16 de enero de 2020
16.01.2020

De Berobreo ao Keniata, un percorrido pola cultura popular de Cangas

Xerardo Dasairas publica un novo libro sobre a rica cultura inmaterial da vila canguesa

16.01.2020 | 02:42
Xerardo Dasairas e o seu recente libro sobre a cultura popular canguesa.

O profesor e historiador Xerardo Dasairas Valsa suma un novo título a súa extensa producción bibliográfica, un volume que está centrado na cultura inmaterial de Cangas, o seu concello de adopción. "Escolma da Cultural Inmaterial de Cangas. Lendas, mitos, ritos, crenzas e prácticas diversas" é o título deste novo traballo, que o autor presenta hoxe no salón de plenos de Cangas ás 19.30 horas.

O libro conta con preto de 130 páxinas e cunha vintena de epígrafes ou capítulos. Un percorrido que comeza polo santuario de Berobreo, no monte do Facho en Donón, e que remata cunha sección chamada "Contan que", na que Dasairas explica a orixe dalgúns dos elementos que forman parte da paisaxe cotiá de Cangas ou dalgunhas desas frases ou expresións que forman parte da linguaxe dos cangueses. É o caso de "faser ghasolina", "os carallotes", "traballar para Aldán" ou espazos como o Keniata ou o monolito de Rodeira, entre outros.

Ao longo do libro hai apartados adicados as lendas sobre mouras, mouros e ananos; trasnos; animais míticos, como a raposa de Cangas; demos e seres malignos; a Compaña; ou sobre bruxas e bruxerías e meigas e meigallos.

O libro está prologado por Clodio González Pérez, do Museo do Pobo Galego e académico correspondente da Real Academia Galega. Destaca a importancia deste tipo de traballos posto que a transmisión da cultura popular e a inmaterial non deixa de minguar. "Este libro é unha angueira de extraordinaria importancia tendo en conta que cada ano que pasa finan as últimas persoas que escoitaron na nenez dos beizos dos avós e dos veciños moitas destas lendas, contos e historias".

A publicación de "Escolma da Cultural Inmaterial de Cangas. Lendas, mitos, ritos, crenzas e prácticas diversas" chega tamén cando a Real Academia Galega vén de homenaxear no ano 2019 a Antón Fraguas, que adicou boa parte da súa vida e do seu traballo precisamente á cultura popular. Recorda Clodio González que no seu libro "O culto aos mortos", de 1931, Fraguas xa aludía a ese ser mítico da "raposa de Cangas", unha lenda a que lle atribuía unha orixe mariñeira.

Xerardo Dasairas inclúe tamén neste libro dous relatos de José María Castroviejo aínda sen publicar, "O capitán Lebermor e os homes peixe" e "A cova dos pesos", e unha sección adicada a desfacer algúns equívocos que soen aceptarse como verdades. Así, desminte a presenza en Cangas do rei Carlos II, coñecido popularmente como "O enfeitizado", para buscar nas "famosas bruxas" da vila remedio ao seus problemas de saúde; ou que a condesa Dona Luz, nai do famoso conquistador don Pelaio, vivise en Cangas.

A primeira edición deste libro sobre a cultura popular e inmaterial de Cangas consta de 500 exemplares, que xa están á venda nas librarías da vila a un prezo de 10 euros.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
Comeza un ano máis o Concurso Illas Cíes no que os nenos e nenas de Vigo nos contan como ven eles as Illas Cíes

FaroEduca