Hai unha teoría que sinala que son necesarios 21 días para adquirir e acostumarse a un novo hábito. A partir desa premisa a Consellería de Cultura abriu onte a segunda edición do seu programa de dinamización lingüística "21 días en galego e +", unha iniciativa coa que se pretende que os adolescentes falen e usen máis o galego, tanto dentro como fóra das aulas. O IES Illa de Ons, en Bueu, é un dos dez centros de toda Galicia que se suman a este programa, que onte foi presentado ás familias e comunidade educativa do centro bueués.

Os participantes comprométense a falar somentes en galego durante os 21 días que dura esta iniciativa, desde onte ata o vindeiro 2 de febreiro. Un total de 504 horas ininterrumpidas en galego que deben servir para afianzar o uso da lingua entre o estudantado de 12 a 18 anos. Na primeira edición tomaron parte catro centros educativos e 1.316 persoas, entre docentes e alumnado. Nesta ocasión o programa amplíase a dez institutos e abrangue ESO, bacharelato e Formación Profesional, rozando os case 4.000 participantes. "O obxectivo principal é que todos, incluídos os profesores e membros do persoal de administración e servizos, adquiran unha maior e mellor competencia na lingua galega. A través do proxecto procúrase tamén unha reflexión íntima e persoal sobre a lingua galega e nosa relación coas outras linguas que falamos cada un de nós", explican desde o departamento de Lingua e Literatura Galega do IES Illa de Ons Xoán Rodríguez e Anxo Rajó.

Para lograr estas metas vanse propoñer unha serie de actividades colaborativas e retos nas aulas, que poderán facerse tanto individual como colectivamente. A iniciativa ártellase ao redor do blog 21 Días con galego e +, onde se mostrarán as creacións dos institutos participantes, que deberán seguir e actualizar cada día para recibir os diferentes contidos. Unha vez á semana aparecerá o reto de grupo que deberán superar os estudantes. Amáis os alumnos serán convidados a realizar gravacións individuais onde deixarán constancia das súas reflexións sociolingüísticas sobre a experiencia, poderán ver as presentacións doutros participantes e as creacións realizadas. Durante as fins de semana as familias tamén van recibir propostas de retos para realizar colectivamente cos seus fillos e nunha xornada realizarán una enquisa de carácter sociolingüístico.

Desde o IES Illa de Ons explican que as súas actividades terán outro eixo fundamental: a difusión do propio instituto, do Concello de Bueu e dos proxectos que leva a cabo a comunidade educativa do centro. Para iso graváronse tres videos orixinais. O primeiro é unha presentación do IES Illa de Ons e de Bueu; o segundo céntrase no recoñecido e premiado proxecto de "Miserábeis" (galardoado co recibiu o Premio Innovación Educativa 2019 da Consellería de Educación e o Premio Educación en Valores da Deputación de Pontevedra) e, finalmente, o terceiro deses traballos audiovisuais é unha invitación ás familias para que participen neste novo proxecto.

O formato de "21 días en galego e +" baséase no proxecto deseñado en 2013 pola profesora do IES Pobra do Caramiñal Pilar Ponte e co apoio da Secretería Xeral de Política Lingüística foi medrando ata converterse nun dos favoritos do alumnado debido ao uso das novas tecnoloxías e a versatilidade dos seus contidos. A presentación oficial desta segunda edición foi onte no IES Arcebispo Xelmírez de Santiago coa presenza do presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes; a promotora e coordinadora do programa, Pilar Ponte, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García. "A medida que imos avanzando no camiño e avaliando o percorrido imos facendo reaxustes que nos permiten non só medrar en cantidade, senón tamén mellorar en calidade para alcanzar máis efectividade nos nosos obxectivos", sentenciaba Valentín García.Por iso nesta ocasión apóstase por fomentar a participación das familias e dos docentes doutros departamentos, non só dos de Lingua e Literatura Galega.