Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O societarismo agrario y A actividade en Cangas

Sequeiros e a Liga de Agricultura de Cangas

A asociación agraria, organizada por Eugenio Sequeiros, se inspira na Sociedade de Agricultores do Lérez

Votación feminina na República. // Arquivo do autor

Á vista do seu regulamento, semella que a Asociación Agraria de Cangas vai xa máis alá do mutualismo e se inspira na Sociedade de Agricultores do Lérez, nacida en 1896 que tamén actuaría nos asuntos de índole pública pois no ano seguinte da sua fundación non só se oporían ao proxecto do Ministerio de Fomento para vender os montes comunais senón que ademáis presentarían candidatura ás eleicións municipais no ano seguinte, conseguindo representación municipal no concello de Pontevedra. E nesta evolución cara a intervención no campo político temos que dicir que a Liga de Agricultores de Cangas foi pioneira na sua constitución en 1899, pois o resto das sociedades agrarias canguesas ainda seguirían uns cantos anos co seu específico carácter mutualista e asistencial antes de evoluir cara o sindicalismo na época republicana.

En 1911 o presidente da Liga de Agricultores era José Camaño, actuando como secretario José Benito Boullosa, oficial do Concello que presidía a Sociedade de Agricultores local. Desde 1916 e coa cuestión da redención foral de fondo, serían os socialistas Bernardino González, Lestao, Lorenzo Corbacho ou Eusebio Alonso, os que tentarían reorganizar aos labregos pero como xa comentáramos anteriormente (F. de V. 10-11-2013), veríanse boicoteados no seu labor ao criticaren ao poder municipal en mans dos seguidores de Eduardo Vincenti, xenro de Montero Ríos. Máis tarde, cara a 1922, o movemento agrarista local, moi ambiguo ideoloxicamente, estaría agora tutelado polo lerrouxista radical-republicano Emiliano Iglesias e seguiría unha liña semellante á da anterior influencia socialista pero con maior éxito político, ao colocar a Manuel Cabanelas de alcalde e logo, ao se proclamar a República en 1931, a Francisco Eiroa, por poñer dous exemplos. Herdeiras desta Liga de Agricultores serían a Sociedad de Agricultores y Productores de Darbo, presidida por Francisco Ferreiro Budiño que nas eleicións municipais de 1931 presentarían candidatura pola conxunción republicano-agrario-socialista e a Sociedad de Agricultores "La Luchadora" de Coiro presidida por Ruperto Fraga Pena que era de tendencia republicano-lerrouxista.

Non se pode entender a creación da Liga de Agricultura de Cangas sen o papel de Eugenio Vicente Sequeiros, un dos fillos de Modesta Matos Santos e de Manuel Ventura Sequeiros, residentes na Casa-Granxa do Tobal en Darbo. Este Manuel Ventura era xurisconsulto de profesión e tamén se encargaba da distribución das rendas do sal, exercendo incluso como xuiz e alcalde de Cangas a mediados do século XIX. Outros fillos deste, e irmáns de Eugenio Vicente, eran Xosé (maxistrado, deputado, xuiz municipal... en Pontevedra) e Manuel Ventura, farmacéutico en Cangas. Eugenio Vicente Sequeiros estudou medicina en Santiago e logo de licenciarse, exerceu como director do lazareto de San Simón cara a 1882. Ao pouco, pasaría a exercer de médico municipal de Moaña, vila da que sería alcalde entre 1892 e 1898, ademáis de deputado provincial polo Partido Republicano Federal. En Cangas sería presidente do Casino de la Unión (1880) e entre 1901 e 1903 adquerería un especial protagonismo durante o longo e enconado conflito entre o xeito e a traiña como presidente da Sociedade de Mariñeiros de Cangas, cargo no que sustituira a José Pastoriza. Cando se suscitou este conflito, Sequeiros, que era gran coñecedor dos temas pesqueiros, púxose do lado dos xeiteiros porque como lle dixo ao Ministro de Mariña nunha visita que fixo a Pontevedra "a traíña non é un elemento para satisfacer as necesidades da industria, senón a cobiza duns poucos". O ministro visitaría Cangas o 5 de outubro de 1901 e no día anterior concentráranse máis de dúas mil lanchas do xeito procedentes dos portos entre Fisterra e o o Miño e en terra máis de catro mil mariñeros berraban: Viva o xeito e morra a traíña! Sequeiros, que exercía de anfitrión, díxolle ao ministro que incluso os numerosos traiñeiros de Moaña estaban dispostos a queimar as embarcacións por prexudiciais se se prohibían para todos. Esta destacada participación no conflito conlevaríalle o seu procesamento, xunto cos presidentes das demáis asociacións mariñeiras, por teren denunciado ao comandante de Mariña de Vigo e aos oficiais das canoneiras de vixilancia da pesca por non cumpriren estas co seu deber de control dos traiñeiros segundo as normas establecidas.

Antes disto, xa tiña organizado en abril de 1899 a Liga de Agricultores de Cangas da que foi presidente, xunto con José B. Boullosa de secretario e que polo seu papel preponderante no conflito mariñeiro, foi relevado no cargo en 1902 por Manuel Cabanelas Pedrosa. A maioría destes eran seguidores do liberal Montero Rios e do seu xenro e deputado Eduardo Vincenti, o que xustifica o seu papel interventor nas sociedades agraria e mariñeira, ainda que Sequeiros adoitaba identificarse mellor coa corrente republicano-federal á que representaba como deputado. Eugenio Sequeiros falecería en 1903 aos 49 anos e o seu sepelio foi unha sentida manifestación de dor colectiva por parte dos veciños de Cangas e Moaña. Pouco máis sabemos da actividade da Liga de Agricultores e apenas temos constancia da continuidade do seu proxecto, agás a intención de conseguir para Cangas un campo de experimentación agrícola, xa baixo dirección de Manuel Cabanelas e que se viu frustrado pola falta de apoio do Concello.

O Regulamento

Non é a nosa intención volver sobre o tema agrario ao que xa lle dedicamos tempo e espazo anteriormente, senón comentar algúns dos puntos do Regulamento da Liga de Agricultores de Cangas que foi editada en 1900 e impresa no obradoiro gráfico de Barrientos en Vigo. A constitución de sociedades de calquera tipo e a obrigatoriedade de presentar un Regulamento de intencións e funcionamento, emana da Ley de Asociaciones de 30 de xuño de 1887 que incluía a presentación do mesmo e a sua aprobación polo gobernador civil da provincia.

O regulamento da Liga de Agricultores de Cangas, na nosa particular consideración, constitúe un modelo único pola sua meticulosidade e nel amósase unha especial sensibilidade social que só cabe atribuirlla a Eugenio Sequeiros como autor e ao seu irmán Xosé como asesor xurídico. Consta de 104 artigos e duas disposicións finais, divididos en doce títulos ou capítulos que enumeran diversos aspectos. Sería aprobado pola Xunta Xeral da asociación o 2 de febreiro de 1900 e legalizado polo gobernador civil J. Menéndez Pidal o 14 do mesmo mes, constando como domicilio social da entidade a casa de dona Isabel Barreiro, sita no lugar de Ximeu, parroquia de Darbo.

Analizando as suas pretensións e reivindicacións podemos facilmente deducir cales eran as eivas e carencias das xentes do agro cangués naquelas datas. Como primeira intención lóxica aparece a de asociar aos propietarios de fincas e aos agricultores, apelando á solidariedade de todos os compoñentes e amantes do progreso agrícola, fomentando a defensa dos seus intereses materiais e morais. Para alcanzar o primeiro obxectivo material, propoñen a creación de mutuas de crédito e beneficencia que anulen a usura e faciliten o aforro, proporcionándolle aos socios recursos pecuniarios ou doutro tipo, indispensables para os seus labores e modus vivendi. Tamén propiciarán o coñecemento de novos apeiros e prácticas agrícolas de cara ao melloramento de razas e cría de animais, procurando tamén a reparación, mellora e creación de vias de comunicación que permitan unha mellor intercomunicación e movemento dos produtos. E no referente ao que lle chaman intereses morais, pretenden incentivar o fomento do espíritu, contemplando a creación de bibliotecas, a organización de conferencias técnicas e as lecturas en alta voz de libros e xornais que tratasen de agricultura e ciencias afíns coas suas aplicacións, tentando paliar así o alto indice de analfabetismo existente. Para atallar este déficit cultural tamén propoñen o aumento de escolas rurais de primeiro ensino, de nocturnas de adultos e a difusión da cultura e da instrucción na medida dos seus recursos.

A arbitraxe amistosa nos conflitos entre asociados e a relación con outras organizacións afíns da provincia para a consecución de fins idénticos tamén figuran nestas disposicións que propoñen, asemade, o uso de medios legais de presión ante os poderes constituidos e a intervención directa na formación das corporacións municipais e provinciais mediante a presentación de candidaturas eleitorais.

Nos capítulos segundo e terceiro desenvólvese o proceso de ingreso mediante impresos e a fixación dos acordos nun libro de actas custodiado polo secretario. Para maior axilidade no seu funcionamento, a sociedade dividiríase en catro seccións parroquiais, subdivididas á vez en delegacións de barrio segundo o seguinte acordo: A primera sección parroquial sería Aldán con seis delegaciones de barrio: en Ervello, Espiñeira, Gandón, Menduiña, Piñeiro e San Cibrán; a segunda sección sería Coiro con delegacións no Cruceiro, Outeiro, Parada, Sistro, Forte, Espíritu Santo, A Pedreira, Boubeta e A Rozada; a terceira sección correspondíalle a Darbo con delegacións na Madalena, San Pedro, Cimadevila, Piñeiro, Seixo, Balea e Santa Marta e a cuarta sección parroquial pertencíalle a O Hio coas delegacións de Limens, Nerga, Donón, Vilanova, Pinténs, Igrexario e Vilariño. Cadansua destas delegacións contaba cun delegado electo e o seu suplente que constituían a Xunta de Sección (ademáis de secretario e vicesecretario) e cada un dos presidentes destas catro xuntas conformaban a Xunta Municipal executiva xunto co presidente, vicepresidente, secretario e o contador-tesoureiro.

O capítulo cuarto dedícalle nove artículos aos procesos eleitorais internos dos cargos directivos e mostran unha certa complexidade pola estrutura da Asociación pero claramente democráticos e inclinados a procurar a claridade e pulcritude nos procesos sen que caiban dúbidas.

De igual maneira, o título quinto, ao recoller os dereitos e deberes do socios, amosa unha redacción propia dun xurista sobre o ingreso na sociedade, baixas, cuotas, censo eleitoral, asistencia ou participación nas eleicións de cargos. A tolerancia coas ideas e opinións de todo tipo, a responsabilidade nos cargos e o comedimento en palabras e accións tamén forman parte deste ideario que se compromete no asesoramento e apoio dos socios na defensa dos seus dereitos lexítimos ante todos os poderes públicos e administrativos. Os títulos que van do sexto ao noveno son un longo e matizado compendio de normas e deberes das xuntas e dos cargos representantes en cada unha delas, desde a Xunta Municipal ata as funcións dos delegados e suplentes.

No capítulo dez recóllense unhas disposicións xerais que recollen temas como a obriga de auxilio e atención á familia dun socio en caso de enfermidade e a importancia que se lle daba aos óbitos nestas datas pois procurábase a asistencia ao enterro dos socios cun protocolo establecido para os presidentes e membros das Xuntas respectivas que debían presidir o acto desde o domicilio ata o camposanto. Os únicos cargos retribuidos eran os de Secretario e Contador-Tesoureiro da Xunta Superior Municipal e noutro dos apartados recóllese todo un Procedemento conciliatorio previo co que se trataba de dirimir os prexuizos ou danos que causaban as desavinzas entre socios e se fose con alguén exterior á asociación, esta cargaría cos custes do proceso xurídico.

O duodécimo e último capítulo fai referencia aos procesos correctivos en casos de impagos de cuotas, inasistencia dilatada ás reunións, non aceptación dos fallos dos ditames conciliatorios...

Irrelevante papel das mulleres

E para rematar este resume do Regulamento, que ocupa vinteduas páxinas, temos que puntualizar o incipente recoñecemento e respecto ao papel das mulleres, tan ninguneadas nestas datas (viúvas, co home fóra no mar ou na emigración...) que aparece recollido no artigo 8º pois contemplaba tamén o seu dereito a asociarse se tiñan máis de vinte anos, actuaban como cabeza de familia e eran, portanto, as donas ou usufructuarias das terras como se contemplaba no inicio do texto legal. Fóra desta Liga, as mulleres seguían sen dereitos paritarios cos homes e de poderen exercer o sufraxio pois a posición feminina nestas datas era dunha marcada subordinación e marxinalidade, desempeñando un rol prácticamente nulo dentro da vida societaria desta época. Incluso nos casos excepcionais nos que a muller pudese ser socia polas circunstancias arriba sinaladas, as asociacións católicas recollían nos estatutos que "se hará representar en la Junta por un socio masculino de su elección, mediante carta o comparencia ante el Presidente y Secretario", o que as apartaba de acceder a cargos. Mais, non pensemos que esta marxinación feminina só se producía nas sociedades agrarias confesionais pois nas progresistas, inspiradas pola UGT, as mulleres só podían acceder á categoría de socio pero non a cargos cando ostentasen a cabeceira de familia como acontecía coa Liga de Cangas, o que nos indica cal foi, ao menos, a inspiración dunha parte do seu ideario. Incluso nas máis progresistas cooperativas obreiras, inspiradas polos republicanos federais e a pesar da sua tendencia igualitaria, tamén se impedía que a muller poidese acceder ao chamado tribunal arbitral ou "Jurado". Habería que esperar á época republicana para que, ao menos mentres durou, a muller alcanzase o dereito a voto e representación que pronto se vería frustrado pola chegada do franquismo e a sua permanencia durante case corenta anos.

(*) Mestre e historiador de Cangas

Compartir el artículo

stats