Moitos veciños de Bueu ficaron hoxe sorprendidos ao ver circular polo centro da vila a un fermoso autocar azul da marca Mercedes Benz, que data dos anos 50. O vehículo é moito máis que un simple autobús: é unha máquina do tempo. Forma parte dos elementos e da escenografía que rodean ao programa “Anacos de vida”, que se estreará a finais de ano na TVG e que desenvolve Arraianos Producións. O obxectivo é recoller fotos antigas nas vilas e descubrir as pequenas historias que hai detrás delas. Pequenas historias que, en conxunto, forman unha moito máis grande.

O director do programa é o xornalista Aser Álvarez, que é o máis recente ganador do Premio Johan Carballeira de Xornalismo, que entrega a Concellería de Cultura de Bueu. O programa “Anacos de vida” vai servir para percorrer oito vilas galegas e Bueu será o capítulo que peche esta primeira tempada. “Escollemos a Bueu porque conta cunha historia singular e porque tamén é un reflexo dunha Galicia dinámica e moderna”, explica.

Para o programa centrado en Bueu o equipo contou coa colaboración do CEIP A Pedra, cuxos alumnos participaron nun proceso de recollida de fotos que lles serviu para establecer un diálogo interxeracional cos seus maiores: pais, avós… O autocar que se puido ver por Bueu é a máquina do tempo na que veñen os presentadores, que son os que facilitan ese diálogo, e no seu interior graváronse as intervencións ante a cámara dos nenos.

Entre todas esas imaxes hai unha que é a foto misteriosa, que neste caso refírese a un coñecido persoeiro vencellado a Bueu. A través das pistas que o programa vai sementando e desvelando os nenos acaban por descubrir de quen se trata. Alguén famoso, de prestixio internacional, moi coñecido durante a primeira metade do século XX… e ata aquí se pode contar. Para o coñecer o resto haberá que esperar á estrea do programa, aínda que desde Arraianos Producións esperan poder facer unha preestrea aberta no Centro Social do Mar.