Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Camposantos e cemiterios (II): O cemiterio de Cangas

Data de 1834 e a construción de nichos comezou a principios do século XX

Son varios os sinais que permiten detectar os enterramentos na excolexiata de Cangas e de todos eles destaca o do fundador da mesma: o cónego Andrés de Ortega soterrado no presbiterio. Sería a aparición en 1833 da epidemia de cólera morbo ( vibrio cholerae) en Vigo a que no ano seguinte provocase a pronta construción do cemiterio de Cangas en 1834.

A pesar de que o territorio da parroquia de Cangas tamén abranxía a Darbo, o cemiterio construise o máis perto posible da igrexa pois segundo as normas só se esixían 500 metros de distancia se a poboación non chegaba a 5.000 habitantes, que era o caso de Cangas pois rondaba as 2.256 almas. Durante este episodio, os médicos da época, descoñecedores do bacilo causante, adicáronse a aplicar sangrados e lavativas con quinina, alcanfor e benceno que non facían máis que incrementar a deshidratación, principal efecto da epidemia.

Unha das medidas político-sanitarias foi a de mandar calear todas as vivendas pois, inxenuos, crian que este produto tiña efectos profilácticos contra a estensión do mal e que explica que as vivendas, mesmo as de pedra, tivesen esta cor na fachada durante anos. Como en 1854 aínda persistise a epidemia e para evitar a infección das vivendas con falecidos, habilitaríase no cemiterio cangués un local para depósito dos cadáveres que eran levados en andias ou padiolas durante as horas nocturnas para evitar máis alarma e contaxios. Aquí permanecerían durante o tempo necesario para certificar a sua morte real pois xa se tiña dado a aparición de supostos falecidos na porta do camposanto.

Como se pode deducir, os avances pola democratización dos camposantos eran máis relevantes en épocas progresistas como a antedita da revolución de 1854 (Lei de 1855) que permitía a condución, depósito e enterro co debido respecto e a conta da municipalidade, dos restos dos que non eran católicos, creándose en Cangas tamén neste ano a función inspectora, atendida polos médicos titulares, sobre os servizos sanitarios municipais, entre eles os cemiterios, para garantir a pública salubridade.

Desde 1887 e baixo o mandato do alcalde, o farmacéutico Francisco Martínez Budiño, o alcalde revolucionario de 1846 (F. de V. 24-7-2018) máis sensible cos temas sanitarios, vaise incrementar a preocupación por este tema e en 1894 co alcalde Manuel Sequeiros, o Concello adoptaría definitivamente un marco científico e hixiénico-sanitario sobre enterramentos. Xa que logo, o cemiterio cangués contaría cun cuarto de autopsias e nestas datas primiseculares sabemos que o médico titular Manuel Vilar, auxiliado polo doutor José Piñeiro e o practicante señor Rivas procederon como algo extraordinario, a practicar unha. Tamén nestas datas e pola solicitude que fai un veciño podente de Cangas sabemos que o Concello lle allea (transfere) a perpetuidade o terreo no camposanto para unha sepultura, o que nos dá idea da situación legal nesta época, asunto que, a todas luces, entraría en conflito coas disposicións actuais.

Como nos outros cemiterios das parroquias e polas mesmas datas, pódese deducir que a construción de nichos deu inicio a comezos do século XX ficando de tempos anteriores algunhas tumbas e o osario destacando o panteón-furna brasonado coas armas dos Bermúdez, Castro, Montaos... e coas pertencentes a Joaquín Romero Bedoya do pazo de Vista Alegre falecido en Cangas en 1876. Outro panteón con gran valor patrimonial é o do industrial Joaquín Francisco Graña Fandiño (A. Ranqueta) obra de Ignacio Cerviño realizada entre 1899 e 1901 que destaca polo seu valor escultórico de finura e eclcticismo artístico salientables.

A pandemia de gripe que asolou Europa en plena I Guerra Mundial, causaría máis de 300.000 mortos en España, país neutral que deu noticia da mesma e de aí que se denominase como Gripe española ( Spanish flu). Entre 1918 e 1920, os cemiterios de todas as parroquias de Cangas veríanse colapsados e moitos dos falecidos enterraríanse con rapidez en calquera lugar dos cemiterios ao non existiren protocolos sanitarios para este tipo de incidencias imprevistas.

En 1932, durante a II República, os cinco cemiterios municipais, un por parroquia, eliminarían en base a Lei de Secularización, os muros que viñan separando a parte católica da laica, non sen certa polémica cos estamentos e organizacións relixiosas. Nesta época tamén se nomea unha Comisión Municipal, formada por un concelleiro por cada cemiterio parroquial, encargada do mantemento e das instalacións existentes nos mesmos como muros, portas, pozos ou casas de autopsia. Debido á alta mortandade polas epidemias (tuberculose), a partir do 1932 e por hixiene, ordénase trasladar os mortos en padiolas e non nos ombreiros, evitando asemade o mal cheiro e o contaxio.

Nesta época o custe dos ataúdes dos pobres tamén corría a cargo do Concello, sendo o seu suministrador exclusivo Antonio Solla por convenio municipal. Do cemiterio de Cangas na actualidade, pola sua ubicación e carencia dos servizos que demanda a lei pódese dicir que está nunha situación de alegalidade que só se pode resolver coa construción dun novo.

*Investigador e historiador

Compartir el artículo

stats