Co obxectivo de incentivar, cohesionar e recoñecer publicamente o labor de persoas e colectivos do municipio que traballan a prol da cultura, do patrimonio e da creación artística, en calquera das súas múltiples facetas, o Concello de Cangas -a través da Concellaría de Cultura- vén de convocar unha nova edición dos premios Xohan de Cangas e Ignacio Cerviño, coas seguintes bases:

Xohan de Cangas ao Labor Cultural á persoa, colectivo ou entidade pública ou privada que se veña significando polo seu traballo na defensa e promoción da nosa Cultura en calquera dos seus eidos: música, baile, danza, audiovisuais, teatro, canto, animación sociocultural, tradición oral, cultura popular, etc. Xohan de Cangas á Creación Artística á persoa, colectivo ou entidade que se signifique pola súa obra de creación en calquera das facetas. E Ignacio Cerviño á Promoción/ Recuperación do Patrimonio, dirixido ás persoas, colectivos ou entidades que se distingan por desenvolver iniciativas de investigación, recuperación, posta en valor ou promoción do patrimonio histórico, artístico, documental, medioambiental ou arquitectónico.

Os premios consistirán nun recoñecemento oficial, sen cuantía económica, e os grupos políticos e colectivos sociais teñen ata o 15 de abril para presentar candidaturas.