Vanse borrando da niña memoria (e, máis lentamente, da miña pel) aqueles anos convulsos e tremendos nos que nos coñecimos. Afortunadamente, aqueles enfrontamentos entre familiares, amigos e veciños quedan xa moi lonxe e oxalá que non volvan. Pero o que nunca se ha borrar en min é a túa figura cordial, acougada e dialogante. Chea de alegría e de firmeza. De retranca galega e de socarronería extremeña.

Xenerosidade é unha palabra que aparece repetida na boca dos que tiveron a sorte de tratarte.

Nunca se ha de borrar de min ese perfil hispanorromano do namorado do Dereito, da profesión da Lei; a de profesar, non a de "vivir a conta de". Porque hai que ter moi clara a misión do avogado e ter un sentido de servizo totalmente extraordinario para facer o que ti fixeches: cortar, en pleno mes de agosto, as túas vacacións coa familia no teu fogar da Extremadura para vir a Cangas defender un -con outros cangueses- acusado de "sedición". E sei ben que o que fixeches comigo facíalo con todos.

Por iso che digo, Antonio, de corazón a corazón, que ti es das persoas que aínda nos fan crer que a Xustiza existe, É escasa, pero existe.

Debémosche moito.

(*) Mestre e escritor de Cangas