A terceira edición do concurso "Contádenos o voso Día das Letras", que organiza a Real Academia Galega (RAG) ten entre os seus gañadores ao CEIP San Roque. Este colexio cangués fíxose cun dos tres galardóns grazas a unha regueifa sobre Antonio Fraguas, o autor homenaxeado este ano. O vídeo coa regueifa foi protagonizado por alumnos de todos os cursos do centro e pódese ver no blogue "Dinamizasanroque.blogspot.com".

O concurso forma parte do proxecto "Primavera das Letras", co que a RAG fornece á comunidade educativa de Infantil e Primaria de material lúdico e didáctico arredor da vida e da obra da figura recoñecida cada 17 de maio. O obxectivo é dar a coñecer como o alumnado de menor idade celebrou o Día das Letras, ademais de premiar a implicación dos colexios na divulgación da lingua e a cultura propias.

Ademais do CEIP San Roque, os outros premios recaíron no alumnado do CPI de Bembibre e no CEIP Ponte do Porto.

Os do barrio vigués profundaron no perfil de Antonio Fraguas mediante unha obra de teatro. Os de Ponte do Porto, pola súa banda, celebraron un festival das letras e emularon as investigacións etnográficas do homenaxeado, recollendo nun libro exemplos do patrimonio inmaterial da contorna dos estudantes.

Na edición deste ano participaron máis de 80 centros educativos de toda Galicia. Todas as súas propostas se poden ven na web de "Primavera das Letras".