O Concello de Bueu celebra hoxe o acto de entrega dos Premios Johán Carballeira de xornalismo e poesía, a partir das 12.30 h na Sala de Exposicións Amalia Domínguez Búa. Nel participarán os gañadores do certame este ano, Arancha Nogueira, que resultou premiada na categoría de poesía con O silencio das gaivotas, e Aser Álvarez, na de xornalismo coa reportaxe "Ferrín e a poesía do circo".

O poemario de Nogueira será publicado proximamente na colección de poesía da Editorial Xerais,. O xurado destacou o "hábil manexo da sinxeleza e da tenrura, coherencia estrutural dunha historia áxil e luminosa". No caso de Aser Álvarez, salientou "a súa orixinalidade e estrutura, así como pola relación que establece entre circo, teatro e literatura".