Dignificar e reivindicar o traballo das redeiras, as costureiras do mar. Sen as súas mans non se poderían tecer as redes e aparellos que saen baleiros de terra e que voltan cargados de peixe. De vida para unha sociedade que ten na pesca un dos seus piares fundamentais. Ese é o obxectivo de "Redeiras. Unha profesión con historia", unha mostra fotográfica que se inaugurou onte en Cangas e que poderá visitarse durante o próximo mes. Unha exposición que só podía estar nun espazo tan vencellado ao mar como a praza de abastos da localidade, que ten habilitado o seu andar superior.

O acto inuagural contou coa presenza de representantes da Xunta de Galicia xa que a Secretaría Xeral de Igualdade subvenciona esta mostra, Concello de Cangas e Federación de Redeiras O Peirao. Son ducias de imaxes, tanto antigas como modernas. As máis antigas foron cedidas por veciños de Cangas, Malpica e Cariño. "É un orgullo ser redeira e ser familiar de outras mulleres que tamén o foron. Este oficio é un patrimonio a conservar e non debería perderse", manifestaron onte desde la federación. Aseguran que as fotografías que se poden ver nesta exposición "dignifican" ao sector e plasman a realidade do día a día destas artesanas do mundo do mar.

As redeiras son un dos exemplos dos colectivos femininos vencellados ao mundo do mar que emprendeu a súa profesionalización nos últimos anos, o que tivo como consecuencia unha crecente valoración social. "Encarnan a unha comunidade artesanal que loita desde o asociacionismo polo mantemento e sostibilidade da cultura pesqueira e do propio medio", destacan a súa vez desde a Xunta de Galicia. O percorrido fotográfico que está en Cangas permite ver a complexidade e dinamismo do traballo destas costureiras do mar e o cambio obrado ao través do asociacionismo.

A inauguración contou coa participación da concelleira de Mar de Cangas, Sagrario Martínez, que chamou a valorar o traballo das mulleres do mar. "Os premios están ben, pero tamén o respaldo institucional que este oficio continúe. Estas fotografías son un exemplo do papel que desenvolveron as mulleres", manifestou a edil.

A mostra viaxará a outros lugares de Galicia durante os vindeiros meses, como a Malpica ou a sedes institucionais en Santiago. Para o vindeiro verán está previsto que volva a recalar en Cangas.

Mar e agro

Esta exposición compleméntase cunha serie de traballos en madeira de Manuel Fernández, que a golpe de navalla tallou unha serie de maquetas nas que se reflicte o traballo no agro e non mar. Hai aparellos, carros, canastros e ata unha reproducción da antiga conserveira de Masso, incluíndo a súa emblemática torre co reloxio.