Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Os pioneiros da recuperación da conciencia galega

O Centro Social do Mar acolle unha charla de exintegrantes da Asociación Cultural Liboreiro de Bueu, activa trala morte de Franco

Representación da obra "Noite de lobos". // Cedida

Tivo apenas catro anos de existencia, pero sentou as bases do incipiente movemento cultural e político que trataba de asomar a cabeza en Bueu tras moitos anos de dictadura. "Cumpriu a súa función, que era saír á legalidade", resume Xosé Novas, que foi secretario da xestora e da primeira directiva da Asociación Cultural Liboreiro, un colectivo que tivo como xérmolo o núcleo buenense da Asemblea Nacional-Popular Galega, formado polo propio Novas, Xaime Toxo, Francisco Álvarez e Xosé Cestay. "Nesa época so se podía facer traballo de tipo cultural, así que o primeiro paso era crear unha asociación e a partir de aí facer actividades", manifesta.

Deste xeito arrinca Liboreiro, primeiro cunha xestora encabezada por José Antonio Agulla, e despois coa súa primeira directiva, elixida o 30 de outubro de 1976 nunha asemblea á que asisten 80 socios e da que sae como presidente Alfonso Fernández. "Foi todo moi rápido e en moi pouco tempo conseguimos unha gran repercusión social", apunta Novas. O primeiro acto do colectivo foi un recital con membros do Movemento Popular da Canción Galega, celebrado no colexio de A Pedra. Sen un local fixo, as actividades se desenvolvían en diferentes lugares, como no interior da lonxa ou mesmo no antigo Cine Avenida, sempre con bastante éxito para un colectivo que chegou ter máis de 200 socios.

"Había ganas, inquietude na xente por ver cousas. Estabamos a punto de saír do franquismo e a xente estaba ansiosa. Nos desbordaba a participación", lembra o que fora secretario da asociación. Os contactos con outros colectivos, como a Cultural de Vigo ou a de Pontevedra eran constantes. "Buscabamos a complicidade de moita xente de parecido pensamento", apunta. Eses movementos xurdiran nas cidades e agora chegaban progresivamente a vilas máis pequenas como Bueu.

O abanico de actividades que se tocou foi amplo, con representacións teatrais do Grupo Candea de Noia ("Metá e Metá") ou do grupo do Ateneo de Moaña ("Os vellos non deben de namorarse"), colaboracións en festas traendo a Fuxan os Ventos ou ao Mago Antón, a creación dun grupo de baile galego e exposicións de libros galegos en datas sinaladas. Xosé Novas lembra como no Día das Letras Galegas de 1976 a Garda Civil "veu un montón de veces a ver a mesa onde tiñamos os libros. Era unha presión asfixiante, para que seguise habendo medo".

Ese control gubernamental tamén era previo, xa que calquera acto debía ter o preceptivo permiso por parte da Delegación do Ministerio de Información e Turismo sita en Pontevedra. "Manuel Crespo Alfaya era o delegado. Tiñamos que presentar unha solicitude por escrito, e se non dicían nada quedaba aprobada, pero denegáronnos moitas", afirma. Nalgunhas sen aportar razóns, noutras alegando cuestións de tipo formal, "como que facía falta a firma do presidente en vez doutra... Buscaban excusas para non dar o permiso". Eso sucedía principalmente nas charlas-debates que organizaba Liboreiro, e que pretendían espertar unha conciencia social e política: a economía de Galicia, a pesca de baixura, a muller traballadora... Nesa época (1977) ten lugar a primeira manifestación da democracia, convocada polo Sindicato Galego de Traballadores do Mar da Intersindical Nacional Galega, para a defensa da pesca coa arte do "can".

As actividades da asociación se mantiveron ata 1979, pero van perdendo forza coas eleccións de 1977 e 1979 e coa entrada nas institucións e a normalización da vida política. "Ao principio había moita unión, pero despois xa apareceron outras prioridades", lembra. Os intereses políticos e a busca de representación prevaleceron, mentres o maior aperturismo permitiu o nacemento doutros colectivos culturais.

Hoxe, o presidente da xestora, José Antonio Agulla; o primeiro presidente da directiva, Alfonso Fernández; e os cofundadores Xosé Novas, Caime Toxo e Francisco Rodríguez lembraran as súas vivenzas nunha charla baixo o título "Naqueles tempos", no Centro Social do Mar.

Compartir el artículo

stats