afectar á temperatura das augas e que en breve obrigará ao traslado das bateas cara augas máis propicias para o cultivo.

A Denominación de Orixe Protexida (DOP)

A partir dos anos oitenta sucederíanse as innovacións nas estruturas e nos sistemas e prácticas de cultivo, incorporando novos materiais e coñecementos que mellorarían o rendemento produtivo. Neste sentido cabe mencionar a mecanización que sufriu o sector, que en honor a verdade, practicamente tivo que inventar ou axeitar unha maquinaria propia como gruas, cestos, lavadoras, encordadoras, clasificadoras... que sustituiron o traballo a man e que agora tamén incorpora a tecnoloxía actual. A día de hoxe o mexillón galego conta co distintivo de DOP que lle outorga un valor engadido e preserva a sosteñibilidade dun sector que tén xerado investimentos en empresas transformadoras (conserva, conxelado, pasteurizados), comercializadoras (depuración, centros de expedición), empresas auxiliares (asteleiros, caldereiría, cordeleiría), sector servizos (actividades financieras, asesoramiento legal e laboral) e no desenvolvemento de centros de investigación, control, formación...

O Consello Regulador comezaría a sua posta en marcha no ano 1989 e iniciaría as suas actividades no 1994 encarando o fomento da calidade do mexillón e o seu recoñecemento no ano 2000 como Produto Galego de Calidade con Denominación de Orixe Protexida. Así, o mexillón habíase converter no primeiro produto do mar con esta calificación que antes só posuían os produtos agroalimentares. No ano 2007, a Unión Europea tamén rexistraría esta Denominación sendo ainda a día de hoxe a única DOP para un produto de mar en España. A loita do Consello Regulador do Mexillón de Galicia leva anos centrada en evitar que a industria conserveira utilice indebidamente lemas como "de las rías gallegas", "fabricado en Galicia" e incluso "envasado en Galicia" e así o ratificou hai poucos meses a Audiencia Provincial de Pontevedra. Contodo, seguen sendo máis os que están fóra da DOP pois das 3.400 bateas rexistradas só hai 1.150 na Denominación, abarcando a penas o 14% de toda a produción galega co que o 86% do mexillón en fresco e o 96% do enlatado non están certificados. As medidas de control de orixe non cabe dúbida que influiron en que mudase a tendencia do destino do noso mexillón sendo agora un 37% o que vai para a industria conserveira e o 63% para o fresco cando hai unha década era o todo contrario. Xa é de tanta importancia este sector que incluso as Eleicións ao Consello Regulador do Mexillón de Galicia están a espertar unha grande expectación mediática.

Nos últimos tempos, os avances da química teñen aportado novas propiedades no uso dos residuos do mexillón, cuxa valorización vai máis alá da gastronómica. Ademáis das outras utilidades das cunchas, que recollemos no cadro anexo, acábase de descubrir que nas barbas de suxección existen uns materiais que permiten separar a auga do aceite co que se poderían elaborar produtos anticontaminantes do mar. Como se pode deducir, o mexillón, se lle facemos caso ao dito, xa se asemella tamén ao porco no seu total aproveitamento. Mais, pese a este optimista panorama, sobre este importante sector e outros similares paira unha grande preocupación polo novo Regulamento de Costas estatal que elabora o Ministerio de Transición Ecolóxica e que desde 2014 xa reducira as concesións a 75 anos. Agora, no novo borrador contémplanse un tope de 15 anos para as industrias que xeren un certo impacto ambiental, 30 para as relacionadas coa explotación hostaleira (chiringos de praia, restaurantes, hoteis...) e 45 para as intalacións que conleven un servizo público, ainda que todas elas suxeitas á posibilidade dunha prórroga.

Bateas e balandros

Xa comentamos como o primeiro cultivo dos mexillóns se iniciou sobre estacadas para pasar logo superficies flotantes de madeira sobre un caixón. Neste sentido hai que dicir que ainda que as primeiras bateas se empregaron no Mediterráneo, as que se comezaron a montar en Galicia non foron unha copia daquelas, senón que se deben á imaxinación e inventiva autóctona pois eran descoñecidas polos nosos emprendedores. Para estas primeiras bateas usáronse barcos vellos lastrados con formigón que se usaban como plataforma sobre a que se tendían as vigas de eucalipto que mantiñan o equilibrio mediante un sistema de cabos e tensores. Logo os barcos foron sustituidos como base por barrís do viño baleiros de 420 litros usándose un vinte deles en cada batea. Mais, a fraxilidade e inestabilidade deste sistema fixo que se ideasen uns flotadores de madeira ou caixóns recubertos de cemento sobre os que se tendían as vigas. Tamén se probou cos de ferro pero a corrosión facia pronto mella neles polo que se desistiu no seu uso aparecendo os flotadores de poliester e incluso se promoveu o uso de vigas de polietileno que non tiveron moito éxito. Cando as faenas de extracción pasaron a facerse nos barcos, desaparecerían as casetas que sobresaían nas bateas e que segundo algúns relatos eran confundidas polos turistas con chalés palafíticos.

Tamén se probaron bateas redondas, chamadas medusa, pero os seus 34 m. de diámetro sobrepasaban os límites legais establecidos en 27 metros. Outras bateas experimentais feitas de aluminio e con capacidade de se sumerxer ata sete metros para sortear os temporais ou unha que estaba formada por pezas para variar a superficie e forma do viveiro, tampouco tiveron moito percorrido ata o momento pois en 2016 a Consellería do Mar xa veu propor unha electoralista e moi contestada polo sector, ampliación das bateas dos 550 m2 aos 900 m2 o que daría pé á introdución das bateas circulares. Esta proposta, ao dicir dalgúnha partes do sector, agachaba a promoción deste sistema pois a lonxitude estándar das vigas de eucalipto non se podería ampliar con empatados pois farían moi fráxil a estrutura. Xa que logo, a maior medida das bateas circulares mantería a produción e reduciría o número das mesmas en cada polígono, pero esta cuestión non era ben asumida polos mexilloeiros pois a maioría das explotacións constitúen maioritariamente un minifundio cunha ou duas bateas por propietario.

Como dixemos, unha das innovacións máis visibles nas bateas foi a eliminación das casetas de traballo para pasar este ás cubertas duns barcos específicos neste sector como son os chamados balandros. Estas embarcacións foron deseñadas en Galicia para este labor específico das bateas, cunha ancha cuberta na que traballar e actualmente os asteleiros galegos fabrican novos prototipos de avanzado deseño. O primeiro elemento co que foron dotados os bateeiros foi unha grua hidráulica, predominando as da marca Guerra, tamén de fabricación galega. Logo incorporáronse máquinas de encordado, selección, envasado... tamén debidas á inventiva galega inspirada polos coñecementos e experiencias sobre este produto.

*Historiador e investigador

Compartir el artículo

stats