"Oxalá que algún día escribir en galego non sexa un acto militante", destacou hoxe a escritora ourensá Arancha Nogueira no acto de recollida do Premio Johán Carballeira de Bueu, na categoría de Poesía, xunto ó xornalista, politólogo e director e productor de cine Aser Álvarez, galardoado nestos premios do Concello na categoría de Xornalismo. Nogueira obtivo o premio polo seu poemario "O silencio das gaivotas" e o celanovés pola reportaxe sobre Xosé Luis Méndez Ferrín "Ferrín na poesía do circo", publicada no xornal dixital galego "Adiante.gal".

Os premios foron entregados coincidendo co Día de Galiza Mártir nun acto na Sala Amalia Domínguez Búa coa presenza do alcalde, Félix Juncal; e do concelleiro de Cultura, Xosé Leal, que salientou que "entendiamos que tiñamos que celebrar este acto tal día coma hoxe, pois Johán Carballeira é un dos nosos mártires", ao tempo que lembrou a importancia "de facer memoria e promoción da nosa lingua a través dos premios literarios". Pola súa banda, Juncal destacou que "para o Concello, apadriñar e promover proxectos culturais é moi estimulante e gratificante, e máis cando gozan dunha longa vida".

O poemario de Arancha Nogueira, que destacou a importancia destos premios que fomentan espazos para que a xente máis nova poda crear, vaise publicar na colección de poesía da Editorial Xerais. "O silencio das gaivotas" son, como dí a autora, olladas infantís dos modelos adultos e tamén "sobre a familia e todas as persoas que escollemos de maiores e que nos axudan a facer o camiño".

Aser Álvarez fixo unha mención especial a "Quico Cadaval e o propio Ferrín, pois sen eles non tería xurdido este texto que derruba fronteiras entre xéneros e reivindica ese non lugar, esa fronteira onde acontecen as cousas interesantes da vida". O premiado lembrou tamén a figura de Alexandre Bóveda que foi asasinado por defender a lingua e o país: "Este texto xornalistico quere ser un collage que xoga coas fronteiras entre os xeneros e os formatos. Un texto intencionadamente transgresor e Arraiano para dar conta dun encontro entre Mendez Ferrin e Quico Cadaval, quen fixo unha adaptación de Arnoia Arnoia cruzando as fronteiras entre as artes, o teatro, o circo, a poesía, etc", señala o autor.

Os Premios naceron nos anos 90 coma unha homenaxe ao político, poeta e xornalista bueués, José Gómez de la Cueva, máis coñecido como Johán Carballeira.

.