Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Santy Corral e Helena Rodríguez: "Cada día que saímos ollamos especies que non tiñamos visto nunca"

O colectivo arrinca hoxe coa 22ª edición das súas Xornadas Micolóxicas de Bueu

Corral e Rodríguez nunha saída de campo. // Ramón Encisa

As Xornadas Micolóxicas de Bueu comezan hoxe (20.30 horas, Centro Social do Mar) cunha conferencia de Puri Lorenzo sobre "Cogomelos saprófitos", e baixo a organización da Asociación Liboreiro.

- Di o refrán que "a mal tempo, boa cara". Neste caso ben podemos dicir que "boa cara e moitos cogomelos". Como está a cousa este ano que se presenta tan chuvioso?

- Pois de entrada: "benvida sexa a chuvia", xa facía moitos anos que non tiñamos un outono como este. E como ben dis: "Ao mal tempo boa cara e moitos cogomelos". Este ano o Morrazo está moi ben micoloxicamente, hai abundancia e moita variedade de xéneros, e por outra banda estamos topando moitas especies que facía anos que non viamos pola falta de precipitacións. Pola contra quen guste de comer cogomelos non o ten tan doado, pois están todos enchoupados e podrecidos de tanta auga que caeu estes días.

- O que está claro é que o mundo dos cogomelos semella bastante amplo. Levan 22 anos de xornadas e cada un cunha programación diferente. Como elixen os temas para non repetirse e resultar atractivos?

- Certo, a micoloxía é moi ampla, hai que tomalo con moita calma e ir aprendendo dos que saben mais ca ti e, coa mesma, compartir eses coñecementos adquiridos cos demais. Unha frase que para nos é xenial e a seguinte de Luís Freire: "Todo aquilo que sabemos é grazas a que outros antes que nos o estudaron, polo que temos a obriga de compartilo cos demais". Temos a gran sorte de contar con moi bos amigas-os doutras agrupacións de Galiza e de fora. A maioría das veces nos dan a escoller a a temática que máis nos interese.

- Que destacarían da programación deste ano? Unha das charlas versará sobre o uso terapéutico dos cogomelos. É unha forma de facer constar que os cogomelos serven para algo máis que a gastronomía?

- Por suposto que si, os cogomelos serven para moitas máis cousas que para comelos e son fundamentais nos ecosistemas onde frutifican favorecendo o desenrolo de moitas plantas, arbores, etc... E por outra banda tamén como descompoñedores e recicladores de moita materia orgánica. En canto aos usos terapéuticos, hai moito potencial, non podemos esquecer que a penicilina, por exemplo, descubriuse nun fungo. E incluso medicamentos tan coñecidos como as estatinas, para o tratamento dos niveis elevados de colesterol ten un orixe fúnxico. Seguro que na charla do martes de Floro Andrés poderemos aprender moitas máis cousas.

- Veñen de publicar no boletín especializado da Sociedad Micólogica de Madrid, o primeiro achado en Europa da "Mycena chlorophos", unha especie tropical ou subtropical, e que atoparon no Morrazo. Como foi ese achado e que valor cren que reviste?

-Pois a este diminuto e fermoso cogomelo xa facía anos que lle seguía a pista, ata que un día lle fixen unha consulta a José Mª Costa e cos seus bos consellos propúxome enviarlle varias mostras a Enrique Rubio Domínguez para que lle fixera un detallado estudo microscópico. Tiña moita semellanza con unha especie que describira Enrique Rubio no Xardín Botánico Atlántico de Xixón como primeira cita para Europa, a Mycena margarita. Logo do exame microscópico e despois de varios envíos (é un cogomelos moi fráxil e moi delicado e tiven que facer varios intentos ata que chegou unha mostra en boas condicións), confirmouse que se trataba doutra especie dese xénero, a Mycena chlorophos. O valor deste achádego? Pois comento o que nos dixo Enrique Rubio sobre o cogomelo: "Describir por primeira vez para todo o continente europeo unha especie non é algo que se faga tódolos días...". Unha gran satisfacción logo de moitos anos de campo.

- É unha proba máis do cambio climático?

-O cambio climático neste caso está descartado, xa que non hai unha progresión na distribución deste cogomelo dende o seu punto de orixe, nunha illa de Xapón, a moitos miles de quilómetros, ata aquí. Mais ben creemos que a razón de que chegara ata O Morrazo ten mais que ver coa acción humana. Na introdución do artigo, José Mª Costa compara esta especie cuns posibles "polisóns silenciosos", e sospeitamos que chegou ou varou nas nosas costas coas descargas de madeira descontroladas que houbo fai moitos anos no porto de Marín, e calquera sabe cantos anos levaría este cogomelo gozando do microclima que temos na bisbarra do Morrazo, ata que un bo día lle dou por frutificar sobre os tocos de diversas árbores que temos pola contorna.

- As charlas sempre inclúen unha exposición fotográfica. Nesta ocasión estará centrada sobre os fungos que frutifican na madeira, que tamén será o tema dunha ponencia. Que poderán ver as persoas que se acheguen á mostra?

- Pois é unha selección de 25 fotografías (foi moi difícil escoller entre tantas fotos estas 25). Unha das que se poderá observar na exposición é a que antes comentamos, Mycena chlorophos xunto con outros cogomelos de formas, tamaños e cores diversos, algún deles de moi pequeno tamaño como a Xylaria violaceorosea preciosidade de cogomelo que foi recentemente atopada no río Frade sobre madeira de loureiro.

- Con esta xa van 22 edicións destas xornadas micolóxicas. Quedan xornadas para rato?

- Pois claro que si, isto engancha, podemos dicir que este ano case cada día que saímos de campo estamos ollando moitas especies que non tiñamos visto nunca. Benvida a chuvia deste outono. Por outra banda, temos un publico fiel as xornadas e non o podemos defraudar abandonado estas xa famosas xornadas micolóxicas. Tamén estamos tendo un moi bo nivel dende fai anos cos conferenciantes, isto non o dicimos nos, nolo din compañeiros doutras agrupacións.

Compartir el artículo

stats