Hai noticias moi curiosas na prensa antiga que nos poden arrincar un sorriso de orella a orella nun deses días que ás veces nos sentimos máis apagados, aínda que neste caso damos por feito que a vítima do furto colleu carraxe. O que aconteceu na aldea de Donón, na parroquia do Hío, parécenos merecedor dunha pequena crónica para publicar no día dos Santos Inocentes.

Non o sabemos con certeza, máis polas datas nas que se publica o suceso, podemos intuír que o feito ocorreu o día 8 de decembro de 1925, pois antigamente na onomástica da Inmaculada Concepción celebrábase o Día da Nai.

A veciña de Donón Rosa Lorenzo Ozores, era filla de Ramón e Rosa. Súa nai era natural da parroquia de san Vicente de Trasmañó, concello de Redondela. A información oral recollida sobre Rosa Lorenzo dinos que traballou na fábrica de salgado que se atopa nas proximidades de Punta Subrido e Punta Fuxiño e que os coñecementos culinarios que esta tiña eran notábeis.

Resulta que a señora Rosa preparou unha empanada de bacallau para degustala no mesmo día xunto con tres comadres. A empanada foi cocida nun forno que non era da súa propiedade, tal vez de calquera veciño/a á que lle pediu de favor a cocción da dita empanada. O xornal da conta da noticia de que Rosa, co propósito de dar envexa, gabouse coa veciñanza do manxar que estaba a cocer. Tal foi o eloxio que o cheiro do comentario chegou ata os fociños dun mozo de 23 anos chamado José Gutiérrez Piñeiro, tamén veciño de Donón. De seguido o rapaz argallou degustar a empanada de bacallau sen ningunha compañía. Así que dirixiuse ata o forno onde se deixara a cocer e pediu a empanada en nome da súa dona. Unha vez recibida, puxo rumbo a unha taberna e pediu unhas cuncas de viño para comezar a xantar sen ningún tipo de atranco.

Cando Rosa se fixo sabedora da ausencia da empanada, as súas exclamacións maldicindo ao amigo do alleo deberon escoitarse en todo Donón. A denuncia foi posta ante a Garda Civil, que sen dúbida incomodou á dixestión de tan prezado manxar. Cando menos sabemos que o culpable do roubo pasou algunhas horas no cárcere.

Tamén somos coñecedores de que este home era coñecido popularmente como " José o das empanadas", alcume, polo demais, que non necesita de maior explicación.