O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Cangas insta ao goberno municipal a elaborar, "no primeiro trimestre do ano", as bases dos que denomina "orzamentos participativos" do Concello, así como a crear un "comité de xestión e coordinación" e un "Consello de Participación Veciñal" para executar e materializar o documento acadado no vindeiro exercicio económico.

Segundo argumentan os representantes desta formación nacionalista, no modelo sociopolítico propio das sociedades actuais, caracterizado en moitas ocasións "pola separación e grande distancia existente entre os dirixentes políticos e a sociedade", é moi importante a constitución de espazos de diálogo e conexión entra a cidadanía e as autoridades públicas, "e dicir, democracia participativa". Coa aplicación dese método de funcionamento que solicitan, a veciñanza que así o desexe poderá participar na elaboración dunha parte importante dos orzamentos do municipio, "co cal a democracia participativa, o sentimento de pertenza colectiva e a propia vinculación co Concello vense fomentadas e reforzadas".

O grupo municipal do BNG, integrado por tres concelleiras, lembra que un dos puntos do acordo de goberno acadado no pasado mandato foron os orzamentos participativos, "punto que foi incumprido". Ainda que asumen "a parte que poida correspondernos" dese incumprimento, lembran que xa daquela presentaran "un posible modelo para debater e consensuar" que quedou pendente, sen que se chegara a materializar. O BNG entende que a entrada da veciñanza na toma de decisións sobre o destino dos investimentos dunha parte do orzamento municipal (ben con fondos propios ou achegas doutras administracións) ten como principais vantaxes, desde un punto de vista práctico, "a maior lexitimación das decisións tomadas finalmente polas autoridades públicas", pois os propios veciños e veciñas participan no destino de parte dos recursos públicos que xestiona o Concello, e é unha ferramenta de participación e reflexión colectiva "que garantizará a transparencia do proceso e conseguir o equilibrio económico e territorial das parroquias de xeito xusto, solidario e sostible".

Moción plenaria

Entre as principais bondades do sistema que propoñen, desde o BNG destacan que o vecindario, a través da súa participación activa, "expoñen, deciden e comunican as propostas", ao tempo que se forman e informan sobre o proceso, "exercendo o control sobre o mesmo". Tamén inciden en que o persoal técnico aporta asesoramento sobre a viabilidade legal e técnica, e que os representantes políticos electos comprométense a asumir as decisións e executalas. Trataríase dun "documento vivo" que é susceptible de ser modificado en anos vindeiros, sinalan as promotoras, que o fan como moción para debater no pleno da Corporación.